Convocado o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2012

Baía Edicións convoca o Premio de Creación Meiga Moira de Literatura infantil e xuvenil, que se rexerá polas seguintes

BASES

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
SEGUNDA. O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con cinco copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2ª Avda.
Parcela A2 / 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio de 2012.
TERCEIRA. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2012.
CUARTA. O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da editorial. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións. A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
QUINTA. O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
SEXTA. A resolución do xurado darase a coñecer o 17 de setembro de 2012.
SÉTIMA. As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
OITAVA. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.”

Comezan as publicacións sobre Valentín Paz Andrade

A coincidir co Día das Letras que o homenaxea, comezan a ver a luz os lanzamentos editoriais arredor de Valentín Paz Andrade. Xan Carballa é o autor da biografía e mais da antoloxía do autor que acaba de tirar do prelo Galaxia. No caso da Antoloxía, Carballa seleccionou obras de ensaio, poesía e prosa do homenaxeado no Día das Letras deste ano, incluíndo o texto íntegro do seu poemario Pranto matricial. Galaxia adianta tamén a vindeira edición de Castelao na luz e na sombra, a biografía sobre o líder galeguista que publicou Paz Andrade.

Ribadavia: charla de Miguel Anxo Fernánez sobre Lume de cobiza

O domingo 4 de marzo, ás 13:00 horas, no IES de Ribadavia, terá lugar unha charla ofrecida por Miguel Anxo Fernández sobre o seu último libro, Lume de cobiza, publicada en Galaxia. O acto está enmarcado na na xornada da Asemblea Anual da Asociación Ecolóxica Ridimoas.

Antón Riveiro Coello: “Todas as literaturas teñen o seu déficit de presente”

“Así titulan no Faro da Cultura a longa e interesante entrevista que Lourdes Varela lle fixo a Antón Riveiro Coello para falar da súa novela Laura no deserto, publicada en Galaxia. Non deixedes de lela, premendo aquí.” Desde Galaxia.

Participa no especial A cultura como alimento contra a crise, da Revista Atenea

O Ateneo Ferrolán volve a poñer á vosa disposición a Revista Atenea para que enviedes un traballo en idioma galego baixo a temática: A cultura como alimento contra a crise. Proxectos para accións, unha canle de expresión para todas as artes: poesía, narrativa, pintura, fotografía, debuxos, poesía visual, gravados…… e, de quedar seleccionado, publicarémolo na Atenea nº 44 de abril-maio-xuño 2012.
De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu traballo facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 23 de marzo de 2012 (ao correo secretaria@ateneoferrolan.org ou no teléfono 981357970).

Gonzalo Hermo: “Quero crer que non existe un manual establecido de como sermos galegos”

Entrevista a Gonzalo Hermo en Dioivo:
“A óptica “dos que viron extinguir o seu fogar e humillar a súa identidade”. A perspectiva dos expulsados ás marxes. É a adoptada por Gonzalo Hermo en Crac, o poemario co que gañou o premio Xuventude Crea -co bipartito GZCrea-. O libro parte dun só texto, Escola do resentimento. “Por iso o meu poema é só un acto de vinganza”, di. O autor presentou hai pouco en Compostela esta obra, editada por Barbantesa.
– Dioivo: O libro parte do primeiro poema. Que fala da poesía como acto de vinganza. Do resentimento dos que “fomos castrados”. Cal é o motivo dese resentimento? Cales son as violencias contra as que se rebela?
– Gonzalo Hermo: Poderiamos falar de violencias en plural pero son, ao cabo, distintas pólas dunha mesma realidade: a violencia exercida polos elementos que ostentan a hexemonía simbólica contra aqueles que non a posúen. A dinámica centro/periferia existe, e non só no plano xeográfico ou xeocultural (binomios do tipo occidental/oriental, etc.), senón tamén en experiencias coma o xénero, a raza ou a opción sexual. Tal e como eu o vexo, Crac representa un intento de colocarse, en sentido amplo, no lado feble da balanza. Nun espazo onde circulen distintos procesos identitarios vertebrados en torno á idea de subalteridade. Non son tan pretensioso como para pensar que o libro vaia cambiar as cousas, pero gústame escribir como se esa posibilidade fose real. Cando menos non ser cómplice dunha orde de cousas ilexítima e perversa. (…)”

Ferrol: presentación dos números 50 e 51 da Revista Galega de Educación

O venres 2 de marzo, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntanse os números 50 e 51 da Revista Galega de Educación, publicada por Nova Escola Galega. No acto participan María Dolores Cancedo Gunturiz, Antón Cortizas Amado e Secundino García Mera.

Moisés Barcia: “Hai motivos abondos que convidan a ampliar a presenza de Dickens na nosa língua”

Entrevista a Moisés Barcia en Dioivo:
“É o principal tradutor ao galego da obra de Charles Dickens. Alén dalgunha versión do Conto de Nadal e algunha outra pequena peza, non puideramos acceder ás grandes novelas de Dickens no noso idioma ata que a Editorial Galaxia publicara en 2006 a tradución de Moisés Barcia da obra máis coñecida do autor londinense: Oliver Twist. Neste 2012, ano en que se cumpren os 200 anos do nacemento de Dickens, Moisés Barcia buscou tempo na súa atafegada actividade á fronte da Editorial Rinoceronte, para agasallarnos cunha tradución por entregas doutra das obras monumentais de Dickens: Grandes Esperanzas. Faino a través do blog anodickens.blogspot.com. Non é unha tradución convencional. Toma como referencia unha tradución ao español de Benito Pérez Galdós que logo é levada ao galego polo tradutor automático da Universidade de Vigo. “Hai máquinas que traducen mellor que certas persoas, en parte porque non teñen prexuízos”, afirma retranqueiro Moisés. Con todo, os defectos da tradución son suficientes para que Moisés Barcia pase unha hora ou máis tempo o día aquelando o resultado e procurando un estilo o máis afín ao seu. (…)”