Gondomar: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, dentro do ciclo Tertulias do Instituto de Estudos Miñoranos, preséntase a novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Luísa Varela.

A Coruña: mesa redonda sobre A situación da prensa en galego

O xoves 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título A situación da prensa en galego, coa participación de Xosé Ramón Freixeiro (Sermos Galiza), Henrique Sanfiz (secretario de Radiofusión), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Filipe Díez (Praza pública) e Alfonso Riveiro (L-V).

Gondomar: Xavier Queipo participa no Clube de Lectura Sete Vidas

O martes 13 de marzo, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión mensual do Clube de Lectura Sete Vidas, coa participación de Xavier Queipo, quen conversará arredor da súa novela Extramunde, publicada en Xerais, cos lectores e lectoras asistentes.

Intervención de Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez e Ángel de la Cruz en Eirado

Desde Criticalia, o blogue de Armando Requeixo:
“O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro. No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano. (…)”

Rexina Vega: “Dark Butterfly parte dunha experiencia persoal que necesitaba contar”

Entrevista a Rexina Vega en Radiofusión:
“Cinco anos despois de gañar o Premio Xerais con Cardume, Rexina Vega déixanos ler a súa segunda novela, Dark Butterfly. Unha obra que, xa nos advirten antes de abrila, é “dura, triste e abrumadora”. A propia autora confesa que sentía a necesidade de escribila para canalizar a súa dor. “Parte dun feito biográfico: a miña irmá era esquizofrénica”, explica, ao tempo que matiza que esa vivencia persoal combínase cunha “intelectualización”. “Intentei narrar o horror da enfermidade mental desde un punto de vista metafórico e desde un ton poético”, afirma. A denuncia forma parte tamén desta novela que acaba de chegar aos andeis das librarías da man de Edicións Xerais. En Dark Butterfly Rexina Vega describe o proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á marxinación e a exclusión e critica o “fracaso do sistema sanitario”. “Unha porcentaxe importante de enfermos non se curan nunca e a psiquiatría só ten como alternativa a farmacoloxía”, asegura a escritora, que entende que os fármacos funcionan como “neutralizadores da vontade e a dignidade”:

Entrevista con Rexina Vega sobre a novela Dark Butterfly

Conxo: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei

A cuarta feira 14 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións (Rúa Manuel Beiras) de Cornes, Conxo, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Ramón Freixeiro Mato e Néstor Rego.

Entrevista a Xosé Neira Vilas: A xuventude no alén-mar dos anos 50

Entrevista a Xosé Neira Vilas en Praza, a cargo de José Martínez-Romero Gandos:
“Sempre é bo escoitar dun emigrante galego retornado un cacho de historia vivida e sentida no alén-mar. Falaremos hoxe con Xosé Neira Vilas a quen preguntamos sobre a xente moza da emigración. Poderíamos falar dabondo da xente moza do alén-mar emigrante. Houbo (e hai aínda hoxe) moitos emigrantes ou fillos/netos deles que traballaron arreo na defensa, mantemento e desenvolvemento da cultura galega alí onde se atoparon. Mais deixemos correr á imaxinación e sentemos nun tallo, ó carón da lareira, para falar con este home que naceu aló polo ano 1928 en Gres (Vila de Cruces) onde hoxe mora, na casa­-museo-biblioteca que constitúe a Fundación Neira Vilas. (…)”.

Santiago: recital Picaversos sobre as viaxes

O martes 13 de marzo, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Viaxes, coa participación dos poetas Juan Carlos Valle “Karlotti” e Yolanda Castaño e a cantante Najla Shami.