Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“A patria que non era tan acolledora como parecía”: entrevista a Xesús Constela
“O
Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a Xesús Constela, autor da novela 15.724. O autor declarou que o Libro dos protocolos foi a parte da novela que máis lle gustou construír. Ese libro describe unha patria idílica e agarimosa como unha nai, pero Samuel R. un dos protagonistas do libro, por unha serie de circunstancias que se producen na vida da súa familia, vai descubrindo que esa patria non é tan agarimosa nin acolledora como el pensaba. Referíndose aos seus plans de futuro, Xesús Constela asegura que lle gusta «xogar, xogar co cambio de narradores e co cambio de perspectivas». A entrevista completa pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.
Agustín Fernández Paz fala por vez primeira sobre O rastro que deixamos
“Coincidindo
coa súa presenza o 6 de agosto de 2012 na Feira do Libro da Coruña, Agustín Fernández Paz fala do seu novo libro, O rastro que deixamos, que publicará Xerais na súa serie Crónica o vindeiro mes de outubro. Na entrevista Agustín define O rastro que deixamos como “un libro que está escrito cos fíos da vida sen tinguilos coas cores da ficción porque é un libro cunha carga autobiográfica moi grande”. Continúa dicindo que “recolle algúns textos que xa publicara en lugares dispersos e outros inéditos que abordan dous aspectos: un deles cuestións relacionadas coa miña biografía e outro reflexións sobre o traballo de escritor. Aquí está a memoria da infancia, a memoria da descuberta da literatura, do cine e dos cómics, a Vilalba dos anos 50 e 60″. Despois de agradecer o traballo de edición dos textos realizado por Isabel Soto, Agustín explica que o título está tirado dunha frase que aparece na novela Todo canto amei de Siri Hustvedt, a muller de Paul Auster, “que fai referencia a que os libros que imos publicando son como rastro de pedriñas que deixaron Hansel e Gretel”.” Vía Xerais.
Entrevista a Xosé Fernández Ferreiro sobre De Xente Nova a Brais Pinto
“Xosé Fernández Ferreiro fala de De Xente Nova a Brais Pinto coincidindo coa presentación o pasado 4 de agosto deste libro de memorias na Feira do Libro da Coruña. Na entrevista di que os membros de Xente Nova “queriamos crear unha Galicia nova sen olvidar o pasado. Tiñamos moitas ideas e pouco fundamento. Tiñamos moita ilusión”. Porén, seis anos despois, “Xente Nova renaceu en Brais Pinto, as ideas eran moi semellantes, frutificou alí, estaba máis rodado”. Para el sen Brais Pinto “non terían xurdido a Nova Narrativa Galega ou o grupo A Gadaña”. Fernández Ferreiro remata a entrevista confesando que “si son algo é labrego ou afiador. Agora cando a miña aldea non existe, síntome máis atado á terra”.” Vía Xerais.
María Reimóndez: “Busco o cambio dende a rebeldía. As personaxes de En vías de extinción utilizan a súa marxinalidade para criticar o centro”
Entrevista
a María Reimóndez en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A protagonista da súa última novela [En vías de extinción] é unha moza que vai dende o rural de Lugo a Vigo para estudar Tradución e Interpretación. É vostede?
– María Reimóndez (MR): Non para nada. O libro xoga con elementos que teñen que ver con miña vida pero nada máis. Tirei de detalles que me son coñecidos pero como persoa, a protagonista, Gaia, é moi distinta a min.
– DP: Que máis hai de María Reimóndez no libro?
– MR: De min no libro está a rebeldía, que é algo co que me identifico. Ademais está busca de espazos políticos fóra dos habituais, no ámbito privado, por exemplo. Gústame buscar personaxes que a sociedade marxina. E dáse a casualidade de que estes personaxes utilizan a súa marxinalidade para criticar ao centro dende esa posición. Gaia –a protagonista- está nas marxes pola súa identidade rural, por ser galegofalante e ser lesbiana. A miña intención é demostrar que ás veces a xente que vive no centro ten unha visión máis limitada das cousas. E os que obsevan dende fóra, como Gaia, poden ter unha visión máis complexa. (…)
– DP: A autora María Xosé Queizán comparaba o papel secundario das mulleres co da lingua galega. Segue a ocupar un lugar secundario o galego?
– MR: E direi máis: entre as persoas galegofalantes, as mulleres aínda estamos máis discriminadas que os homes. Seguimos na dinámica de que uns teñen o poder e outros son a plebe. Neste organigrama os galegos están moi abaixo, pero isto lévame ao que dicía antes de que canto máis marxinal é unha posición, máis completa é a súa visión do mundo. Hai dous tipos de galegofalantes: os activistas e os que non o son e mesmo amosan certo autoodio. Neste contexto o papel das institucións sería intervir para cambiar a situación, o curioso é que os que gobernan na Xunta reforzan estas actitudes. Ademais están as dificultades para chegar á cidadanía porque as vías de comunicación está atoradas. Entón unha persoa sabe máis cousas do que pasa en Madrid que do que pasa en Pontevedra. Os referentes culturais desprázanse e un galego non sabe quen é Agustín Fernández Paz pero si Pérez Reverte. (…)”.
