Vicente Risco en versión aberta

“A Fundación Vicente Risco é unha das entidades das súas características que maior número de iniciativas e proxectos desenvolve ao longo do ano en Galicia, senón a que máis. Aos cursos universitarios, exposicións, presentacións, edicións de publicacións propias ou en colaboración (o proxecto máis recente é a edición de Pan Negro en galego, en libro e deuvedé) e outras propostas, a fundación engade agora unha nova iniciativa: o acceso ás obras de Vicente Risco en rede e de forma totalmente gratuita para que se podan consultar ou descargar en formato pdf, por unha banda, e aos documentos que forman parte do fondo da entidade, dispoñibles no mesmo formato e características. Na páxina web da fundación habilitouse un acceso, no apartado que figura baixo o nome de interactivo, denominado Textos de Vicente Risco. Ao entrar no mesmo o internatua ten a posibilidade de consultar ou imprimir 32 obras ou coleccións de textos do autor. Nesta sección foron incorporados textos de referencia de Risco e algunhas das súas obras máis senlleiras. Dende estudos como a Historia de Galicia, Mitteleuropa, Satanás. História do diabo, El problema político de Galicia, Teoría do nacionalismo galego, Os europeos en Abrantes ou El Oriente contado con sencillez a obras como O porco de pé, Dédalus en Compostela (en galego e nas súas versións en francés, inglés, alemán e castelán) ou O lobo da xente. Os artigos que asinou nas revistas Céltiga e La Zarpa tamén están dispoñibles neste enlace.” Vía La Voz de Galicia.

Abre a mostra interactiva sobre Celso Emilio

“A Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), en Compostela, acolleu o luns 26 de marzo a inauguración da mostra multimedia promovida pola Consellaría de Cultura que repasa a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro. O proxecto, coordinado pola empresa Ouvirmos, toma a forma dun punto de información sobre o poeta. No mesmo, unha pantalla amosa unha liña do tempo interactiva que achega imaxes, fragmentos de audio e outros contidos encol do autor. Canda a isto, nunha mesa de luz poden verse obxectos persoais do homenaxeado. Logo da estadía en Compostela, a mostra percorrerá as bibliotecas nodais de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e Vigo para visitar con posterioridade diversos centros de ensino de todo o país.” Vía Cultura Galega.

Santiago: presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro

O martes 27 de marzo, ás 10:30 horas, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, terá lugar a presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro, con traballos de Joan Giralt, Roberto Pascual, Manuel Lourenzo, Pedro Pablo Riobó, Afonso Becerra e Abel González Melo.

Fallados os V premios de poesía Concello de Mugardos

“O xurado do V Premio de poesía Concello de Mugardos, formado por Mónica Mª Fernández, concelleira de Política Lingüística; Mª de la Concepción Díaz e Fátima García Cendán, bibliotecarias municipais; Eduardo Estévez, escritor; Aurora Valentina Varela, poeta; e actuando como secretaria Mª del Mar Nóvoa, declaran como gañadora do certame a Marisol Gándara, pola obra presentada baixo o lema Cousas de nenos: Por dentro. Na categoría de menores de 18 anos, o gañador do certame foi Darío Miranda Pastoriza, pola obra titulada Fálame. O acto de entrega tivo lugar o sábado ás 12:00 horas.” Vía Fervenzas Literarias.

