Teresa Moure: Liberar a palabra

Entrevista a Teresa Moure en El País (Galicia):
“(…) O ensaio co que acaba de gañar o premio Ramón Piñeiro, Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións, recolle o testemuño daquel outro título. Repensa a linguaxe, desta volta, da man da teoría queer para propoñer estratexias transformadoras non só dos xeitos de dicir, senón da sociedade. Porque non abonda, advirte, con repetir acriticamente o xesto ritual do “todos e todas”. Trátase de adestrar a nosa razón contra o sexismo lingüístico a todos os niveis. “Observaba certa complacencia, na política ou nos medios de comunicación por exemplo. Parece que con utilizar -os e -as xa está todo feito, sen que exista máis vontade transformadora de xénero”, explica. “O feminismo pensou xa moito sobre isto. Se as mulleres non se senten denominadas polo masculino xenérico, por que temos que cumprir as normas que nos ditan as institucións académicas?”. (…)
Moure percorre no seu libro, a historia da literatura galega desde unha óptica queer. “Non importa como é o corpo da persoa que escribe, nin cal é a súa orientación sexual. O que importa é se a obra cuestiona a heteronormatividade, se vai máis alá dela”, sostén. Así, no sentido do cuestionamento da sexualidade canónica, cita non só obras da literatura dos 80 ou dos 90. Nin só A esmorga, ou Rosalía de Castro segundo a interpretación de Francisco Rodríguez. Lembra, por exemplo, O maroutallo de Otero Pedrayo, para ela unha “reivindicación do desexo feminino alén das convencións”. (…)”

A Xunta confirma a supresión da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos

“O Consello da Xunta aprobou hoxe a nova estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Educación, trala remodelación do goberno galego decidida polo Presidente da Xunta. A nova Consellería de Cultura e Educación unifica os delegados territoriais de Cultura cos de Educación, e suprime a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos (aínda que mantén unha subdirección xeral de Bibliotecas). A Secretaría Xeral de Cultura asume o resto dos departamentos da anterior Consellería.” Vía Cultura Galega.

O Barco: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A segunda feira 23 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán, no Barco, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística participa o propio autor.

Allariz: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O sábado 21 de xaneiro, ás 20:00 horas, na libraría Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán) de Allariz, preséntanse os libros Laura no deserto, e O paso do esquecemento, de Antón Riveiro Coello, publicados, respectivamente,  en Galaxia e o Centro da Cultura Popular do Limia. Crónica fotográfica posterior en Galaxia.

A Coruña: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O xoves 19 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande) da Coruña, preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, no que intervirán xunto á autora Francisco Pillado e María Teresa Martínez, proxectarase un capítulo do documental As silenciadas, da autoría de Pablo Ces.

Convocado o I Certame de poesía e relato curto Xosé Neira Vilas

“A Liga Estudantil Galega, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística ten a ben presentar o I Certame de poesía e relato curto Xosé Neira Vilas. Coa convocatoria deste Certame temos por obxectivo dárlle pulo ás autoras e autores novas e novos que escriben na nosa lingua e que, por desgraza, non teñen os medios necesarios para darse a coñecer no noso país. As bases do Certame son as seguintes:

Temática: libre.
Idioma: galego.
Modalidades:
*12 a 18 anos:

  • Grupo de 3 a 4 poemas de extensión máxima 50 versos (cada un).
  • Relato curto de extensión entre 1500 e 2500 palabras.

*18 anos en diante:

  • Grupo de 3 a 4 poemas de extensión máxima 50 versos (cada un).
  • Relatos curto de extensión entre 1500 e 2500 palabras.

Presentación: Cada participante poderá presentar un máximo de un traballo en cada modalidade (orixinais, inéditos e non presentados a ningún outro certame literario pendente de resolución).
O proceso de entrega será vía email indicando título e a seguinte información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto, que en ningún caso lle será facilitado aos membros do xurado. O traballo, en formato .pdf, xunto aos datos anteriores serán enviados ao seguinte correo-e: certameneiravilas@ligaestudantilgalega.info.
Prazo: o prazo de entrega rematará o día 15 de marzo de 2012.
Premios: editaranse os dous primeiros premios de cada modalidade. Amais, os primeiros de cada unha delas recibirán un lote de libros e unha camisola. A edición da obra levará un limiar de Xosé Neira Vilas. O xurado gárdase o dereito de declarar deserto algún dos premios se considera que os traballos recibidos non son da calidade suficiente por eles estimada.
Xurado: estará composto por profesores universitarios de recoñecido prestixio.
Fallo: Darase a coñecer nun acto especial de entrega de premios ao redor do Día das Letras Galegas do ano 2012.
Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes.”