“A
publicación do Ateneo de Ferrol, a revista Atenea, ten xa dispoñible na rede o seu número 43, dedicado nesta ocasión aos relatos de Nadal. En concreto, a revista publica textos de 18 autores que responderon á súa convocatoria Un conto de Nadal para unha nenez atea, con nomes como Alberte Momán, Irene Quinteiro, Rocío Ledesma ou Moncho Iglesias. O adianto da programación para o comezo deste 2012 e unha revisión de libros das novidades incorporadas á biblioteca do Ateneo completan esta entrega.” Vía Cultura Galega.
Convocado o XI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
Estas
son as bases do XI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos:
1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 23 de marzo de 2012.
4. Os traballos serán remitidos a:
Concello de Noia
Rosalía de Castro, 2
15200 Noia
5. Estabelécese un único premio de 3000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
O premio está consignado na partida 334.48000, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/a que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco ou caixa, correspondente á súa conta. Unha vez presentada esta certificación o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo Alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente. Un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia que actuará como secretario/a. E tres vogais nomeados/as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto o día 27 de abril de 2012.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruidos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.
Santiago: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo
O
mércores 18 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.
Axenda e previsións da Asociación Galega de Editores para o 2012
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“O plan anual de traballo da AGE vertebrarase ao redor da promoción e pulo do comercio interior. Sen renunciar á necesaria promoción da produción galega no espazo exterior, a AGE vai centrar boa parte dos seus esforzos en dinamizar o decaido mercado interno, afectado pola crise económica que atinxe tamén ao libro e ás súas canles de distribución minorista. O sector do libro enfornta o ano 2012 con serias dificultades debido a recesión económica e coa axuda das erráticas políticas económicas que contribúen, aínda máis, a unha caída do consumo interno sen precedentes. Tampouco axudan á dinamización do sector as estratexias de implantación da Escola 2.0, nas que os protagonistas e beneficiarios dos recursos son os instrumentos de soporte tecnolóxicos, mentres os contidos, auténticos responsables da formación educativa, fican relegados a un papel secundario.
O 10 de marzo terá lugar en Compostela a Noite da Edición, onde serán entregados os premios aos editores en recoñecemento ao seu traballo anual. Tamén serán homenaxeadas as editoriais que cumpren o seu 25 aniversario. A organización do acto prepara tamen unha homenaxe a Díaz Pardo, Presidente de Honra da AGE e a Carlos Casares, do que se cumpren dez anos do pasamento. AGE estará presenta na Feira do Libro de Madrid, actividade na que xa participou no ano 2011, na Feira do Libro para rapaces de Boloña, na Feira do Libro de Fránkfurt e na FIL. Os libros galegos tamén poderán mercarse no S. Jordi, o día 23 de abril. A plataforma de distribución de libros dixitais será unha realidade no novo ano.”
Páxina oficial sobre Valentín Paz Andrade
“Avogado,
xornalista, poeta, viaxeiro, home de empresa e vinculado a política. A personalidade multifacética de Valentín Paz Andrade, empapada ao mesmo tempo de grande humanidade, estivera marcada por un único obxectivo: traballar por e para Galicia.” Así comeza a páxina oficial sobre Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado neste 2012 no Día das Letras Galegas.
Santiago: conferencia Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, de Ramón Nicolás
luns 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conferencia de Ramón Nicolás baixo o título Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, organizada polo Ateneo de Santiago, dentro do seu ciclo Os luns do Ateneo. Vía Poesía galega.Até o 31 de xaneiro pódense presentar orixinais para o XII Premio Fiz Vergara Vilariño
O martes 31 de xaneiro remata o prazo para presentarse ao XII Premio Fiz Vergara Vilariño:
Entrevista a Armando Requeixo en Fervenzas Literarias
Entrevista
a Armando Requeixo en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): Profesor e investigador, Armando Requeixo comeza a facer crítica literaria con dezanove anos. Con que vontade se embarca vostede nese mundo crítico que arriba agora coa publicación deste Criticalia?
