Malpica: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O luns 14 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Cívico de Malpica, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirán, xunto ao autor, Francisco Souto e Xosé Cotelo.

Bos Aires: Margarita Ledo presenta un adianto do seu filme A cicatriz branca

O sábado 12 de maio, ás 17:00 horas, no Salón Valle Inclán do Centro Galicia (Rúa Bartolomé Mitre, 2552) de Bos Aires, Margarita Ledo presentará o sábado 12 en Bos Aires un adianto do seu filme A cicatriz branca, parcialmente rodado nesa cidade. Trátase dun documental baseado nalgunhas entrevistas que a autora fixo no inicio desta producción e co que a directora quere ofrecer unha homenaxe a aquelas mulleres emigrantes. Está protagonizado por Eva Veiga, Mónica Caamaño, Margarita Fernández, Xabier Deive, Lino Braxe e Tamar Novás, así como tamén novas caras do cinema (Renata Otero ou Xoana Pintos). Ademáis deles, súmase a presencia de Clotilde Iglesias, filla do mítico actor ourensán Fernando Iglesias, Tacholas.

Barcelona: recitais poéticos con Olalla Cociña

O luns 14 de maio Olalla Cociña participa en dous actos poéticos en Barcelona, organizados por Estudis Gallecs i Portuguesos:
– Ás 09:30 horas no Encontro poético O amor pola palabra viva, na Aula Capella da Facultat de Filologia (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
– Ás 19:00 horas na mesa de poetas Non quero máis palabras para Eros, no Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison (Sant Pere Més Baix, 7).

Actividades sobre Valentín Paz Andrade

“Continúa a presentación de publicacións e novidades arredor da figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeado nesta edición do Día das Letras. Máis de cen imaxes tiradas do álbum familiar de Valentín Paz Andrade compoñen a proposta que fai Ouvirmos arredor do autor na súa Fotobiografía. Textos de Miguel Anxo Seixas contextualizan este material e percorren a traxectoria do homenaxeado no día das letras. Xornais galegos como Faro de Vigo, La Voz de Galicia están a anunciar tamén as súas contribucións a esta homenaxe co lanzamento de diferentes publicacións sobre a vida e a obra deste persoeiro. Ao tempo, a empresa de alimentación Gadisa anunciou, que como vén facendo nos últimos anos, distribuirá dous millóns de bolsas con textos do homenaxeado na súa cadea de supermecardos. Canda a isto, agasallará aos seus establecementos 30.000 exemplares da novela de terro Formigas, de Tucho Calvo. Pola súa banda, a Consellaría de Cultura anunciou a celebración de concertos na rúa en diferentes localidades galegas. Os grupos Xardín Desordenado e Tender a Man interpretarán os versos deste autor nunha iniciativa que comeza hoxe en Vigo. Nestes días a CRTVG está a emitir os primeiros capítulos das Pílulas poéticas, unha serie de videopoemas sobre textos do homenaxeado.” Vía Cultura Galega.

Bases do V Concurso Literario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia: Rosa de cen follas

BASES

Primeira. Poderán optar ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega. Os autores e autoras que teñan recibido xa o premio nunha modalidade non poderán presentarse a esa mesma modalidade nas tres seguintes convocatorias. Pasado ese tempo poderán concorrer con toda normalidade.
Segunda. Establécese un premio de 250 € para a modalidade de poesía e outro de igual contía para a modalidade de narrativa. O Colexio poderá publicar as obras premiadas na páxina web e noutras publicacións de divulgación do Colexio, sen que iso interfira cos dereitos de autor do gañador/a.
Terceira. As obras que serán de tema libre, deberán presentarse á modalidade de poesía ou á modalidade de narrativa, e terán unha extensión máxima de dúas páxinas; deberán presentarse por cuadriplicado en folla de papel escrita por unha soa cara. As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados nun sobre pechado no que conste o título e o lema, así como a modalidade á que se presenta, no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor ou autora, o seu enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
Cuarta. O prazo de admisión de orixinais remata o 17 de maio de 2012, e deberán enviarse ao enderezo do Colexio: Rúa Espiñeira, 10-Baixo. 15706 Santiago de Compostela, indicando no sobre PREMIO ROSA DE CEN FOLLAS, e a modalidade á que se presenta, narrativa ou poesía.
Quinta. O xurado estará presidido pola Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e formarán parte del: a Coordinadora da Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito das nosas letras. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta. As persoas participantes terán a obriga de comunicar ao Colexio a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia dos dous terzos dos seus membros. As deliberacións serán segredas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado poderá declarar desertos os premios no caso de que as obras non reúnan a calidade ou os requisitos esixidos. A decisión do xurado será comunicada ás persoas gañadoras do concurso e posteriormente, darase a coñecer nos distintos medios de comunicación. O sobre pechado correspondente á obra que resulte finalista será aberto polo Secretario/a do xurado coa fin de que poida darse a coñecer o nome da persoa gañadora na páxina web do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Sétima. Establécese un prazo de 15 días naturais, a contar a partir do día que se falle o premio, para que as obras presentadas e non premiadas podan ser recollidas, pasado ese período serán destruídas.
Oitava. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Pedro Benavente leva o III Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura

“O veterinario Pedro Benavente, orixinario de Sabiñánigo (Huesca), foi seleccionado pola Deputación da Coruña para levar o III Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura. O xurado do galardón apuntou o importante traballo de Benavente a prol da recuperación da lingua e da cultura agraria no noso país. Entre outras iniciativas, o galardoado é coautor, co académico Xesús Ferro Ruibal, do Libro da vaca no que repasa a terminoloxía vencellada a este animal no noso país. O xurado apuntou tamén o exemplo de integración na nosa cultura que supón Benavente. O galardoado desenvolveu un intenso traballo no campo de lexicografía con obras como O dicionario Xerais lido por un veterinario, Algunhas achegas ao dicionario na Real Academia GalegaInstituto da Lingua Galega, e participou na elaboración do Dicionario de sinónimos da lingua galega.” Vía Cultura Galega.