Bases do XXXVIII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo do 2012

1. FINALIDADE DO PREMIO. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Cerdedo organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo (e tamén neste ano en especial á memoria e homenaxe de Don Antonio Rodríguez Fraiz, natural de Tomonde, Cerdedo, fundador da Fundación do Padroado Pedrón de Ouro).

2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR. Poderán participar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR. Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN. As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 2 de novembro de 2012 a algún destes enderezos:

FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela

CONCELLO DE CERDEDO
Praza do Concello,nº1
36130 CERDEDO-Pontevedra

Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno.No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***)
Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5. PREMIOS. A obra gañadora será premiada con 1000 €. Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un. Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda que non conten con premio económico).
(***)
En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores e autoras.

6. XURADO E DECISIÓN. O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores (AELG e PEN Clube Galicia) e do Concello de Cerdedo.
Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, secretario/a e moderador/a (estes dous últimos con voz pero sen voto).
(***)
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7. ENTREGA DE PREMIOS. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Cerdedo (Pontevedra) na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8. OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as bases deste Certame.

Celia Parra: “Cada vez hai máis xente aillada”

Entrevista a Celia Parra en Galicia Confidencial Tendencias:
“(…) – Galicia Confidencial Tendencias (GCT): Non sempre escribiches audiopoemas, polo que vexo…
– Celia Parra (CP): Non. Comecei o ano pasado. Tiña unha asignatura que era Banda sonora e tratamento de son. O profesor moveunos moito por eses temas. Collín un poema que xa tiña e creei unha base para el.
– GCT: As bases musicais dos teus poemas son creadas por ti?
– CP: Non sempre. Para os primeiros comecei cos loops. Ía collendo pequenos anacos de segundos e facendo misturas. Agora estou compoñenmdo eu as propias bases…
– GCT: Agora que compós ti a base musical… que vén antes? Poema ou música?
– CP: Agora é ao revés que no comezo. Comezo cunha base, miro onde pode acaer ben e adapto xa esa base ao poema. (…)
– GCT: Literatura galega actual…ano 2012. Estado da cuestión…
– CP: A cousa está mellorando… pero se estás metido velo, se non, igual non… Ata hai uns anos a poesía, por exemplo, non saía de circuítos pechados, das contornas elitistas, os actos institucionais… Agora hai moita xente: Samuel L. París, Antía Otero, as Poetas da HostiaMaría Lado e Lucía Aldao-…que están traballando para abrila á xente. (…)”

O Pranto Matricial, de viva voz

Desde Cultura Galega:
“A polifacética figura de Valentín Paz-Andrade tivo unha das súas expresións máis interesantes na poesía. Editouse en 1955 en Bos Aires, coincidindo co quinto aniversario da morte de Castelao, un pequeno libro de 35 páxinas, completado con fermosas ilustracións de Maside, Colmeiro, Souto e Torres. Presentamos este libro cunha gravación realizada polo propio autor en 1957 nos estudos San Martín de Bos Aires.”

Teo: presentación de O meu primeiro Celso Emilio

O venres 27 de xullo, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Teo, terá lugar a presentación do libro O meu primeiro Celso Emilio de Xosé e Xiana Lastra, publicado en Xerais. No acto participarán Carme Hermida, Manuel Bragado e o propio Xosé Lastra. Logo da presentación, María Manuela, Mero, Mini e Xiana darán un concerto das pezas do CD que acompaña ao libro.

Santiago: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwish

Este martes 24 de xullo, ás 20:45 horas, e dentro das actividades do Festigal 2012, preséntase a tradución ao galego de Carné de identidade, de Mahmud Darwish, feita por Moncho Iglesias, e publicada en Barbantesa. Darwish foi nomeado Escritor Galego Universal pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega o ano 2006.

Ribadavia: Xornada de Crítica e Teatro, o xoves 26 de xullo

En Ribadavia reuniranse os nomes máis sobranceiros da crítica teatral nos nosos medios de comunicación e debaterán cos artistas escénicos sobre aspectos vencellados aos xéneros, á actividade profesional, á relación cos medios de comunicación ou, en definitiva, o propio exercicio da crítica.
No marco da Xornada de Crítica organizada pola Sección de Crítica da AELG, quixemos nesta ocasión atender a crítica teatral a través da reunión de críticxs e artistas das artes escénicas. Así, tratarase de reflexionar sobre a presenza e ausencia da crítica nun ámbito artístico heteroxéneo e dinámico, onde se reflicten coma en ningún outro espazo cultural as particularidades dun contexto emerxente como é o galego.

