Xosé María Álvarez Cáccamo: “Poesía para exposicións”

Reportaxe en Cultura Galega sobre o diálogo entre poesía e plástica na obra de Xosé María Álvarez Cáccamo:
‘”Desde moi pequeno sentín atracción por diferentes manifestacións das artes visuais. Desde sempre fixen maquetas ou máquinas inventadas por min, pero non lle daba trascendencia. A finais dos 80 comecei a tomalo máis a serio, sobre todo a manufactura de obxectos”. A aposta de Cáccamo por este tipo de creacións insírese nunha tradición poética que arrinca xa co surrealismo e o dadaísmo. “Cando coñecín o traballo de Joan Brossa neste sentido sentinme moi motivado. Eu daquela chamáballes obxectos construídos, pero funme abeirando ao que se pode chamar poema obxectual”. O poeta recoñece a dificultade de separar este concepto da escultura. “Non penso que o saiban realmente nin os críticos. No meu caso polo menos, os poemas visuais inclúen texto ou algunha referencia textual ou literaria, como pode ser empregar máquinas de escribir ou mesmo só os teclados separados da máquina. Nalgúns casos teñen un valor visual por si, pero outros cómpre lelos ou interpretalos. Pola contra, para min os obxectos construídos están un pouco máis na liña da escultura”, explica este autor.
Con boa letra
Canda ao traballo con obxectos, Cáccamo traballa tamén a poesía visual ou caligráfica. Obras como Manuscritos do ar ou a mais recente Cántico de topónimos esdrúxulos amosan versos manuscritos nos que as palabras collen diferentes cores e formas para expresar as ideas do autor. “Gústame o acto físico de escribir a man, teño toda unha afección emprego da letra manual e sempre traballei con letrismos e este tipo de cousas”, lembra o autor. Este tipo de composicións entrou con forza na poesía occidental cos caligramas de Apollinaire, que compuñan figuras mediante as letras. No entanto, o traballo de Cáccamo non aposta por recrear formas concretas. “A seguir ese diálogo entre pintura e texto, penso que pode entrar nel tamén a pintura abstracta, e entón no meu caso a apariencia externa das letras non é figurativa, pero non deixa de haber unha referencia pictórica mediante o emprego de formas abstractas. En realidade o poema caligráfico e o caligrama son dous produtos moi próximos”. (…)
Outros creadores
A nivel galego, non son moi comúns apostas creativas como as que fai Álvarez Cáccamo, aínda que existe unha certa tradición a nivel de poesía na que o texto compón figuras con autores como Manuel Antonio ou de interese polo poema caligráfico con exemplos destacados como Uxío Novoneyra. No entanto, Álvarez Cáccamo salienta que si coñece creadores que na actualidade exploran vías semellantes, aínda que en moitos casos non se coñecen de xeito público. “Coñezo a xente que se dedica a isto, non moitos en Galicia, poida que sexamos 10 ou 12, con autores como Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Riveiro ou Baldo Ramos, pero hai máis xente do que se pensa, e na rede van aparecendo cousas”. A propia dificultade para publicar de xeito masivo este tipo de traballos afasta en boa medida estas creacións da edición convencional. Un superior custe dos facsímiles de textos caligráficos ou directamente a imposibilidade de facer grandes tiraxes do que son auténticas esculturas fan que só se poidan atopar en tiraxes pequenas e coidadas como as que realiza a editorial Bourel, ou que haxa que asistir a exposicións para coñecer este tipo de creacións. “É unha arte moito máis minoritaria do que a poesía discursiva, e é tamén normal que nun territorio onde falta aínda normalización cultural non se lle preste demasiada atención a propostas menos convencionais. Eu mesmo teño poesía na liña do letrismo, combinando letras de imprenta, ou feita con imaxes e lenzo, pero non a teño publicado”.’

Informacións sobre as Polafías da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG

A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi referenciada en varias novas aparecidas nas últimas datas en diversos medios. Deixamos aquí as ligazóns e parte dos contidos:

