A Coruña: presentación de Elos, de Paula Gómez del Valle, François Davo, Txiki Calvo e Rodrigo Varela

O xoves 2 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º) da Coruña, preséntase o libro Elos, con fotografías de Paula Gómez del Valle, poemas de Txiki Calvo, François Davo e Rodrigo Varela, e prólogo de Tati Mancebo, publicado en Edicións Morgante.

Vigo: presentación de Despois da medianoite, de Salma

O xoves 2 de xuño, ás 20:00 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Despois da medianoite, de Salma, publicado en Xerais, traducido por María Reimóndez. No acto participará a autora, a escritora támil Salma, xunto coa tradutora e Manuel Bragado.

E-catálogo, en Cultura Galega

“Hai moitas incógnitas aínda por despexar ao redor do libro electrónico. En que formato traballar, para que dispositivos, se facer só unha traslación do libro impreso ao dixital ou, pola contra, buscar un formato enriquecido. Segundo datos do Ministerio de Cultura, só o 3% dos libros que se venden están en formato dixital. Mentres as editoras galegas esperan que o mercado despexe dúbidas sobre a fórmula a seguir, cada quen fai as súas experiencias por separado. En total hai disponibles 250 títulos en diferentes plataformas e formatos.” A nova completa pódese consultar en Cultura Galega.

Vigo: presentación de As portas ausentes, de Caino Vasconcelos

O xoves 2 de maio, ás 19:30 horas na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, terá lugar a presentación do libro de poemas do pintor baionés Caino Vasconcellos, As portas ausentes, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirán, ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o mozo poeta Anxo Ratel.

Santiago: presentación de Relatos para noites de hotel

O mércores 1 de xuño, ás 11:00 horas, no Restaurante Porta Faxeira (Rúa do Franco, 50) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Relatos para noites de hotel, onde se recollen os textos gañadores do I Concurso Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, de Inma López Silva e Carmen Simón. Intervirán Inma López Silva, gañadora do Premio Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, José Manuel Otero e Anxo Lorenzo.

Ourense: bota a andar a XXVII edición da Feira do Libro

Comeza a XXVII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), que estará aberta entre o martes 31 de maio e o domingo 5 de xuño, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas. Como actividade máis destacada deste martes 31 destaca o pregón da Feira a cargo de Xosé Neira Vilas, a partir das 19:30 horas.

Vilaboa, Culleredo: presentación de A palabra exacta, de Antón Lopo

O mércores 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania – Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, de Antón Lopo, publicado en Galaxia. No acto interveñen Celestino Poza e o propio autor.