O
xoves 21 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a reedición de Pornografía, de Lupe Gómez, publicada en Positivas. No acto, xunto á autora, participan Arturo Casas, Francisco Macías e os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Entrevista a Marilar Aleixandre, nos Premios Xerais 2012
Entrevista a Fran Alonso, nos Premios Xerais 2012
Booktrailer de Dragal, a triloxía de Elena Gallego
Santiago: presentación de Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure
O
mércores 20 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez, Amalia Baltar e Carlos Callón. Reportaxe posterior en Galaxia.
Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o Premio Cidade de Ourense con Habitación do asombro
“Con
Habitación do asombro, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello fíxose coa XXVIII edición do Premio Cidade de Ourense de Poesía, un galardón que foi adxudicado por un xurado formado por Fernando de Castro Blanco, Teresa Devesa, Francisco Xosé Fernández Naval e Xavier Rodríguez Barrio, gañador da anterior edición do premio.
O xurado destacou da obra de Fernán Vello unha grande “unidade temática e estilística, con imaxes reveladoras e brillantes de grande perfección lírica”. Afondou tamén na consistencia duns poemas que calificaron de “longo alento”, xa que, ao seu ver “manteñen a tensión de principio a fin, sen decaer en ningún momento”. (…)” Vía Sermos Galiza.
Marcos Calveiro: “Amancio Ortega non é exemplo ético de nada. Quen teña cartos que faga algo polo país!”
Entrevista
a Marcos Calveiro en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Voulle facer unha pregunta tan típica como reiterada. A literatura infantil e xuvenil segue a ter unha inxusta consideración dentro do canon literario?
– Marcos Calveiro (MC): Pese a figuras como Agustín Fernández Paz ou Xabier P.DoCampo, segue a ter unha consideración menor. E iso que no caso de Agustín… Agustín xa é unha figura que se sae do molde da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), xa é un exemplo ético e reivindicativo. Eu lémbrome que cando publicara Festina Lente, alguén me dixera: “Vaia, es escritor!” E xa levaba catro ou cinco novelas escritas! É dicir, a xente segue a ver a LIX coma unha literatura de segunda división. Para min é o contrario. A mellor literatura que se fai en Galicia agora mesmo é a LIX. Hai libros extraordinarios, con moitísimo máis nivel que moita da literatura para adultos. Supoño que ten moito que ver con que os medios poñen moito máis o foco na literatura de adultos. Pero realmente a LIX é a que está a formar lectores, a que máis vende e a que máis traducións ten no mundo adiante. En fin, a min tanto me ten. Eu non escribo un libro pensando se vai ir a unha colección infantil, adolescente ou de adultos. (…)
– D: Por que Calveiro escribe novelas afastadas no tempo e na xeografía? Non lle atraen as novelas ambientadas na Galicia contemporánea, por exemplo?
– MC: Non é algo intencionado. A min préndenme historias na cabeza e acaban saíndo sen máis. Situándote nese tipo de historias, afastadas no tempo e na distancia, tes máis facilidade de narrar, de fabular. A historia actual estase a contar na rede, nos xornais e penso que non se conta na literatura. Agora todo é moi inmediato. Hoxe hai un bombardeo constante e inmediato, iso non pasaba nin no século XIX nin no XX. Eu aprecio moito unha ferramenta tan instantánea como é twitter. Hai grandes reflexións nos tweets, pese a ser de 140 caracteres como máximo. Francamente, un tweet de 140 caracteres pode valer tanto coma unha novela. É unha ferramenta que pode captar a esencia do momento dun xeito incrible… Supoño que todo iso fai que fuxa un pouco da actualidade, pero non o fago dun xeito consciente. Iso non quita que mañá poida comezar a escribir unha novela do que está pasando en Vigo agora mesmo. (…)”.
Seminario Dramaturxias e Novas Linguaxes Escénicas, impartido por Afonso Becerra de Becerreá
A
Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro. Non hai teatro nin espectáculo sen unha dramaturxia que o estruture e lle dea sentido. Nos métodos e modelos de composición dramatúrxica radica a efectividade dun espectáculo. É nese ámbito onde se toman as decisións fundamentais e onde sen marcan os retos que despois haberá que realizar na posta en escena. O teatro emprega unhas linguaxes escénicas, cun léxico e unha sintaxe específicas, que están en constante evolución, como acontece con outras linguaxes no resto das artes. A dramaturxia, entendida como enxeñaría teatral, ocúpase desta evolución das linguaxes e dos estilos, investiga e propón retos aos escenarios. Así pois, para facer teatro é importante coñecer os elementos e os procedementos básicos de análise, creación e composición dramatúrxica, tamén algúns dos referentes históricos e contemporáneos que cambiaron e cambian a concepción das artes escénicas. E isto non é só necesario para quen se dedique a facer teatro, senón tamén unha oportunidade de afondar na percepción que temos da arte do teatro e afinar aínda máis o goce do noso padal, porque o gusto tamén se educa e é cultural (Non só somos o que comemos ou o que lemos, en teatro tamén somos o que vemos). Máis información aquí: CONVOCATORIA CURSO AFONSO BECERRA.
Temario:
– A composición de accións no modelo dramático clásico e na dramaturxia posdramática.
– Análise dramatúrxica de espectáculos.
– A evolución das linguaxes escénicas. A educación do gusto e os hábitos de recepción (L’école du spectateur).
