Entrevista
a Xosé Luís Méndez Ferrín en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿E cando pasou de Día de Santiago a Día de Galicia?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): De todos os lugares simbólicos do país este é o máis moderno. O escudo pérdese na noite da Idade Media, a bandeira ten unha historia desde finais do século XIX, o himno tamén… Pero o Día de Galicia apareceu como unha proposta da asemblea das Irmandades da Fala en 1919 e celebrouse por primeira vez en 1920. (…)
– LVG: ¿No caso de Galicia non sería mellor un Día da Matria?
– XLMF: Si, desde logo, e esa palabra xa ten sido usada. Cando escribe Valentín Paz Andrade o seu pranto por Castelao chámalle Pranto matricial, pola matria.
– LVG: ¿Vostede non será máis do 17 de maio que do 25 de xullo?
– XLMF: Non, pero o feito de que coincidan na mesma data diferentes celebracións, unha festa nacional, unha festa relixiosa, o patrón da arma de Cabalería, o patrón de España… fai que o 25 de xullo se produza unha intersección de vectores que xeran certo ruído mediático. (…)”
Santiago: presentación de A nena levantadora de pedras sagradas, de Cipriano Fernández
O
xoves 26 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro A nena levantadora de pedras sagradas. Seis pezas de teatro para nenos, de Cipriano Fernández Fernández, publicado por 3C3 Editores. No acto, xunto ao autor, intervirán Manuel Guede e Xosé Amancio Liñares Giraut.
Santiago: actividades literarias do 24 de xullo no Festigal 2012
Na
Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o martes 24 de xullo:
– 17:00 h. No Café Concerto, presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicado en Galaxia.
– 17:15 h. Presentación do libro Por uma democracia radical, publicado en Estaleiro editora.
– 17:45 h. Presentación de: Proel e O Galo de Amado Carvalho e Folhas Novas de Rosalia, da coleção Clássicos da Galiza da Academia Galega da Língua Portuguesa.
– 18:30 h. Presentación de Dezaoito, antoloxía de poetas galegos e portugueses publicada por Penúltimo Acto. Terá lugar un recital poético coa participación de Iolanda Aldrei, Alexandre Insua Moreira, Virgílio Liquito, Cruz Martínez Vilas, Jaime Moreda Santamaría e Rosanegra.
– 19:15 h. Presentación do libro A rota do sol, de Camilo Nogueira, publicado en Laiovento. Falarán: Xabier Macias, Ana Miranda e o propio autor.
– 20:00 h. Presentación da novela As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde, Che Turnes e Manuel Bragado.
– 20:45 h. Presentación do libro Carné de identidade, de Mahmud Darwix, publicado en Barbantesa.
– 21:30 h. Presentación do libro Mordida, de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora.
– 22:00 h. Presentación de Nântia e a cabrita d’ouro, de Concha Rousia.
– 22:00 h. No Café Concerto, Aid presenta o libro-disco Rapoemas, editado en Galaxia.
Paco Martín: “A miña viaxe soñada sería á ‘Illa do tesouro’, Macondo…”
Entrevista
a Paco Martín en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?
– Paco Martín (PM): Son un xubilado que escribe algunhas cousas e eses son dous labores doadamente soportables, que soamente teñen de negativo o peso dos anos. (…)
– EP: O soño que máis se repite é…
– PM: Hai anos que intento estimular soños para outros. Un personaxe literario meu ten, como segundo oficio, o de debuxar soños para os que perderon a capacidade de soñar. Se cadra por iso os meus soños son do máis diverso. (…)
– EP: Alguén que logrou o maior recoñecemento -o Premio Nacional de Literatura– polos seus libros infantís, ¿que lles diría aos que cren que este é un xénero literario menor?
– PM: Nada lles diría. Están no seu dereito. (…)”
Pontevedra: conferencia A literatura é o País das Marabillas, de Francisco Castro
O
martes 24 de xullo, ás 20:15 horas, no marco do II Outlet do libro galego que está a celebrarse no Café Moderno de Pontevedra, terá lugar unha conferencia de Francisco Castro baixo o título A literatura é o País das Marabillas.
Declarado deserto o 8.º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos
“O fallo, de carácter unánime, foi dado a coñecer na cea anual celebrada na Casa Grande do Bachao na tarde-noite do venres 20 de xullo con asistencia de máis dun cento de persoas entre as que figuraban representantes de todos os sectores da cultura do país. O xurado, do que formaban parte a escritora María Xosé Queizán, que sería a titora desta edición, Iria Morgade como gañadora da anterior, e Tucho Calvo, lamentou a baixísima participación rexistrada “cando vivimos tempos en que a cultura e a imaxinación son máis necesarias que nunca” e, compartindo coa organización que “quizais non se acertou este ano na comunicación das bases á mocidade”, fixo un chamamento “á colaboración de cantas persoas poidan estar en contacto coa xuventude para acadar unha maior participación nos vindeiros anos”.