Arteixo: presentación de 50 faros de Galicia, de Javier Toba
O
sábado 8 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase o libro 50 faros de Galicia, de Javier Toba, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, participa Tucho Calvo.
Lugo: Xornadas de Erotismo na Arte, do 20 ao 28 de setembro
Do
xoves 20 ao venres 28 de setembro, na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo, baixo a organización da Rede Museística Provincial, desenvolveranse as Xornadas de Erotismo na Arte, que forman parte das actividades complementarias da exposición Arte para gozar. Sensualidade e erotismo nos museo da Rede Museística da Deputación de Lugo, aberta ao público na Sala de Exposicións do Museo Provincial desde o 12 de xullo ata o 30 de setembro de 2012. Os coordinadores son Fernando Arribas e Antonio Reigosa.
Dentro do programa, que pode ser consultado integramente aquí, destacamos as seguintes actividades:
Xoves, 20 de setembro
– 18:10 h. O cine erótico e pornográfico en Lugo, por Fernando Arribas Arias.
– 19:30 h. A filla que aleita ao seu pai: Piedade filial ou erotismo incestuoso?, por Antonio Reigosa.
– 20:15 h. Tertulia e debate coa participación dos ponentes e do público asistente.
Venres, 21 de setembro
– 18:00 h. Contos colorados. O erotismo na literatura popular, por Xosé Miranda.
– 19:00 h. Sensualidade e erotismo na arte europea, por Covadonga López de Prado Nistal.
– 20:00 h. Tertulia e debate entre os ponentes e o público asistente.
Mércores, 26 de setembro
– 18:00 h. Ti contabas as estrelas / eu as areas do chao: Erotismo e poder na poesía galega de tradición oral, por Olga Novo.
– 19:00 h. O febril revoar das amavías. Lecturas de sexo e desexo, por Isidro Novo.
– 20:00 h. Tertulia e debate coa participación dos ponentes e do público asistente.
Diploma de asistencia. As persoas isncritas cuxa asistencia non sexa inferior ao 80% das horas impartidas recibirán un diploma acreditativo de 20 horas lectivas.
Inscricións. As inscricións, que son gratuítas, realizaranse exclusivamente a través deste formulario: >>Formulario de inscrición
Máis información aquí.
Santiago: presentación de A narrativa xuvenil a debate (2000-2011)
O
venres 7 de setembro, ás 11:00 horas, nas instalacións da Biblioteca da Fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, baixo), presentarase o libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011) da Rede Temática de Investigación LIJMI, publicado en Xerais. No acto participará Blanca-Ana Roig Rechou, coordinadora da obra e Manuel Bragado.
Xesús Constela: “Para escribir esta novela cheguei a entrar en arquivos de cárceres norteamericanas grazas a internet”
Entrevista
a Xesús Constela en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Agardaba o que está a suceder con 15.724?
– Xesús Constela (XC): Estou abraiado e agradecido. Escribir é moi solitario e nunca sabes o que vai pasar. Es como un artista de circo que ensaia o seu número pero non sabe se vai funcionar. Estou contento coa reacción crítica, aínda que eu escriba para os lectores, e por suposto para estar contento conmigo mesmo. (…)
– DF: Contou o que quería contar en 15.724?
– XC: Completamente, aínda que non me resultara fácil. Pero a reacción da crítica e da xente está sendo espectacular. Tardo varios anos en escribir unha novela, ou un libro de relatos, sempre tratando de que o resultado teña o listón alto, cun mínimo de calidade incluso lendo en voz alta o resultado do texto.
– DF: Que sucedeu desde que en 2003 gañou o Premio Torrente Ballester con As humanas proporcións?
– MC: Pois que entrei nun mundo que non coñecía e onde os meus textos, Libro das Alquimias, Shakespeare destilado ou este mesmo sempre foron tratados moi ben, aínda sendo de rexistros moi diferentes. Que será o próximo? Xa traballo nun libro de relatos, unha volta ás orixes. Gústame a inmediatez dos contos.”
Ángel Basanta: “A Casares pásalle o que lle pasou no seu día a Cunqueiro”
Entrevista
de Camilo Franco a Ángel Basanta en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se le hoxe a narrativa de Carlos Casares?
– Ángel Basanta (AB): O primeiro que hai que dicir é que foi unha narrativa truncada na súa madurez. Casares morreu novo e tivo unha carreira literaria ascendente que quedou cortada. Pero se teño que dicir algo do conxunto da súa obra diría que é un exemplo perfecto de tradición e modernidade. Escolleu de xeito deliberado o realismo e foi aplicándolle descubertas das técnicas narrativas do século XX que el coñecía moi ben. (…)
– LVG: ¿Cre que a obra de Casares conecta cos lectores e cos autores máis novos?
– AB: Non é dos autores que está máis presente no discurso de agora. Pero isto pasa sempre. Os fillos empezan matando ao pai. Os lectores novos e os narradores novos han contar con el. A Casares pásalle o que lle pasou a Cunqueiro, aínda que os motivos son diferentes. Pero son autores que sempre volven. Sempre pasa: despois de morrer pasan vinte anos e logo volven. Sempre hai ese deserto.”