Cultura Galega: Da memoria á rede (21 de xuño):
‘Desde 2007, a Asociación de Escritores en Lingua Galega desenvolve, a través da súa sección de Literatura Oral, as polafías. Esta iniciativa recolle contos, cancións e historias populares en encontros por todo o país e súbeas á rede. Antonio Reigosa, coordinador desta iniciativa, explícanos como funcionan e ata que punto axudan a mudar a percepción sobre as nosas propias tradicións.
Xuntar un grupo de xente de certa idade do rural nun local e nunha data concreta. Ilos facendo pasar por un escenario e similar e que conten un sucedido, canten unha canción ou expliquen algunha lenda ou tradición. Gravalo todo e por unha selección de videos na rede. A priori, semella unha proposta ben sinxela ao alcance de calquera, pero leva un grande traballo de concienciación e de contactos detrás. Este é o que desenvolve Antonio Reigosa desde a sección de Literatura Oral da Asociación de Escritores no programa Polafía. “O proxecto ten por obxecto divulgar e dinamizar a oralidade, especialmente no que se refire á tradición oral, e de paso a música e todo o relacionado coa transmisión de cultura por esta vía”. O nome é un neoloxismo que combina varias das denominacións que se lle dan aos encontros festivos en diferentes partes do noso país (fiadeiros, fía, fiandóns, polavilas ou seráns, entre outros). Desde 2007 celebráronse xa dezaoito destes encontros, en lugares como A Fonsagrada, Cerdedo, San Cibrao, San Martín de Valdorras ou Xanceda, en Mesía. Como resultado deste traballo, o web da iniciativa recolle xa máis de 300 vídeos. “Fixéronse en todas as provincias, aínda que é certo que houbo máis na Coruña e en Lugo porque o proxecto conseguiu máis apoios das deputacións”.
O programa
“Montamos como un espectáculo en cada lugar”, explica Reigosa. Casas da cultura ou antigas escolas en vilas e parroquias rurais son os locais habituais para esta actividade. “Non temos un guión ríxido pero si unha guía previa sobre quen vai participar e máis ou menos o que van dicir. Normalmente intercálanse pezas musicais, romances e contos xunto con historia do lugar, oficios ou técnicas. Moitas veces acompañamos os actos con proxeccións de fotografías de historia do lugar. En realidade é unha posta en común do pasado co presente mediante a oralidade”. A elaboración do guión das diferentes sesións é o máis complicado desta iniciativa. Non é sinxelo convencer a xente, e mais se falamos dos máis vellos do país, a que vaian contar as súas historias en público, en boa parte porque moitos non consideran que eses saberes sexan de interese para ninguén. Unha autoxenreira que dificulta en moitas ocasións conservar e difundir este importantísimo legado. “O máis difícil é contactar a nivel local para cada unha das polafías e logo convencer a xente que interesa”. (…)
Contidos
A falar dos contidos que podemos atopar nos vídeos desta iniciativa, Reigosa apunta que “hai unha representación bastante grande da música, tanto instrumental como do cancioneiro popular. Logo hai bastante das lendas vencelladas a lugares da zona. Tamén contos de temática variada, historias ou sucedidos, ese tipo de relatos que están a medio camiño entre o conto e a historia sobre personaxes da zona”. Canda a isto, “tamén se pode ver nos videos unha lingua, un xeito de falar que está a desaparecer”.
Transmisores
Unha sección que se abriu no web das polafías que non estaba prevista nun comezo é a de Mestres da memoria. E é que tamén á hora de recuperar tradición oral aparecen auténticas minas de coñecemento. “Abrimos este capítulo con Alba Requeijo, que participou nas sesións de Outes e de Mondoñedo e que é un portento de memoria, recitado ou narrativa”. E é que, segundo explica Reigosa, “dentro dunha comunidade, a xente que tiña mellores técnicas de comunicación asumían o papel de transmisores do coñecemento, e a propia comunidade llo cedía. Pero a día de hoxe é un valor que está menosprezado”. (…)
Novas citas
Os interesados en vivir de primeira man esta experiencia terán a súa ocasión nos vindeiros meses. Para setembro está prevista a vindeira en Xirazga, Beariz, e para outubor será o Pazo de Tor, en Monforte, o que acolla a actividade. Tamén no vindeiro outono se achegará a iniciativa á Coruña, onde se pescudará na tradición oral do barrio de Montealto e o seu vencello coa cultura mariñeira.’

La Voz de Galicia (Carballo): A tradición oral de Cerqueda da o salto á Rede da man dos escritores en lingua galega (21 de xuño):
‘As distintas manifestacións da cultura tradicional da parroquia malpicá de Cerqueda acaban de dar un salto importante de cara a súa preservación ao pasar a formar parte do arquivo etnográfico que está a elaborar a Asociación de Escritores en Lingua Galega co programa Polafía e que xa se pode consultar en Internet. Os 41 vídeos que se poden ver a través da web da AELG son o resultado da xornada desenvolvida na localidade durante antroido pasado en colaboración entre a propia asociación e as entidades locais Monte d’Arxa e Raigañas, e na que tomaron parte varias ducias de veciños. Coplas, romances, regueifas, comparsas, actuacións musicais e outras pezas da tradición oral local integran un valioso material que pode ser consultado xa desde calquera punto do Planeta a través de Internet. De feito, os 41 vídeos -algúns de só uns segundos de duración e outros de máis de dez minutos- recibiron en total en poucos días varios centos de visitas. Esta iniciativa permitiu rexistrar manifestacións que ata o de agora só se transmitiran de xeito oral e que, polo tanto, corrían o risco de perderse no esquecemento.’

