Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela (I)

Estes son algúns dos vídeos do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela, que tivo lugar o 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica videográfica completa pode verse aquí.

Interpretación musical da Coral da A. C. Solfa:

Saúda da presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez:

Lectura do Manifesto da AELG, Carlos Callón:

Euloxio Ruibal e Joseba Sarrionandia serán premiados pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñecerá cos galardóns O Escritor na súa Terra – Letra E’ e ‘Escritor Galego Universal’ os autores Euloxio R. Ruibal e Joseba Sarrionandia.
Este sábado, a asociación reuniu en Compostela a súa Asemblea Xeral de Socias, na que revisaron e analizaron o feito o pasado ano, así como tamén programaron as actividades deste 2024.
Segundo trasladou o presidente de AELG, Cesáreo Sánchez, o escritor recoñecido como ‘O Escritor na súa Terra – Letra E‘, unha homenaxe que chega este ano á súa XXV edición, será Euloxio R. Ruibal, para dar visibilidade e recoñecemento a “toda unha vida de entrega á escritura dramática”.
A entrega do galardón ‘Letra E’, unha peza escultórica, efectuarase na capital galega a segunda semana de xuño, cando se plantará unha árbore simbólica elixida polo propio autor e colocarase un monólito conmemorativo. Para iso, a asociación conta co apoio do Concello de Compostela e do Centro Español de Dereitos Reprográficos.
Doutra banda, o recoñecido como ‘Escritor Galego Universal‘ neste 2024 será o poeta vasco Joseba Sarrionandia, escritor con obra traducida ao galego e que tamén traduce obras do galego ao vasco.
Ademais, a próxima semana a AELG participará en Soria na Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores de todo o Estado español, onde demandarán á Administración “determinadas cuestións que nos corresponden”, como a compatibilización das pensións co cobro de dereitos de autoría.
De igual maneira, a asociación continuará facendo os seus roteiros literarios por distintas cidades galegas, así como a súa gala de premios ‘Mestres da memoria’, que levará a cabo en Lugo, xornadas sobre literatura dramática no outono, e un congreso das novas voces narrativas.
Así mesmo, Cesáreo Sánchez recalcou a implicación de AELG coa dedicación do Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, por formar a escritora parte da directiva da asociación. Deste xeito, farán talleres literarios dedicados á vida e obra da escritora, que decorrerán en centros educativos de toda a Galiza.
Tamén quixo destacar a preparación, xunto a editoras e librarías, dos Premios Follas Novas, que se entregarán unha semana antes do Día das Letras Galegas (17 de maio).
Por último, nesta asemblea anual os e as participantes debateron sobre as boas prácticas nos premios literarios, para tentar atender as necesidades das persoas asociadas, á vez que traballan para que “a literatura galega siga cumprindo o papel tan importante que cumpre”.”