– Coordinada por Inma López Silva e Roberto Pascual.
– Lugar: Ribadavia (Mostra Internacional de Teatro) Salón de actos do Concello. Praza Maior.
– Data: Xoves, 26 de xullo de 2012.
– Hora: 10:00 h.

Apertura da sesión: Presentación da xornada e estado da cuestión, por Roberto Pascual e Inma López Silva.

O gran ausente da crítica: teatro para a infancia e a mocidade

Montse Pena Presas (Investigadora USC).
– Paula Carballeira (Escritora, actriz).
– Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante).
– Modera: Blanca-Ana Roig (Profesora USC).

Teatro e literatura dramática ante a crítica

Dolores Vilavedra (Profesora USC).
– Santiago Cortegoso (Actor, director e dramaturgo).
– Francisco Pillado (Editor).
– Modera: Roi Vidal Ponte (Director de escena).

A crítica teatral nos medios de comunicación

– Mónica Caamaño (Plataforma das Artes Escénicas).
– Comba Campoy (Xornalista).
Ana Romaní (Radio Galega).
Camilo Franco (La Voz de Galicia).
– Manuel Xestoso (Revista Galega de Teatro).
– Modera: Inma López Silva (Revista Tempos Novos).

13:30 h. Clausura e acto de entrega do Premio de Honra Abrente a Francisco Pillado Maior.

Santiago: actividades literarias do 25 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o mércores 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro: A terra sabe a loita, de Emilio López Pérez (Milucho).
16:30 h. Presentación do libro O galego é uma oportunidade, de José Ramom Pichel e Valentim R. Fagim, publicado por Através Editora.
17:00 h. Presentación do libro Cartografías do derrubo, de Carme Adán, publicado por Difusora das Letras. Falarán no acto Tareixa Navaza, Xabier Paz e a propia autora.
17:35 h. Presentación de Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. Coa participación de Carlos Lema xunto á autora.
18:15 h. Presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participan Suso de Toro e Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, que contará coa presenza de Víctor Freixanes e o autor, Xosé Ramón Fandiño lerá algúns fragmentos do libro.
19:45 h. Presentación do libro Crise e radicalización neoliberal, de Xavier Vence, publicado en Laiovento. Falarán Francisco Jorquera e o autor.
20:30 h. Presentación do libro Outramente…, de Maria Pilar García Negro, publicado en Laiovento, con intervención, xunto á autora, de Goretti Sanmartin.
21:15 h. Presentación do libro Carvalho Calero Atual. Coletânea de artigos de Carvalho Calero comentados por 11 especialistas, publicado por Através Editora.

Declarado deserto o premio Abrente

“(…) No marco da Mostra Internacional de Ribadavia, o xurado do 7º Premio Abrente para Textos Teatrais deu a coñecer que “ao non haber un texto que contase coa dimensión dramática suficiente a nivel formal e de contidos e non lobre seducir unánimemente ao xurado para obter ese recoñecemento” queda deserto. Con todo, o xurado destacou “a variedade, a riqueza temática das obras presentadas ao concurso de textos teatrais Abrente, en especial as presentadas baixo o lema Bielmeier e o lema MAD e o potencial cinematográfico do texto presentado co lema Flanagan.” Vía Cultura Galega.

Pontevedra: tertulia arredor da triloxía Dragal, de Elena Gallego

O xoves 26 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Frei Juan de Navarrete, 5, baixo) de Pontevedra, terá lugar unha tertulia sobre a triloxía de Dragal de Elena Gallego. Neste acto, organizado por Onda Cero Pontevedra, os lectores/as poderán conversar coa autora.

Quiosco: Revista Galega de Teatro, 71

“No marco da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentouse o número 71 da Revista Galega de Teatro. Esta publicacion editada pola asociación cultural Entre Bambalinas mantense fiel ás súas seccións habituais. Así, no último volume, Inma López Silva entrevista a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, para falar do teatro institucional; inclúese o texto O principio de Arquímedes, de Josep Maria Miró Coromina (Premi Born del Cercle Artístic de Menorca) na sección para difundir a dramaturxia en galego; así como críticas dos espectáculos Kamouraska, de Inversa Teatro e Malena llena eres de gracia, de Compañía das Marías, xunto coas crónicas das Mostras de Teatro Universitario de Vigo e Ourense, o ALT 2012 e a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas de Xixón.” Vía Cultura Galega.