Que pasa na Costa. Diario dixital da Costa da Morte: A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda (18 de xuño):
‘Volvemos hoxe aos tempos do Entroido para disfrutar dunha auténtica tradición de Cerqueda, Malpica. A Polafía recolle a máis pura tradición oral, e dende xa a podemos disfrutar na rede. Un total de 41 vídeos de distinta duración, desde 1.30 ata 5 minutos, amosan desde esta semana o excelente traballo de recolleita de literatura oral e música tradicional que a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa organización das asociacións Monte d’Arxa e Raigañas e co patrocinio da Deputación da Coruña e do restaurante Aldeola, realizou o Domingo de Piñata e que xa se poden contemplar desde calquera parte do mundo. Coa súa visualización poderanse escoitar romances, coplas, fragmentos de regueifas de regueifeiros históricos como Cotelo da Ourada, Leonarda de Tallo e Cadete de Figueiroa, comparsas de Mens e Cerqueda, sucedidos, contos, lendas, ladaíñas, mandamentos, cancións de acordeón diatónico, de pandeireta e de gaita e a manifestación etnográfica dos Madamitos e Ghuardineros que foi rescatada hai décadas pola Asociación Cultural Raigañas. (…)’

Xavier Rodríguez Barrio: “Din nos libros de texto que son un poeta raro: vivir apartado en Lugo sálvame dos problemas que hai nos gremios”

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Galicia Hoxe:
‘Foi así como comezou a moldear os versos de Calado testamento en 1995. Foron máis de quince anos de escrita a lume lento, nos que non renunciou ao verso libre e longo pero con ritmo nin ao pracer do recitado e á pulcritude lingüística co galego. “Cando comezamos a escribir non había dicionario nin gramática do galego. Eu nacín en Lugo capital e fun educado en castelán. Así que a miña preocupación máis profunda era recuperar formas perdidas da lingua para a linguaxe poética, o cal me valeu que me consideren nos libros de texto un poeta escuro e raro: vivo apartado en Lugo porque non teño carné de conducir. Pero iso permitiu que me salvara dos problemas que hai en todos os gremios e que me leve ben con poetas de Vigo ou A Coruña….”, argumenta.
O resultado é Calado testamento, un balance “amoroso, vital, da Terra, de Galiza como raíz”, pero non significa un punto e final senón unha obra de madurez. “O libro está dividido en tres partes nas que xogo con sensacións contraditorias. A primeira chámase En brazos da súa sombra, que xa no seu propio título fai referencia a connotacións positivas e negativas; a segunda parte, Tan inhóspita luz supón a vivencialidade da terra, un resumo do país onde vivimos e a derradeira parte Ningún regreso é unha volta ao que xa non existe, á infancia, a certas felicidades que non van volver”, comenta o autor. Para o autor lucense, a proba de que a literatura galega “evolucionou” reside nos “borbotóns” de novos escritores. “Antes eramos seis ou sete poetas que tiñamos como referentes a Ferrín, García Bodaño, Bernardino Graña, Arcadio López Casanova, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Novoneyra, Xosé María Díaz Castro ou Cuña Novás. Hoxe o 90 por cento das novas xeracións de escritores son profesores de galego ou xornalistas”, comenta.’

A Coruña: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución e recital poético e musical

O xoves 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Bar Patachim (Beiramar, 16) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. Tamén participarán as integrantes máis guapas das Ataque Escampe, David Pobra cunha performance loisista, Arsenio Iglesias Pazos e Haizea Barzenilla cun recital de poemas de Lois traducidos ao euskera, Fayez Khalaf recitando Contra a morte en árabe, e Andrea Nunes Brións, quen iniciará o recital aberto á participación espontánea do público.

Monforte: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O xoves 23 de xuño, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte de Lemos, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto acompañarán ao autor Alicia Fernández e Andrés Gómez Chao.

Xulia Alonso gaña o Premio San Clemente en lingua galega, por Futuro imperfecto

“O primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, resultou gañador da XVII edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente en lingua galega. Os outros finalistas foran Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, e Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. En castelán a novela gañadora foi Riña de gatos, de Eduardo Mendoza, e en lingua estranxeira Brooklin, de Colm Tóibin. Organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o Premio está dotado con 9.000 euros e recoñece a mellor novela do ano en cada modalidade, elixida por alumnos de Bacharelato deste e doutos catro institutos galegos. A edición deste ano contou ademais cun instituto portugués e outro de Madrid.” Vía Galaxia.

Ferrol: conferencia A crise económica e política en Galiza, de Xosé Manuel Beiras

O mércores 22 de xuño, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, terá lugar unha conferencia pronunciada por Xosé Manuel Beiras, titulada A crise económica e política en Galiza, organizada pola citada entidade e Amigos da Universidade do Campus de Ferrol.