Agustín Fernández Paz: “Hai unha vontade explícita de baleirar de contido o autogoberno e a cultura”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): En que está traballando agora?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Pois estou na fase de documentación dunha nova novela, ambientada entre os anos 61 a 69. O certo é que quedei abraiado ao lembrar todo o que pasou nesa década. Desde a independencia das nacións africanas, ata a carreira espacial, a loita polos dereitos civís en Estados Unidos, a primavera de Praga, o maio do 68…. Agora fáltame atopar datos concretos sobre música e outras cousas que quero introducir. Non me fío da miña memoria: prefiro sempre enchouparme da época, do contexto, antes de escribir. Iso axúdame a darlle verosimilitude ao que conto. (…)
– P: Acaba de recoller o premio da Asociación Galega de Editores á mellor obra de fición do ano. Non deben quedar moitos premios literarios que non gañase. Só rexeitou o Premio da Cultura Galega como un xeito de protesta contra a política lingüística e cultural do Goberno. Parece que o tempo lle deu a razón máis aínda, non si?
– AFP: Os premios sempre son importantes. O da escrita é un oficio solitario, e os premios son un recoñecemento que axuda a ter máis lectores e máis visibilidade. O da Asociación Galega de Editores veu ademais alén de distincións segundo a idade dos lectores. Non hai noite tan longa podería estar nunha colección de xuvenil: eu non o escribín dunha maneira distinta. O que pasa é que parte dos lectores seguen a ter prexuízos sobre a literatura infantil e xuvenil. En canto aos premios, algo de recoñecemento polo meu traballo haberá, pero tamén hai unha parte de sorte, de azar. O Premio da Cultura Galega rexeiteino polo que xa se sabe, e agora xa non hai nin Consellaría de Cultura. O que hai é unha vontade explícita de baleirar de contido a autonomía, o autogoberno, o que teña que ver coa nosa cultura e a nosa identidade. A batalla tan teimuda do goberno contra a lingua fai que se perciba con desconfianza a cultura: que se nos vexa como sospeitosos. E isto é o contrario do que debería pasar. Todo produto cultural de calidade, -e aquí témolos como en calquera outro país,- tería que ser apoiado, como fan en Islandia…”

Vídeo de Luz verde, curtametraxe baseada en Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso

“Baseada no relato 01 AM de Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso, a curtametraxe Luz Verde pode ser visionada xa na rede. Cun reparto protagonizado por Dorotea Bárcena, César Cambeiro, Miguel Llanderas, Susana Álvarez, Carmelo Abollo, Uxío Couto e Martín Martínez, Luz Verde relata a historia dunha muller de Cabral, en Vigo, que chega ao centro da cidade, de madrugada, para mercar un medicamento nunha farmacia. A curtametraxe está producida por Urban Pig Films e dirixida por Sara Casal.” Vía Xerais.

Antón Riveiro Coello: “Os escritores somos escravos das nosas teimas e obsesións”

Entrevista a Antón Riveiro Coello na revista dixital Tempo de Lecer Ourense:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): Presenta no Liceo de Ourense a súa última novela, titulada Laura no deserto. Que nos pode contar desta obra?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Non é doado falar desta novela sen descubrir parte das claves argumentais, porque Laura no deserto acolle dentro de si moitísimas sorpresas. Dicir só que é a miña novela máis ambiciosa, que transcorrena primavera de 1982 en diversos escenarios do mundo: Compostela, Barcelona, algunhas cidades de Europa, Nova York e A Pobra do Caramiñal, e que trata de situar ó lector diante de determinados conflitos para obrigalo a reflexionar sobre temas tan diversos como a liberdade, a culpa, a identidade, o amor ou a perda.
– TLO: Dende a publicación de Valquiria, no ano 1994, ata o de agora, como evolucionou a súa prosa? E como evolucionou vostede como escritor? Séguenlle a interesar ou preocupar os mesmos temas que nos seus comezos?
– ARC: Os escritores somos escravos das nosas teimas e obsesións e na temática das miñas novelas adoita haber unha militancia da memoria, dos perdedores e da fusión da memoria individual coa colectiva. En canto á miña evolución, coido que non difire da de moitos colegas porque no mundo da escrita hai algo curioso que é que, segundo pasan os anos, máis críticos e crueis nos viramos contra nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos, e pola contra, co andar do tempo, o proceso faise inverso e gañamos en esixencia e calidade. Nese punto é onde agora creo estar. (…)
– TLO: Cal é a súa opinión da literatura galega actual?
– ARC: Excelente. A verdade é que, malia a invisibilidade á que nos condenan e aos momentos tan duros que hoxe padece o galego, a nosa literatura pouco lles ten que envexar ás literaturas doutros países. Hai cantidade e calidade. Temos poetas incribles e unha morea de novelistas entre os que eu salientaría esa consolidación importantísima de mulleres como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, María Reimóndez, Eva Moreda, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras que veñen asentar as bases dunha normalidade sociolóxica que xa se facía necesaria. (…)”

Convocado o XIX Certame Manuel Lueiro Rey de novela curta

“O Concello do Grove convoca esta XIX edición do certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Manuel Lueiro Rey e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita literaria en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, a través dun convenio coa editorial Sotelo Blanco.
Este premio de novela curta, dotado con 3.000 euros, vaise rexer polas seguintes

