Xulio López Valcárcel: “Ao Courel hai que ir espido, cos sentidos abertos”

Entrevista a Xulio López Valcárcel en La Voz de Galicia:
O escano baleiro, que Xulio L. Valcárcel (Lugo, 1953) vén de presentar en Betanzos, non é só o chanzo de madeira no que adoitaba descansar Uxío Novoneyra ao pé da súa casa no Courel. É o símbolo da perda da Galicia rural. «Agora, testemuño mudo doutro tempo, [ese escano] non acolle máis que o peso da sombra dos que por el pasaron», di o autor no comezo dun libro que está entre o testemuño poético e unha literatura de viaxes comprometida coa defensa do medio. «Penso que a implicación persoal nun texto, dar conta da propia vivencia -explica-, fai que o texto adquira veromilitude, veracidade e forza». (…)
– La Voz de Galicia (LVG): Para enfrontarse á montaña non só vale o turismo de fin de semana, advirte…
– Xulio López Valcárcel (XLV): Si, esa é unha aproximación interesante [ri], pero insuficiente. Á montaña do Courel hai que ir espido, cos sentidos abertos. Non para impoñer a túa bagaxe cultural, senón para escoitar e recibir o que ela transmite.
– LVG: ¿Naceu este libro no Courel?
– XLV: Foi por unha padriñaxe da ruta do Lor, a raíz da que botei uns días no Courel. Coñecíao de rapaz, pois meus pais vivían en Quiroga. Pero esta vez reencontreime a realidade da montaña cunha mirada completamente nova. Foime revelada.
– LVG: O libro vai de algún modo reconstruíndo a paisaxe e a vida courelá da man do seu bardo. Fala da perda e da memoria. Cara o final, sorprende o comentario que fai ao fío duns versos de Novoneyra que din Ir co-ela / e vela como era
– XLV: Eses versos son un dos motivos polos que escribín o libro.”

Convocado o V Certame de Poesía Concello de Mugardos

“O Concello de Mugardos, a través da Biblioteca Pública Municipal, convoca a quinta edición do Certame de Poesía Concello de Mugardos, co gallo do Día da Poesía, o 21 de marzo.

BASES

PRIMEIRA: Establécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría:
* até 18 anos.
* iguais ou maiores de 18 anos.
Os/as concursantes poderán presentar un máximo de tres poesías, que se axustarán ás seguintes normas:
* TEMA: Libre.
* LINGUA: Galego.
* FORMA E EXTENSIÓN: DIN A4 por unha cara (extensión máxima por poesía), mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 14 e encabezados polo título.
As poesías terán que ser orixinais, inéditas e non premiadas en calquera outro tipo de concurso.
SEGUNDA: Achegaranse dúas copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a.
TERCEIRA: O prazo de entrega das poesías será todo o mes de febreiro. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo: V CERTAME DE POESÍA CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Cultura, Deporte, Turismo e Mocidade do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, núm. 45. (15620) Mugardos (A Coruña), segundo establece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
CUARTA: Unha vez reunidos os membros do xurado para facer a oportuna valoración, resultará gañadora aquela poesía que, a criterio do xurado, sexa merecedora do primeiro premio, podendo facer ademais Mención Especial dalgunha outra se o consideran oportuno.
QUINTA: O premio consistirá nun bono para mercar libros:
* por valor de 100 €, para a categoría de iguais ou maiores de 18 anos.
* por valor de 50€, para a categoría de menores de 18 anos.
SEXTA: O nome do/a gañador/a farase público o mércores 21 de marzo (Día mundial da poesía), tendo lugar o acto de entrega de premios o sábado 24 do mesmo mes ás 12:00 horas.
SÉTIMA: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases.

Mugardos, 3 de febreiro de 2012

O alcalde

Xosé Fernández Barcia”

Ferrol: presentación de Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza

O xoves 23 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase o libro Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza. Diarios inéditos e outros textos, de Victorino Pérez Prieto, publicado en Trifolium. No acto, xunto ao autor, participan Gumersindo Campaña e Xácome Santos.

Ángel de la Cruz: “Non sería raro que un filme de animación fose nominado na categoría de mellor película”