Antes de se servir a cea e da actuación do dúo formado por Dorothea Nicholas, violín da Orquestra Sinfónica de Galicia, e Fernando Gracia Gómez, profesor de frauta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, deuse a coñecer o gañador do 4º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia. O galardón, que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, correspondeu a Alfonso Blanco Torrado, no que se recoñece un traballo de décadas tanto no campo social como na cultura de base, en especial en varias parroquias do concello de Guitiriz.” Desde Biblos Clube.
Quiosco: Grial 194
“Ante
a proximidade dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, a revista Grial dedícalle o seu número 194 cun monográfico a Rosalía de Castro. Dolores Vilavedra e María do Cebreiro coordinan esta sección con colaboracións internacionais nas que se abordan cuestións como a aculturación en varios personaxes da autora ou a situación das mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX. Canda a isto, Víctor Freixanes asina un artigo de lembranza ao recentemente falecido Xaime Isla Couto, Ramón Villares reflexiona sobre a importancia de Galicia como tarefa de Valentín Paz Andrade. Unha entrevista co escritor Tom McCarthy, e as habituais seccións de crítica e creación son outras dos contidos desta entrega.” Vía Cultura Galega.
Concha Rousia: “Nântia vêm sendo os fantasmas em que nosso ser coletivo, nosso ser cultural, sobrevive”
Entrevista
a Concha Rousia no Portal Galego da Língua:
“- Portal Galego da Língua: Qual o objetivo do livro [Nântia e a cabrita d´ouro]? Que público procura?
– Concha Rousia: O livro tem um objetivo filosófico: Esse objetivo é voar, é libertar a palavra que me foi dada… Eu tenho que passar essa palavra para a minha filha, mas não posso abrumá-la, não posso fazê-la prisioneira de custodiar nosso riquíssimo legado. Dantes era mais fácil, meu pai falava a carão do lume, e meia dúzia de filhos apanhávamos suas palavras pelo ar, com a ajuda da não existência da televisão, nem a internet. (…) O livro tem também um objetivo pragmático: Esse objetivo é procurar fazer chegar aos mais jovens as histórias mais antigas, de forma divertida embora não superficial. De fácil leitura mas não de fácil processamento do que o livro conta. Está pensado para um público jovem, sem importar a idade… Pode ser como os puzzles de 8 a 99 anos, ou mais… Eu penso que pode ser o livro galego que a juventude galega ainda não leu sobre o seu mundo, seu mundo tão roubado deles, não é? Mas como isso nos leva passado a tantas gerações acho que a idade não será impedimento para se meter dentro do mundo que recria para nós. Depois também está pensado para poder ser lançado ao resto do mundo. (…)”
Entrevista con Santiago Lopo
Entrevista
con Santiago Lopo en Galaxia:
“(…) – Galaxia: A novela coa que vostede acaba de obter o Premio García Barros presentouse baixo o lema Tempus fugit e o seu título definitivo vai ser Hora zulú, ¿cal é a relación entre o tempo que escapa e esa hora concreta que se cualifica co xentilicio zulú e que parece indicar un tempo fóra do común, mesmo “exótico” ou esotérico?
– Santiago Lopo: Unha das ideas que quería transmitir é que a humanidade etiquetou o tempo para entendelo mellor, pero trátase simplemente diso, dunha etiqueta. Un mesmo instante é vivido simultaneamente en todo o planeta, a pesar de que teñamos diferentes fusos horarios. Esa idea de simultaneidade interésame, igual que o concepto de tempo non-liñal. As nosas vidas non son liñais. Aínda que busquemos un fío condutor para entender mellor o transcorrer do tempo, unha gran parte da nosa vida pasámola nos soños, no pasado que recordamos e no futuro que imaxinamos. Boa parte dos físicos actuais coinciden en que o tempo realmente non existe, é unha invención que nos permite vivir máis facilmente. (…)
Santiago Lopo gaña o XXIV Premio Manuel García Barros, con Hora zulú
“Santiago
Lopo, coa novela Hora zulú, é o gañador do XXIV Premio Manuel García Barros que concede o Concello da Estrada. O xurado salientou que desde a variedade de rexistros literarios de calidade (cartas, poesía, informes,…) apreixa o leitor para contar unha historia de actualidade científica que cuestiona as fronteiras espazotemporais e reivindica valores ecoloxistas. Valorouse tamén a concepción do psiquiátrico como metáfora da sociedade actual que lle serve o autor para elaborar con destreza a biografía dun científico comprometido co seu tempo e activismo social. Como gañador do certame Manuel García Barros, a súa obra será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia.