Lugo: presentación de Lois Pereiro. O negro leite da aurora

O venres 13 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase o libro Lois Pereiro. O negro leite da aurora, de José Luís Calvo e Carlos Gegúndez, publicado en Toxosoutos. Tras a presentación terá lugar un recital por parte dos poetas colaboradores no volume.

A Estrada: presentación de Dairas

O venres 13 de maio, ás 20:30 horas, no Museo do Moble e da Madeira (MOME, Avenida de Benito Vigo) da Estrada, terá lugar a presentación de Dairas, de autoría do Taller de Creación Artística do IES Manuel García Barros da Estrada. No acto intervirán Gisèle Maïssa, Miguel Carbajal, Marta Rodríguez, Marta Isla e Carlos Loureiro, coordinador da obra.

Chapela: Encontro poético no Edificio Multiusos

O venres 13 de maio ás 19:30 horas, no Multiusos de Chapela ( Redondela), celébrase o Encontro Poético na Biblioteca da Chapela, no que recitarán Belém Andrade, Concha Rousia, Asun Arias, Carlos Rafael, Carmeliña Garcia, Rosa Garcia e Nolim González.

Lalín: actividades do xoves 12 de maio na Feira do Libro

Ábrese a Feira do Libro de Lalín (na Praza da Igrexa) con horarios de 10:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Das actividades do xoves 12 destacamos as seguintes:
11:30 h. Participación na feira do libro da escritora Tere Fernández, autora dos libros A funámbula e Viaxe a Terranova, publicados por Edicións A Nosa Terra.
19:00 h. O escritor Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.
20:00 h. Pregón a cargo da escritora Yolanda Castaño. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares dos seus libros.

VENTO LOIS o 12 de maio

A seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 20:00 h.: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (por exemplo)”.

Na web de Lois Pereiro habilítase un espazo para anotar as iniciativas de cada localidade, e así organizar xente, propostas e esforzos. As dúbidas ao enderezo oficial loispereiro2011@gmail.com.

PROPOSTA DE ESCALETA VENTO LOIS (12 de maio de 2011)

1. LECTURA DO MANIFESTO LOISISTA:
Loita, furia, humor… Amén!
Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!…”
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña…”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe… tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante… temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma…
E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.

(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)

2. RECITAL: lectura participativa de poemas de Lois.
3. INTERVENCIÓNS: lectura de textos e mensaxes a/sobre Lois.
4. MÚSICA & OUTROS: cancións en directo ou gravadas, escenificacións, performances…