– Armando Requeixo (AR): Eu fun, dende sempre, un lector voraz. Uniuse a iso a presenza, nunha idade temperá, dun feixe de profesores que viron en min un bo lector, esixente e curioso. Eles animáronme a poñer por escrito algunhas das lecturas que eu facía daquela, dun xeito totalmente amador (claro). Esas mesmas persoas, onde destacaría de maneira sobranceira a Claudio Rodríguez Fer e a Luís Alonso Girgado, favoreceron que esas recensións primeiras puidera facelas chegar a algúns dos suplementos literarios galegos de xornais e revistas especializadas que había naquel tempo, como as páxinas do Táboa Redonda de El Progreso, as de Edición 7 de El Correo Gallego, as páxinas de cultura do semanario A Nosa Terra… (…)
– FL: Iso podería levarnos á formulación doutra pregunta: cal sería -pois- o papel dos críticos dentro dun sistema literario?
– AR: O traballo da crítica camiña en dúas direccións. A primeira delas sería a da crítica inmediata; esa que aparece nos medios de comunicación: a “crítica de novidades”. Logo estaría a crítica académica, visible especialmente nos círculos académicos ou especializados. Estas críticas versarían sobre textos máis clásicos ou que teñen un recendo epocal. As dúas son interesante e necesarias, ademais de ser complementarias. Na crítica máis inmediata traballas cun material novo, que aínda está por valorar e por calibrar; mentres que coa crítica académica dáse un último empurrón para o canon. A crítica inmediata, esa crítica de actualidade, ten un cometido fundamental que é o de actuar de zahorí, de sommelier, porque hai que detectar aquilo que é susceptible de ir pasando co tempo, por decantación, a formar parte do canon. O crítico debe, por unha banda, informar os lectores e, por outra, ir escolmando aquilo que, ao seu xuízo, debería de quedar nesa listaxe de textos canonizados. Hai xente que traballa fundamentalmente na crítica académica que non ve con moi bos ollos –e incluso ás veces amosa un ápice de desprezo- a crítica de novidades. Eu dedícome a ambas as dúas e podo dicir que por veces a crítica inmediata é máis difícil que a académica. É moi doado dicir que Celso Emilio Ferreiro é un grandísimo poeta ou que A esmorga é unha magnífica novela cando se valora a touro pasado. Máis difícil é aseverar, no día de hoxe, que esa novela de Luís Rei Núñez ou aqueloutra de Antonio Reigosa son magníficas e que o tempo che dea a razón. (…)”.
Lugo: recital-presentación de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr
O
martes 17 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, terá lugar a presentación de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr, publicado en Barbantesa. No acto terá lugar un recital poético do propio autor. Entrevista posterior en El Progreso.
Xosé Luís Franco Grande: “Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia”
Entrevista
a Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se sente ante este recoñecemento?
– Xosé Luís Franco Grande (XLFG): Un pouco sorprendido e preocupado porque é unha experiencia nova. O que me alegra é que sexa unha distinción da miña terra. Dáme satisfacción. Sobre todo o feito de que foi un acordo adoptado por unanimidade. Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia. (…)
– LVG: Opinaba vostede hai uns anos que a creación literaria estaba nun momento de vulgaridade total. ¿Mellorou a cousa?
– XLFG: É que cada vez que falo diso a xente ponse enferma. A miña opinión non vai cambiar a realidade, que é a que é. Pode que sexa eu o que está trabucado e as cousas van mellor, aínda que eu non o vexo por ningures.
– LVG: Acaba de nos deixar Díaz Pardo e Paco del Riego fíxoo hai pouco mais dun ano. ¿Hai relevo desta xeración cun perfil intelectual tan elevado?
– XLFG: Hoxe predominan os técnicos sobre os humanistas e iso xa se perdeu coa Xeración Nós. Pero é un cambio universal, non só de Galicia. Hoxe é imposible ter unha visión global e profunda das distintas ramas do saber. Unha cousa é estar informado, e outra, ter coñecemento real e profundo das cousas. Hai que peneirar todo moi ben para non caer en trampas. (…)
– LVG: ¿Como ve a marcha da Academia Galega na actualidade?
– XLFG: Hai moito que non vou pola Academia. Non me fai moita ilusión. Estou un pouco á marxe de todo iso. Tanto me dá estar dentro que estar fóra. Hai xente que está matándose por entrar, non sei para qué. Déixolles o meu posto na RAG cando queiran. Estaba máis a gusto nos tempos de Paco del Riego, nos que había máis cordialidade e sentido de comunidade. E non estou criticando nada de agora. Só é que eu antes sentíame máis a gusto na Academia.”