Entrevista a Ángel de la Cruz en Praza:
“(…) Arrugas é un proxecto arriscado, a adaptación do álbum de Paco Roca centrado na demencia senil e o alzheimer e a vida nunha residencia de anciáns. Precisamente hai uns días un grupo de traballadores dun xeriátrico compostelán, na Volta do Castro, enviáronlle a Alberto Núñez Feijoo unha entrada para ir ver o filme ao cinema e así coñecese como transcorre a vida nun centro destas características, “xa que non se digna a visitar os seus propios centro de traballo”, explicaban.
– Praza (P): Arrugas é o terceiro filme dirixido por ti que acada un Goya. As sensacións son as mesmas que a primeira vez?
– Ángel de la Cruz (ÁC): Non, non é a mesma sensación. Cando nos deron o Goya por O bosque animado non o esperabamos, non nos coñecía ninguén. Pero de todos os xeitos, este premio ao mellor guión adaptado devolveume esas sensacións da primeira vez, porque non contabamos con el. Foi moi emocionante. (…)
– P: O premio certifica o bo momento da animación galega?
– ÁC: Comeza a recoñecerse a Galicia, non só en España, senón en todo o mundo, como un sitio no que somos expertos en animación. E é importante manter esa sona. Constato, cando vou a Madrid, que a xente pode non recoñecer que unha película é dun ou doutro director, dunha produtora ou doutra, de Filmax ou Dygra, pero eles si que a asocian con Galicia, co bo facer da animación galega.
– P: Tes novos proxectos? Volverás adaptar unha novela gráfica?
– ÁC: Teño entre mans algúns proxectos, unha adaptación, aínda que non de novela gráfica, de momento. Pero non o desboto.”

Sermos Galiza nacerá en marzo e Dioivo este mes”

Desde Galicia Confidencial:
“[Néstor] Rego, ex-concelleiro do BNG en Santiago, argumenta que o Sermos Galiza nace  “como reacción á situación progresiva de desaparición de medios en galego que deixou un espazo baleiro de información veraz, independente e crítica, que ficou reducida a páxinas de escaso seguimento”.
En declaracións a Cuarto Poder o político nacionalista explica que contan contratar entre 8 e 10 redactores para un semanario en papel, cuxa data de lanzamento podería ser abril ou marzo.
Sermos Galiza constitúese cun capital de 320.000 euros, segundo informa Periodista Digital citando ao propio Rego. O promotor destaca a diversidade dos accionistas, uns 900 segundo a plataforma. (…)
Pola súa banda, Marcos Pérez Pena, director de Praza Pública, explica en Cuarto Poder que o novo dixital querería pasar a ser de pago tras un tempo de transición até que o público vise normal pagar polos contidos impulsado polo progresivo cambio de política dos grandes medios. Polo de agora a nova cabeceira, estreada o 1 de febreiro, manterase a base de donativos e aportacións dos patronos dunha Fundación creada ad hoc.
Pérez Pena argumenta que “a oferta de determinados contidos na súa lingua [o galego] disminiu até case desaparecer” e critica o recorte das axudas da Xunta á prensa en galego.
Para completar os movementos nos medios en galego, o 29 de febreiro está previsto o nacemento de Dioivo, “un proxecto que nace da vontade dun grupo de xornalistas desempregad@s da Galiza”, explican os promotores, entre os que están ex-profesionais de Galicia Hoxe e Xornal de Galicia.
Tal e como e xa publicou este xornal, tamén hai outro proxecto xornalistico en cernes que estaría impulsado por xornalistas do desaparecido Xornal de Galicia. (…)”

Vigo: presentación de Obras breves de imaxinación

O xoves 23 de febreiro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública Central (Joaquín Yánez 6, 2º andar) de Vigo, preséntase o libro Obras breves de imaxinación. Premios de Relatos “Mulleres Progresistas”, publicado por Baía Edicións. No acto intervirán Chus Lago, Conchi Regueiro e Belén López Vázquez xunto ás autoras, que terán unha breve intervención para falar do seu relato ou ler un parágrafo deste.

Continúa a recuperación da obra literaria de Gonzalo López Abente

“Con só un ano de actividade, a Fundación Gonzalo López Abente está a lograr unha visibilidade inédita da obra deste escritor muxián. Deste xeito, a entidade acaba de anunciar que asinou a un acordo coa editora Espiral Maior para tirar do prelo a poesía completa deste autor en 2013, a coincidir co 50 seu cabodano. A edición farase na colección Ópera Omnia e será coordinada por Miro Villar. Xa este mesmo ano, Xerais publicará A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, un volume que recolle seis relatos do escritor canda a un estudio de Xesús Sambade. Estas publicacións súmanse aos do poemario Bretemada, que da man de Alvarellos é finalista aos Premios da Edición deste ano.” Vía Cultura Galega.

Unha entrevista con Xosé Filgueira Valverde

Desde Cultura Galega:
“O 7 de agosto de 1995, Cristina Pujales, documentalista do Arquivo Sonoro de Galicia realizou unha longa entrevista a Xosé Filgueira Valverde co obxectivo de contar cun amplo documento sonoro no que o intelectual reflexionara en retrospectiva sobre a súa vida e obra. “Nós somos nós, os nosos mestres e os que traballan connosco e nos axudan”, asegura o intelectual pontevedrés nesta emocionante escolma desta dilatada entrevista que suma o volume 12 da colección As Nosas Voces e que se editou en 1997.”