BASES

Primeira. Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega, conforme as normas ortográficas vixentes. Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados, ou divulgados, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico. Os textos presentados han ter unha extensión mínima de cincuenta (50) páxinas e unha extensión máxima de cen (100) páxinas, tamaño folio DIN A4, de dous mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 (espazo e medio) e as follas deberán de estar paxinadas.
Segunda. De cada un dos textos concorrentes, presentaranse cinco copias en papel e unha en soporte dixital, nun documento de procesador de textos, antes do día 15 de agosto do presente ano, remitíndoas ao enderezo seguinte:
XIX Premio Manuel Lueiro Rey
Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Rúa Monte da Vila, 11
36980 O Grove
Pontevedra
Terceira. Xunto co texto en papel e en soporte dixital, que será enviado sen que sexa recoñecible a autoría da escritora ou escritor e que irá precedido polo título e o lema escollido, xuntarase un sobre pechado que leve escrito por fóra XIX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, o lema e mais o título e que no seu interior conteña o nome, apelidos e NIF, enderezos postal e electrónico, e os teléfonos de contacto da súa autora ou autor.
Cuarta. O xurado, cuxos membros serán dados a coñecer antes da concesión do premio, estará composto por cinco especialistas en literatura. Un deles será a gañadora ou gañador (que poderá ser substituído pola/o finalista) da edición anterior do premio, dous serán nomeados polo Concello do Grove e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado, con voz e sen voto, un técnico do concello. Tamén poderá estar presente durante a deliberación o concelleiro delegado.
Quinta. Calquera incidencia ocasionada na interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer entre os meses de outubro e novembro do ano 2012.
Sexta. O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable. Para tal circunstancia, de cinco votos posibles, terá que darse o caso de que unha obra non sume un mínimo de tres dos votos do xurado.
Sétima. A entrega do premio terá lugar nun acto público nunha data que se anunciará coa suficiente antelación.
Oitava. A editorial Sotelo Blanco, segundo un convenio asinado co Concello do Grove e en calidade de entidade colaboradora, resérvase o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares da primeira edición nin das reimpresións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición desta en lingua galega coa posibilidade de cederlle tales dereitos a terceiros.
A contía do premio considerarase unha entrega á alzada en concepto de adianto polos dereitos de autor. A beneficiaria ou beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte e cinco (25) exemplares da obra publicada, que lle serán entregados pola editorial que publica a obra. Todo isto sen menoscabo do regulado pola Lei da propiedade intelectual vixente, que prevalecerá sobre o convenio mencionado.
Novena. Os orixinais non premiados poderanse recuperar, con cargo ás autoras e autores concorrentes, pasados quince días da data do veredicto. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasados trinta días da emisión da decisión do xurado.
Base final. A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.”

Nace Tempo de Contos, un espazo de creación na rede

“Tempos Dixital abre Tempo de Contos, un espazo online aberto á creación literaria onde escritores e escritoras en lingua galega teñen a oportunidade de dar a coñecer as súas obras. Cada semana publicarase un relato, conto ou poema en Tempo de Contos xunto cun breve perfil biográfico do autor ou autora.

BASES DA CONVOCATORIA

1.- Poderanse presentar relatos, contos ou poemas de temática libre e autoría individual, inéditos e escritos en lingua galega. Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., empresa editora de Tempos Novos, Tempos Dixital e Protexta, resérvase o dereito de decidir sobre a publicación de obras presentadas.
2.- As obras terán unha extensión máxima de 5.000 caracteres (espazos incluídos) e serán enviados en formato .doc ou .odt ao e-mail: dixital@temposnovos.com
3.- Cada semana publicarase unha obra en Tempo de Contos, na sección de Cultura de Tempos Dixital.
4.- O relato máis votado de cada trimestre publicarase na versión en papel de Tempos Novos.
5.- Tempo de Contos manterase activo por tempo indefinido, podendo a empresa editora suspendelo en calquera momento sen aviso previo.
6.- Polo feito da participación, os autores e autoras aceptan as bases e autorizan á empresa editora a publicar as obras presentadas, en calquera dos seus medios ou en edicións colectivas, dentro dos seguintes vinte e catro meses á data do envío para a participación en Tempo de Contos. As autoras e autores poderán exercitar os dereitos que lles recoñece a lexislación sobre propiedade intelectual inmediatamente despois da primeira publicación en calquera dos medios citados.”