Ourense: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A sexta feira 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Municipal (Rúa Lepanto, 8) de Ourense, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración da Livraria Torga, participará o propio autor acompañado por Rut Reza e Xosé Lois González, O Carrabouxo.

Vigo: conferencia de Eduardo Santiago sobre A experiencia de escribir ficción científica

O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo, terá lugar unha conferencia de Eduardo Santiago sobre A experiencia de escribir ficción científica, dentro dos actos de divulgación do II Concurso de relatos de ficción científica Inspiraciencia. No acto estará acompañado por Luísa Martínez Lorenzo.

Vigo: presentación de Os quilómetros que percorremos desnde aquela, de Alberte Momán

O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel Virtual (Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase Os quilómetros que recorremos dende aquela, o novo poemario de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no salón de actos do Liceo d’A Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase o libro Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola A. C. Barbantia, participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Xesús Laíño, presidente de Barbantia e Jorge Abal Caamaño. Crónica posterior en Galaxia.

Ourense: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 24 de febreiro, ás 20:15 horas, na CEO de Ourense (Praza das Damas), preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, intervirá Pilar Rodríguez.

Santiago: presentación da edición ilustrada de Follas Novas en El Patito

O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no espazo de arte de El Correo Gallego (Rúa do Preguntoiro, 29) de Santiago de Compostela, preséntase a edición ilustrada por Álvaro de la Vega de Follas Novas, de Rosalía de Castro, publicada pola Editorial El Patito. No acto intervirán Xerardo Conde Roa, o Secretario Xeral de Cultura e Gemma Sesar, xunto ao ilustrador.

Convocado o X Certame de relato curto en galego Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos, a través da Concellaría de Política Lingüística, convoca a décima edición do Certame de Relato Curto en galego Concello de Mugardos.

BASES

Primeira: Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.
Segunda: Os relatos terán unha extensión máxima de 10 folios. Serán realizados obrigatoriamente en lingua galega. O tema será libre. Deberán presentarse en formato DIN A4 por unha cara, mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 12 e encabezados polo título. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro tipo de concurso.
Terceira: Estabelécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría.
* até 18 anos.
* e maiores de 18 anos.
O premio de cada unha das categorías consistirá nun bono para mercar libros en galego. Para os relatos infantís haberá Mencións Especiais con diploma acreditativo e lote de libros, se o xurado o considera oportuno.
* até 18 anos: o premio será un bono por valor de 300 euros.
* maiores de 18 anos: o premio será un bono por valor de 400 euros.
Cuarta: As/os participantes poderán presentar até un máximo de 3 relatos pero só terán opción a un premio. Achegaranse tres copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoria a que se presenta e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a. Se é posíbel xuntarase soporte informático do relato.
Quinta: O prazo de entrega dos relatos é durante todo o mes de abril. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo indicando: X CERTAME RELATO CURTO CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Política Lingüística do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, 45. 15620 Mugardos (A Coruña), segundo o estabelece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
Sexta: O xurado, designado polo Concello de Mugardos, emitirá o seu ditame o 17 de maio, Día das Letras Galega, dando cumprida notificación deste nos xornais de maior difusión no concello e na Comunidade Autónoma. Os premios poderán ser declarados desertos.
Sétima: O Concello de Mugardos resérvase a propiedade dos relatos premiados, así como os dereitos de publicación das obras premiadas nos medios que considere oportunos. Neste sentido o/a autor/a renuncia a favor do Concello a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. Os relatos non premiados permanecerán na casa do concello, a disposición dos seus autores/as, durante os dous meses seguintes á entrega de premios. Transcorrido este período, os que non foran reclamados serán destruídos.
Oitava: O acto de entrega de premios comunicarase no momento oportuno.
Novena: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelábel.

Mugardos, 16 de febreiro de 2012

O alcalde

Xosé Fernández Barcia”

Santiago: nova edición de Os Bos e Xenerosos, dedicada a Francisco Carballo, o 3 de marzo

O sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos do Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega, coa colaboración de CEDRO, celebra, a novena edición da súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.

 No 2012 chegamos á súa novena edición, que se dedicou, por decisión unánime dos escritores/as Socios/as, a Francisco Carballo. Ao longo de máis de corenta anos o noso homenaxeado participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto.
O profesor, bebendo nas fontes documentais propias, emprendeu un camiño de investigación histórica e de renovación metodolóxica que dignificou a historiografía galega, filla do saber científico. Este labor fructificou, non só nas distintas publicacións dedicadas á historia de Galicia e a protagonistas da mesma (Alexandre Bóveda, Sarmiento), tamén na eclosión dun grupo de historiadores ao redor da editorial A Nosa Terra.
Caracterízano a humanidade, a humildade e a honestidade persoal; tamén a fidelidade aos proxectos que defende e o compromiso social. Isto fai del un referente sólido e explica a súa actividade constante e vital en campos tan variados. Así, ao pouco de establecerse definitivamente en Galicia, comprometeuse na dinamización cultural (na Asociación Cultural de Vigo) e no imprescindible pulo a medios de comunicación propios, figurando entre os fundadores e sustentadores do semanario A Nosa Terra.

INTERVENCIÓN de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
LECTURA DA ACTA de concesión do Premio. Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
LAUDATIO pronunciada por Anselmo López Carreira.
ENTREGA dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.
RESPOSTA á laudatio de Francisco Carballo.

Blog do Día de Rosalía

“Un día 24 de febreiro naceu Rosalía de Castro, a muller que nos devolveu a lingua, a poeta que encarnou como ninguén o espírito de Galiza.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega anima a conmemorar este acontecemento agasallando un libro e unha flor.

Este blog nace para reflectir todas as iniciativas, actos e celebracións que terán lugar ese día.

Envía o teu poema preferido (escrito ou recitado) a túa cita, a túa canción, a túa fotografía ou montaxe fotográfico, a imaxe que prefiras, un vídeo da celebración na túa aldea, parroquia, vila, cidade, centro escolar, universidade, onde sexa, o que sexa, a blogauria@gmail.com

Se es un creador e queres achegarnos unha colaboración, benvida. Se simplemente queres compartir un dato , unha anécdota, calquera cousa, esta é a túa páxina.

Todos somos Rosalía. Que se vexa.”