VENTOS CONFIRMADOS

  • LIMOGES: No Instituto Léonard Limosin, ás 10:00 horas, os alumnos de último ano lerán poemas diante unha pequena exposición con fotos, poemas e debuxos no hall do recreo. E, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Municipal Jean Moulin, actuación do grupo VACARM (Voyager avec les cheminots amoureux de la résonance des mots = Viaxar cos ferroviarios namorados da resonancia das palabras).
  • MONFORTE: O xoves 12 ás 12:00 h. todos os centros de ensino da vila pararán para realizar lecturas de Lois Pereiro. Ás  20:00 h. no Salón de actos do Centro do Viño terá lugar un recital aberto sobre textos de Lois.
  • NOIA: Os dous institutos da vila sacarán un grupo de alumnos/as á rúa e con xices irán pintando os versos de Lois por toda a vila, para que todo o mundo o poida ler, entre as 12:45 e as 14:35 horas. Trátase dunha iniciativa do EDLG do IES Campo de San Alberto a quen se une o IES Virxe do Mar e que realizaremos coa colaboración do Concello de Noia. Os versos permanecerán nas rúas de Noia ata que as inclemencias do tempo e as pegadas dos transeúntes os vaian levando.
  • MADRID: Galego en Madrid-Espazo das Linguas Ibéricas (proxecto da Xunta de Galicia, Universidad de Alcalá, Instituto Cervantes …) organiza un acto que terá lugar entre as 18:00 e as 21:00 h. no Instituto Homeopático y Hospital San José (Rúa Eloy Gonzalo 3-5). Comezará coa lectura do Manifesto Loisista, seguirá co coloquio Lois Pereiro entre Galicia e Madrid, con María Xesús Nogueira e Luis Luna, continuará cun recital dos estudantes do curso de galego e poetas convidados, e finalizará con arte, música e comida dos propios alumnos.
  • SANTIAGO: A partir das 19:00 h. no Local Sociocultural da Caramoniña, na cima do parque de Bonaval, terá lugar a acción sentimental Aclamación a Pereiro, concerto do Leo, lectura do Manifesto Loisista por Paco Macías, organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
  • SADA: Ás 19:00 h., no Centro Municipal da Xuventude de Sada: lectura dun guión biográfico sobre Lois intercalado con poemas do mesmo (as lecturas serán realizadas por integrantes da Asociación, alumnos dos centros de ensino e todo aquel que esta interesado) e posterior lectura de textos de autores locais en galego e/ou sobre a lingua. Organizado polo Concello e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.
  • SARRIA: Ás 20:00 h. na Casa da Cultura lectura de poemas de Lois Pereiro.
  • FENE: A partir das 20:00 h. no Casino de Perlío haberá un recital VENTO LOIS a cargo dos e das participantes do obradoiro literario que se desenvolve cada venres, desde hai 10 anos, na Biblioteca Municipal (Museo do Humor). Leranse poemas de lois e mais poemas propios na súa homenaxe.
  • BERGONDO: Ás 20:00 h. no Edificio da Senra, o grupo Eolo Teatro estrea Recitalois, baixo a dirección de Willy Eter.
  • GONDOMAR: A partir das 20:00 h. a Asociación Espazo Lectura celebrará unha lectura de poemas de Lois Pereiro na Cafetaría Rañolas (Rúa Otero Pedrayo, 3), precedida por Gonzalo Navaza, quen lerá o Manifesto Loisista.
  • CARBALLO: Ás 20:00 h., no Pazo da Cultura, lectura do Manifesto Loisista; presentación do libro Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas, coa participación da autora e de Francisco Pillado; e lectura compartida de textos e poemas de Lois Pereiro. Organizado pola A. C. Lumieira e a colaboración da Editorial Laiovento e o Concello de Carballo.
  • VIGO: Ás 12:00, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o grupo de investigación GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía) do Departamento de Filoloxía Galega e Latina organiza un recital de poemas de Lois Pereiro e traducións ao inglés, alemán, francés e catalán, proxección de vídeos e música sobre Lois e unha conferencia de Manuel Forcadela, xunto á presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico Lois Pereiro publicado en Xerais, e elaborado polo GAELT baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. Ás 17:00 h., no Conservatorio Superior de Música (Monte do Castro, s/n.), acto de homenaxe con poemas de Lois e música de David Bellas, por profesores e alumnado da Escola Superior de Arte Dramática e do Conservatorio. A partir das 20:00 h., inauguración da exposición Lois Pereiro. Lírica Punk, no Verbum (Avenida de Samil, 17), onde Ramón Nicolás lerá o Manifesto Loisista e Marcos Calveiro recitará poemas de Lois.
  • RIBEIRA: Ás 20:00 horas, organizado polo Grupo Pinche en colaboración co IES Leliadoura e o Departamento de EF dese centro, o VENTO LOIS zoará desde diversos bares e tabernas baixo o principio “Se mahoma nom vem a montanha, imos levar a montanha a mahoma ainda que seja a caldeiros!”. Os locais serán: Capitán Morgan, A Caverna, Albatros, Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza) e A Taberna do Riaso.
  • FERROL: A partir das 20:00 horas,  organizado polo Ateneo Ferrolán, en colaboración co Concello, no Cantón de Molíns (Praza da Constitución): letras colgadas en globos simbolizando o Manifesto Loisista, e que serán botadas ao VENTO, Lectura do Manifesto polo presidente do Ateneo, reparto do mesmo o público asistente na rúa e lectura de poemas.
  • LALÍN: Ás 20:30 h. no IES Ramón Aller, lectura do Manifesto e despois conferencia de Antón Losada, co título: Que foi da Galicia de Lois?. Organizados por A. C. O Naranxo e Queremos Galego Deza.
  • OURENSE: A partir das 20:30 horas, representación de Mundo Lois na Sala Principal do Auditorio Municipal. Ás 12:00 horas funcións escolares para o segundo ciclo da ESO e Bacharelato. Ás 18:00 h., na Livraria Torga, presentación do libro-cd-dvd Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro, coa lectura do Manifesto Loisista e dos oito poemas que forman o traballo, a cargo de Alexandro González, Lino Braxe e Roi Maceda, iniciando a exposición de 9 ilustracións de Pedro Villarejo na mesma libraría até o 10 de xuño. Ás 20:00 horas,  a veciñanza da Ponte Canedo (Ourense) súmase cun acto no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), consistente na lectura do Manifesto Loisista, a proxección do vídeo Declaración, a lectura de poemas do autor a cargo de veciñas e veciños do barrio, xunto á interpretación dunha peza de Bach en directo. Tamén haberá actividades infantís que gardan relación con Lois Pereiro.
  • A CORUÑA: Ás 21:00 h. no Antigo Cárcere Provincial, concerto en homenaxe a Lois de Ulträqäns e Loretta Martin, e recital de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xulio López Valcárcel e Antía Otero, nun acto presentado por Manuel Rivas e Xurxo Souto. Ás 19:30 h., no FNAC, Chelo Suárez aproveitará a presentación do seu libro As horas rotas para ler poemas seus en homenaxe a Lois, mentres que, a esa mesma hora, 20:00, no salón de actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ‘Fantoches Baj’ representará o espectáculo Poesía última de Lois Pereiro; e no Museo de Belas Artes lerase o Manifesto Loisista, proxectaranse varios videopoemas de Pedro Ramos sobre a obra de Lois, e haberá un recital coa participación de Andrés Ibáñez, Olga Patiño, Tiago Acosta, Juan García e Uxía Vázquez. Previamente, a partir das 12:30 horas, o Centro de F. P. Tomás Barros (rúa Ramón María Aller, 10 entrechán), nun acto aberto á participación de quen se queira achegar, lerase o Manifesto Loisista, seguido dunha lectura de poemas de Lois a cargo do alumnado, unha breve brisa biográfica do autor e un furacán musical de melodías domésticas.
  • BETANZOS: Ás 20:30 horas, a  A. C. Eira Vella desenvolverá a homenaxe a Lois coa participación de alumnado do IES Francisco Aguiar lendo poemas  de Lois (percorrerán o propio día 12, de 10:30 a 12:30 h., o casco histórico de Betanzos para capturaren imaxes baixo a inspiración duns poucos textos escollidos da obra de Lois, vinculando a imaxe coa letra) e a proxección dun vídeo do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Vales Villamarín coas voces dos nenos e nenas contando a vida e obra de Lois. A xente de Eira Vella tamén lerá o manifesto e recitará algún poema ou texto.
  • BUEU: Ás 20:30 horas, recital con poesía e música de e sobre Lois no Bar Aturuxo (Rúa Pazos Fontenla, 59).
  • TUI: A partir das 20:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal, lectura do Manifesto Loisista, recital de poemas e música ao vivo.
  • ARTEIXO: Ás 20:30 horas, no Café Concerto Bata de Guata (Rúa Xeneral Mosquera Palleiro, 2, xunto ao paseo fluvial), lectura de poemas e música a cargo de Cántigas da Terra, Tati Mancebo e Antón Borrazás.
  • CANGAS: A partir das 22:00 horas, no Pub Canis Lupus (Rúa Ferrol, 22), lectura do manifiesto Loisista e a continuación audición colectiva do CD dos poemas de Lois. Recita O Leo, con música de Alfonso Camarero.
  • PARÍS: O VENTO LOIS chegará o venres 13 de maio de 18:00 a 20:00 h. na sala 1.3 do Instituto Cervantes de París, xa que non foi posible organizalo o día 12. Lerase Manifesto Loisista, recitaranse e comentaranse poemas del, e visionaranse vídeos e imaxes súas, escoitando a súa autobiografía e poemas musicados. Os actos están organizados polo Centro de Estudos Galegos.

