O
martes 27 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, Parque Europa), da Coruña, represéntase a obra teatral Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, a cargo do grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. O prezo da entrada é de 3 euros para o público en xeral e 1,50 euros para os socios da nosa entidade, xubilados, menores de idade e parados.
Parlamento das Letras: Baldo Ramos
Entrevista
de Armando Requeixo a Baldo Ramos en Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Baldo Ramos (BR): Empecei a escribir sen saber moi ben o que facía. Logo andei á procura das marxes da linguaxe. Dei coa pintura, coa caligrafía, e souben que a poesía é un territorio de creación ilimitado, no que a liberdade é unha escusa para ir sempre máis alá, para estar sempre experimentando. E nestes momentos estou desencantado da escrita convencional, por iso nos últimos tempos o que máis me interesa é esculcar nas posibilidades do libro como soporte, como continente: o libro obxecto, o libro de artista, a edición non seriada… (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– BR: Ás nosas letras fáltanlles, evidentemente, lectores e máis espazos que fomenten ou acollan iniciativas orixinais. Tamén proxectos que as dean a coñecer aquí e fóra de aquí sen paternalismos nin partidismos. Con profundidade de miras e sen prexuízos extraliterarios. E sobrarlles, ao meu entender, non lles sobra nada. Ninguén pode estar de máis no ámbito da creación, interésenos máis ou menos o seu traballo. E os erros na literatura non deberían provocar condenas, senón revisións e melloras. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BR: Coido que as nosas letras están a vivir un bo momento creativo, quizais o mellor momento creativo da súa historia. Pero os escritores galegos sabémonos nunha encrucillada. Non nos preocupa tanto ese debate trasnoitado de escribir para que, senón que o noso dilema pasa por atopar resposta á pregunta de escribir para quen. (…)”
Publican en inglés o libro de Manuel Rivas A desaparición da neve
“Manuel Rivas,
o autor galego con máis libros traducidos ao inglés, ofrecerá o vindeiro mes un novo título aos lectores anglófonos. O 15 de abril publicarase The Disappearance of Snow, a versión inglesa de Lorna Shaughnessy do poemario A desaparición da neve. O libro aparecerá en Shearsman Books, que xa ten no seu catálogo obras de autores galegos como Chus Pato. Tamén en abril Rivas presentará o libro por partida dobre en Irlanda. Dunha banda, protagonizará un acto no Instituto Cervantes de Dublín, mentres que por outra participará no festival literario Cúirt, na localidade de Galway, onde falará, xunto co escritor vasco Kirmen Uribe, sobre identidade e culturas minoritarias, en conversa con Jonathan Dunne, o seu tradutor habitual.” Vía La Voz de Galicia.
Gondomar: Antón Cortizas falará sobre Vaia tropa!
O
sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, organizado por Espazo Lectura. Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicado en Xerais, e contarase coa presenza do autor para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.
Allariz: presentación de Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz
O
sábado 24 de marzo, ás 20:00 horas, no Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3) de Allariz, preséntase Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz, publicado pola Fundaçom Meendinho.
Manuel Rivas e John Rutherford: “Hai dous xeitos de ignorancia, a cultura do autoconsumo e o cosmopaletismo”
Desde
El País:
“John Rutherford e Manuel Rivas serán investidos hoxe doutores honoris causa pola Universidade da Coruña (UDC). O profesor de Oxford, segundo a acta, por ser “un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega”, e o xornalista de Castro-Elviña por ser “o máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega”.
(…) – El País: Aos dous noméanos doutores pola súas contribucións á cultura galega; cal é o seu diagnóstico sobre ela?
– Manuel Rivas: Semella que o trazo no que vivimos é un pouco o dominio do ollo panóptico, o do cíclope da Odisea que o ve todo. Toda a arquitectura dos espazos de dominio, dos cárceres aos centros comerciais, está baseada en que se observa todo. O máis desacougante do tempo que vivimos, a diferenza doutros momentos de crise, é que están secos os depósitos de esperanza. É unha maquinaria pesada, contra a que xa avisaba Otero Pedrayo, que non só esmaga a natureza, senón que parece que está a esmagar a diversidade, pero Ulises, que estaba en desvantaxe, tivo a habilidade de ser quen de cegar ao ciclope. Por iso teño tanta esperanza niso que chamamos a Diáspora, a Galicia extraterritorial, neses círculos de afecto polo galego que están fóra do ollo panóptico. O ollo pode facer que os orzamentos da cultura pasen de 100 a 2, que se pechen museos, facer dos lugares de creación centros de exhibición taxidémica, pero, como dicía Walter Benjamin, hai que saber buscar faíscas de esperanza.
– John Rutherford: Si, si. (…)”
Vigo: presentación de Como estás?, de Claudio Pato
María Pilar García Negro: “Censuras en vida, censuras póstumas”
Artigo
de Pilar García Negro en El País:
“Cadroume ler no día 2 deste mes o artigo de Suso de Toro Aquilinaria carballesa, en que se facía eco da censura que se cerneu no seu día sobre a persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero, no comezo da cativa institucionalización autonómica. Agradoume moito o seu contido, pois o escritor evocaba os termos principais dun conflito onde o profesor mantivo a súa independencia de criterio e a súa defensa da lingua de xeito tal que non cabía no marco de control e distribución regulada da mesma e da súa literatura. Dúas semanas despois, lin tamén con atención o artigo da profesora Helena Miguélez Carballeira, O outro tabú sobre Carvalho Calero, indubitabelmente provocado polo que citei de Suso de Toro, mais que non aparece nomeado por nengures. Nen este artigo nen nengún outro, ou estudo ou análise onde se examine a obra do profesor e se reivindique o seu legado. Bon comezo, abofé: denunciar pretensamente un silencio, aplicalo estritamente a quen se critica! Mais vaiamos aos termos principais do que á autora lle produce, seica, grande irritación. (…)”
Allariz: Outlet do Libro Galego, do 31 de marzo ao 8 de abril
Desde
Cultura Galega:
“O Concello de Allariz, a Libraría Aira das Letras e a Asociación Galega de Editores promoverán entre o 31 de marzo e o 8 de abril o Outlet do Libro Galego de Allariz. A iniciativa, que se celebrará na Praza de Abastos, porá a disposición dos clientes 648 títulos galegos a prezos que oscilarán entre os 3 e os 15 euros, canda lotes de cinco títulos por 10 euros. Canda a oferta de venda, organizaranse diversas actividades de animación e dinamización cultural.”
Santa Cruz, Oleiros: recital poético de A Porta Verde do Sétimo Andar
O
sábado 24 de marzo, ás 20:00 horas, no Teatro Municipal As Torres (Avenida Emilia Pardo Bazán, 17) de Santa Cruz, Oleiros, terá lugar un recital poético dos membros de A Porta Verde do Sétimo Andar e o concerto do proxecto de Guillerme e Bastardo.
