“A
Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordou por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. O galardón recoñece o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro serálle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso da Noite da Edición, onde tamén serán entregados os premios do sector correspondentes ó ano 2011. Xesús Couceiro foi un gran promotor do libro galego e a súa librería un lugar de referencia para estudos, universitarios e personalidades do mundo da cultura. Couceiro é libreiro desde o ano 1969 e no ano 2007 puxo en marcha unha magnífica librería na Praza de Cervantes de Compostela, nun espazo emblemático da cidade onde vén axudando a dinamizar o comercio local. (…)” Vía AGE.
Santiago: presentación da reedición de Tras da Corda, de Carlos Reigosa
O
sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago e Compostela, preséntase a nova edición de Tras da Corda, de Carlos G. Reigosa, publicado en Xerais. No acto, o escritor estará acompañado por Manuel Bragado.
Muxía: Aurora Marco na Galería de Mulleres no mes de marzo
O
Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de marzo centrarase en Aurora Marco.
A Coruña: presentación de A mala vida, de Begoña Paz
O
venres 2 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o poemario A mala vida, de Begoña Paz, publicado por Ediciones La Baragaña.
Ferrol: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
A
sexta feira 2 de marzo, ás 20:30 horas, na Sociedade Galega de Historia Natural (Casa do Coronel, Praza de Canido, s/n) de Ferrol, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, interveñen, xunto ao autor, Xaquín Campo e Carlos Outeiro.
Santiago: A Berenguela, opereta de Nani García sobre un texto de Manuel María
O
sábado 3 de marzo, ás 19:30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, con entradas a 6 euros para adultos e 3 euros para cativos (pódense comprar desde o xoves 23 de febreiro), represéntase A Berenguela, de Nani García, unha opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María. A proposta que fai a Compañía A Xente das Palabras para este clásico da literatura infantil galega é a dunha posta en escena lida interpretada pola actriz María Inés Cuadrado, cunha introdución ao estilo de narración oral onde dun xeito lúdico, participativo e con exemplos prácticos se destaca a capacidade expresiva de música como código de linguaxe que comunica emocións. A palabra do poeta da Terra Chá está enmarcada pola composición musical de Nani García para o cuarteto de clarinetes Xerión integrado por Joaquín Meijide, Rafa Espido, Suso Sanchez e Juan Pérez potenciando a acción dramática e ofrecendo aos pequenos e grandes espectadores a posibilidade de disfrutar da música vencellada á palabra falada.
Recital Antolóxico da Poesía Galega dos séculos XII ao XX, en 1956
Desde Cultura Galega:
“Eduardo Blanco Amor coordinou o Recital Antolóxico da Poesía Galega dos séculos XII ao XX, que se celebrou en Bos Aires o 24 de xullo de 1956, nos locais do Centro Galego. Contou coa colaboración da Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas. Este documento sonoro excepcional foi o primeiro recital antolóxico da poesía galega. Contou coas voces de Fernando Iglesias Tacholas, Pilar Lebrón, Lita Soriano, Anita Fontao e Lito López. Agora podes escoitar este volume 15 da colección As Nosas Voces que o Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1998.”
Santiago: presentación conxunta de Contos Estraños Pulp: Anoiteceres Estraños e O Morador da Fenda
A
noite do venres 2 de marzo, na Gentalha do Pichel (R/ Santa Clara) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Anoiteceres Estraños e O Morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues, publicados por Contos Estraños. Este é o programa previsto:
20:30 – Recepción dos autores.
21:00 – Recepción e venda de exemplares.
21:30 – 21:45: Presentación Contos Estraños nº 1, Anoiteceres Estraños.
21:45 – 22:00: Presentación O morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues.
22:00 – 22:45: Charla e firmas.
22:45 – 01:00: Cea anos 20 (Reserva 10 euros a través do mail: contosestranhos@gmail.com).
Dioivo, xornalismo para o país da chuvia
Nace
Dioivo, un novo medio de comunicación dixital galego, en 29 de Febreiro de 2012: “O Dioivo, en calquera caso, é inminente. E abonda xa de explicacións. Queremos chover xa. Chover e escribir. Escribir e chover. Xornalismo para o país da chuvia. E cando mexen por nós, diremos que mexan por nós, e non outra cousa diferente. Estamos preparadas para contar e contrariar, que é o noso, o mapa de ruta desta publicación. Calquera que algún día soñou con ser independente, e poder dicilo con orgullo, saberá do que estamos a falar.”
Ofrenda floral a Cunqueiro en Mondoñedo
“Como
cada 28 de febreiro dende hai trinta anos, o pasado martes o Concello de Mondoñedo levou a cabo unha ofrenda floral ao escritor Álvaro Cunqueiro coincidindo co seu trixésimo primeiro cabodano. Con tal motivo, ás 11:30 h. desprazouse ata o cemiterio vello desta localidade unha comitiva da que formaban parte o rexedor e diversos edís mindonienses, amais dunha nutrida representación da corporación ferrolá, cidade coa que Mondoñedo está irmandada.
Presidindo a comitiva figuraba o profesor e crítico, tamén mindoniense, Armando Requeixo, quen foi o encargado este ano de oficiar de mantedor da ofrenda, na que se depositou unha rosa vermella na tumba do poeta Manuel Leiras Pulpeiro —de quen se cumpre este ano xustamente un século do seu pasamento— para logo pronunciar unhas breves palabras de recordo e homenaxe diante da tumba de Álvaro Cunqueiro ao tempo que se dispuñan ao pé desta diversos centros florais. A seguir, a comitiva trasladouse ao Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, onde o mantedor do acto pronunciou ás 12:15 h. unha breve alocución baixo o título de Álvaro Cunqueiro: mindoniense irrefutable, que foi seguida dunha lectura pública do poemario Herba aquí ou acolá á que o propio orador deu comezo e na que interviñeron autoridades e numeroso público asistente.” Desde Galicia Confidencial.