– Tipoloxías de acción. Composición e análise da acción. Tipoloxías de personaxe / actriz, actor / performer / figura, silueta. Composición e análise do personaxe.
Exercicios:
– Exposición e debate dos temas.
– Análise de documentos audiovisuais e gravacións de espectáculos.
– Composición e análise de casos prácticos.
O Docente: Afonso Becerra de Becerreá.
Datas e duración:
– 15 horas lectivas co seguinte calendario:
– Do 3 ao 7 de Xullo: 11:00-14:00 horas.
– Día 7– Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.
Lugar: Auditorio Municipal de Cangas. Avenida de Lugo nº 25-27 36940 Cangas.
Prazas: 15 prazas.
Prezo: 50 Euros para socios de AAAG , A.C Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros
Inscrición:
Do 8 ao 22 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou mediante o formulario ao pé.
A organización comunicará a selección de candidatos o día 25 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 27 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre.
Entrevista a Marcos Calveiro, gañador do Premio Merlín 2012
Seminario Obradoiro de escrita O curioso xogo de ordenar un mundo caótico, impartido por Santiago Cortegoso
A
Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a XXIX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas colaboran na organización deste obradoiro. Non hai un método para ensinar a escribir. Igual que non hai un método para escribir. Ou o que é o mesmo: “Hai tantos métodos como escritores”. O xeito de desenvolverse na escrita vén determinado pola sensibilidade persoal para seleccionar e tratar os temas, o estilo, o xénero … Pódese dicir que as únicas claves fundamentais e imprescindibles son o traballo en soidade (ou non) e a perseveranza. Con todo, hai esquemas que nos poden axudar a ordenarnos e que nos poden afastar do pánico ao folio en branco, así como facilitar a comprensión do proceso no que estamos inmersos/as; existen recursos que nos poden enriquecer o labor: como construír personaxes, como compoñer historias, como xestionar a información, o espazo e o tempo no discurso… Hai moitas ferramentas que podemos ter en conta á hora de afrontar a escrita, para chegar a construír unha identidade propia e unha liberdade para expresarnos a través da escrita. Transmitir e compartir este material a partir do traballo práctico serán os obxectivos deste obradoiro. A proposta é xogar: xogar a que somos creadores sen límites, nin de presuposto, nin de tempo, nin de conciencia. Só temos ante nós moitos folios, un mundo do que falar e unha percepción da vida que nos individualiza. Os seres humanos somos un gran espectáculo cotiá. Somos unha especie complexa no medio de interrelacións complexas, de estruturas sociais creadas por nós mesmos que logo non controlamos, senón que nos controlan. Como individuo, observo e constrúo unha visión particular, unha sensibilidade, porque necesito ordenar o caos que me rodea. Non será a escrita unha maneira de expresar esta visión singular a través dun xogo creativo? Máis información aquí: CONVOCATORIA CURSO SANTIAGO CORTEGOSO.
Dinámicas:
– Análise de textos xurdidos nas sesións a partir de exercicios enfocados a abordar a escrita desde diferentes frontes.
– Análise de textos, proxectos e ideas aportados polos participantes.
– Análise de exemplos de escrita dramática clásica (Shakespeare, Valle-Inclán, Beckett…) e contemporánea (Thomas Bernhard, Rodrigo García, Sarah Kane…)
Algunhas claves:
– Procesos dramatúrxicos: da planificación á escrita automática.
– Especificidades da literatura dramática con respecto a outros xéneros: novela, poesía, guión cinematográfico, etc …
– A linguaxe dramática: acotacións, monólogos, diálogos e escenas colectivas.
– Escrita e posta en escena. Textos abertos e pechados.
– Construción de personaxes (unidireccionais, poliédricos, etc.) e conflitos (horizontais, verticais, tranversais, etc.).
– A espacialidade dramática. A intraescena e a extraescena. O espazo como xerador de significado.
– A temporalidade dramática. Tempo escénico e tempo referencial. Discurso lineal vs. discurso fragmentado.
– Xéneros dramáticos: comedia, drama, traxedia, etc..
Na última xornada haberá unha exposición dos traballos realizados no obradoiro en forma de lectura dramatizada aberta ao público.
O Docente: Santiago Cortegoso.
Datas e duración:
– 15 horas lectivas co seguinte calendario:
– Do 2 ao 6 de Xullo: Tarde: 18:00-21:00 horas.
– Día 6: Lectura dramatizada aberta ao público coa exposición dos traballos realizados no obradoiro.
Lugar: Auditorio Municipal de Cangas. Avenida de Lugo, nº 25-27. 36940 Cangas.
Prazas: 15 prazas.
Prezo: 50 Euros para socios de AAAG, A.C. Xiria e alumnos da Escola Municipal de Teatro de Cangas. No caso de non socios o importe será de 75 Euros.
Inscrición:
Do 5 ao 22 de Xuño, enviando o formulario de inscrición anexo debidamente cuberto e adxuntando currículum vitae ao buzón de correo info@aaag.es ou a través do formulario ao pé.
A organización comunicará a selección de candidatos o día 25 de Xuño, tendo que facer a reserva de praza ingresando o importe do curso antes do día 27 de Xuño. No caso de anulación da reserva por parte do alumno a organización non se compromete á devolución do importe da mesma se a praza non se cubre.