Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de O alento nas costas, de Natalia Carou

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 26 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, publicado por Baía Edicións.

Otero Pedrayo, Galicia e Europa

Desde Cultura Galega:
“A última entrega, ata o momento, da colección As Nosas Voces que editou o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, o número 21, permite escoitar unha conferencia pronunciada por Don Ramón Otero Pedrayo na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, o 26 de xullo de 1959. Nesta conferencia, o intelectual ourensán reflexiona sobre as relacións entre Galicia e a cultura europea, e é unha boa mostra do pensamento de amplas miras de Pedrayo.”

Noia: recital poético en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos

O venres 23 de marzo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Noia, terá lugar un recital poético en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos, ao se cumprir 20 anos do seu pasamento, coa participación de Yolanda Castaño, Ana Romaní, María Xosé Canitrot e Eva Veiga.

Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.

Lugo: conferencia Rosalía de Castro: a creación da identidade, por Francisco Rodríguez

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), e dentro das actividades de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, organizada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro: a creación da identidade.

Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario

A sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.

Ourense: presentación de A habitación secreta, de Jorge Emilio Bóveda

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase A habitación secreta, de Jorge Emilio Bóveda, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, intervirán David González Couso e José Antonio Santos.

Vigo: recital poético-musical e presentación de Se lo dije a la noche

O venres 23 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Se lo dije a la noche, de Juan Carlos García Hoyuelos, traducido a todas as linguas peninsulares. No acto, organizado pola revista Canle36, haberá un recital poético e musical coa participación, xunto ao autor, de Antonio García Teijeiro, Manuel Joaquín Barreiro Rigau e Lucía Novas Garrido, como poetas, Pablo Núñez González, novelista, Susana Fumis (rapsoda), e o gaiteiro Raúl Galego.

Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.