Vigo: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas

O xoves 10 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o novo poemario de Daniel Costas Infancia de vacas mortas, publicado por Barbantesa. No acto, xunto ao autor, intervirá Marta Dacosta.

Xosé María Álvarez Cáccamo: “A Igrexa segue a recorrer aos atributos malignos do Deus do Antigo Testamento para xustificarse”

Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo en Dioivo:
“(…) Xosé María Álvarez Cáccamo opón (…) no seu último libro, A Boca da Galerna. Luz da materia contra o invento de Deus, a ciencia e a razón contra a superstición. A obra inaugura, xunto con Ruínas ao despertar de Manuel Vilariño, a colección Spiralia de Espiral Maior que, a través da edición bilingüe, trata de achegar as poéticas existentes nas distintas linguas do Estado español ao espazo iberoamericano. “A colección continúa o camiño iniciado con El otro medio siglo. Antología incompleta de poesía iberoamericana, explica o responsable de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello. “Ese libro recollía poesía galega, catalá, vasca, portuguesa, brasileira, e castelá, española e americana. A partir dese proxecto, o obxectivo é proxectar no exterior a poesía galega, con edicións bilingües con traducións ao castelán. A idea é, así, tentar actuar nun mercado externo, máis amplo, ao lado das outras linguas peninsulares. E tamén ensanchar o espectro da edición e a distribución de poesía no Estado, pois son unhas poucas empresas as que dominan todo o mercado”, explica. Deste xeito, -engade-, “nunha época de crise económica e cultural, Espiral tenta abrir novos espazos, ir máis alá, romper certo muro e crear unha nova corrente que ilumine algo o panorama. Porque tamén hai certo enclaustramento no mundo da literatura que non é bo”. A Boca da Galerna retrata un Deus extremadamente violento e vingativo, que lembra o do Antigo Testamento. “Non estou a falar só do Deus católico, senón de todos os Deuses. Só que, no caso da relixión católica, a Igrexa segue a recorrer a eses atributos malignos do Deus do Antigo Testamento para xustificar os seus puntos de vista. Esa imaxe de Deus non foi revisada”, asegura Álvarez Cáccamo. (…)”

A letra con música entra

Entrevista en Sermos Galiza:
“A referencia tomouna Xurxo Souto de Luísa Villalta quen, no seu libro O outro lado da música, a poesía, explica a historia da literatura galega en clave musical. Ao seu carón tiña a tres das persoas que máis están a revolucionar o panorama musical dos novos tempos. O Leo, de Leo e Arremecaghoná, María Xosé Silvar de Sés e Miguel Mosqueira das Ataque Escampe, que viña de conmemorar o décimo aniversario do grupo. Coñecidas polos seus traballos e polas actuacións en locais diversos, Xurxo revelou un dato que moi pouca xente sabe: licencíaronse en filoloxía. “A literatura é vida e a música é unha das pontes”, comentou O Leo para iniciar o debate. “Necesitamos fórmulas de afirmación identitaria e se son lúdicas mellor” espetou María para quen as cancións fan que “a xente interiorice contidos que doutra forma non faría”. A corpo aberto Sés teorizou coa mesma forza que canta os seus temas e dixo que “a lingua ten unha dobre condición como idioma e como elemento cultural no que o pobo se reafirma e isto en nacións sen estado como a nosa é moi importante”. Temperou o debate Miguel Mosqueira ao falar de música e literatura como “códigos distintos, quen escribe a letra dunha canción non ten que facer un bo poema”. Tamén a distancia se mide na rima. “Na poesía do século XXI será un un por cento a que ten rima consoante e as cancións que non a teñen serán tamén un un por cento, a poesía ten outra liberdade” afirma o músico das Ataque. Pero aí estaba María Silvar para volver achegar os rexistros e recomendarlle ler á xente que fai letras. “Non hai razón para non facer unha boa letra para unha canción agás a incapacidade. Se queres facer música, pois escoita música e se queres escribir letras, pois le”. Así de claro. (…)”

A morta, novo libro de Ana Cibeira

Ana Cibeira ven de publicar A morta, o seu novo libro de poemas editado por Barbantesa. “Trátase dunha reflexión, esaxerada e hipnótica, sobre a pureza e o valor que lle damos. Un canto baixo a auga. Unha voz que laia na ruptura coa adolescencia ao saberse corpo e ao vivir o amor coma renuncia. Desacougo, metamorfose, descubrimento e reacción. Pero tamén a luz aparece ao nomearse: o xeito é importante, non só o xesto. Así, o eu poético mergúllanos no claroscuro das ondas e debátese entre a terra e outro estado líquido.”

Vigo: obradoiro de escrita creativa a cargo de Francisco Castro, os 14, 21 e 28 de maio

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro de escrita creativa os luns 14, 21 e 28 de maio, de 19:00 a 21:00 horas, na Biblioteca Central (Joaquín Yáñez, 6), impartido por Francisco Castro. O número de prazas é 16, e as inscricións pódense facer chamando ao teléfono 986-810281 de 9:00 a 13:00 horas.
Está dirixido a persoas adultas ás que lles gusta escribir. Neste obradoiro, gratuíto, concebido dende unha perspectiva lúdica e moi participativa, quen acuda terá a oportunidade de plasmar sobre o papel a ampla experiencia que dan os anos e a memoria, e de converter as súas vidas en literatura. Todas as persoas que participen terán a ocasión de, dende o primeiro momento, escribir poemas, relatos, contos… sempre en actividades moi sorprendentes.

Barcelona: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O mércores 9 de maio, ás 20:30 horas, en Sargadelos (Carrer de Provença, 276) de Barcelona, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá o autor xunto a Ana Escourido.