María Canosa gaña o premio Avelina Valladares con Ronca o Mar

María Canosa Blanco é a gañadora do premio Avelina Valladares de poesía convocado polo Concello da Estrada. Así o decidíu o xurado do certame desta decimoquinta edición na que concorreron máis de vinte textos. Este estivo composto por Andrea Porto (gañadora da anterior edición deste certame poético), Xoán Andrés Fernández, Carlos Loureiro e María Dolores Araújo. Baixo o título de Ronca o Mar e presentado co lema Ardora, o traballo de María Canosa destacou, dacordo co xurado, pola súa “sonoridade, cohesión interna, unidade estilística, capacidade para evocar mundos e pola simboloxía empregada pola autora”. A entrega do primeiro premio do XV Avelina Valladares, dotado con 2.000 euros, terá lugar o próximo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras, nos xardíns municipais. A tamén escritora Rosalía Morlán encargarase de ler o manifesto das Letras. Desde El Correo Gallego.

A Coruña: Voces nas letras, lectura pública aberta na Universidade o 23 de maio

“A Universidade da Coruña quere convidarvos a participar de modo activo nunha lectura pública aberta ao conxunto da cidadanía, Voces nas Letras, que se desenvolverá o luns, 23 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas no Paraninfo da Reitoría (Maestranza, s/n, A Coruña). Por cuestións organizativas solicitamos que nos fagades chegar ao enderezo electrónico vocesnasletras@udc.es as vosas propostas de textos, que deben cumprir as seguintes condicións:
– 1) Os textos para ler estarán escritos en lingua galega, con independencia de seren traducidos doutra lingua.
– 2) Non existen limitacións temáticas nin estilísticas ou de autoría.
– 3) A duración da lectura non poderá exceder os cinco minutos.
– 4) A propia persoa propoñente será quen o lea.
– 5) Acéptanse, xustificadamente, como alternativa aos textos outras intervencións, como execucións musicais, mimo, danza etc., sempre que estas non superaren tamén os cinco minutos.

As propostas poden enviarse ao enderezo arriba mencionado até o mércores, 18 de maio.”

Convocado o X Premio de Poesía Novacaixagalicia

A Fundación Novacaixagalicia e o PEN Clube de Galicia convocan a X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, na súa edición de 2011, coas seguintes

BASES

– 1. Poderán concorrer ao X Premio de Poesía Novacaixagalicia autores e autoras de calquera nacionalidade, presentando unha soa obra escrita en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente).
– 2. O premio, un e indivisible, está dotado con 12.000 euros, cantidade da que se deducirán os impostos correspondentes.
– 3. As obras aspirantes, que deberán acadar unha extensión mínima de 600 versos, han de ser inéditas na súa totalidade e non poderán estar presentadas simultaneamente a outros concursos.
– 4. Os orixinais débense presentar por quintuplicado, mecanografados e baixo lema. O mesmo lema deberá figurar no exterior dun sobre pechado que conteña os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos do autor ou autora, fotocopia do DNI, enderezo postal, correo electrónico e teléfono de contacto.
– 5. Os poemarios enviaranse por correo postal ou mensaxería a: Novacaixagalicia, Departamento de Obras Sociais. Centro Social Novacaixagalicia. Rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202, VIGO, indicando no sobre: Para o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.
– 6. O prazo de admisión rematará o 31 de outubro de 2011, quedando excluídos todos os envíos que leven data posterior.
– 7. O Xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido labor no ámbito literario, actuando como presidente o titular do Centro PEN de Galicia. Correspóndelle ao Xurado a interpretación destas Bases e a súa decisión será inapelable.
– 8. O fallo do X Premio de Poesía Novacaixagalicia farase público, perante os medios de comunicación, en Vigo, no Centro Social Novacaixagalicia, a comezos de decembro de 2011.
– 9. A obra premiada publicarase na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN de Galicia, renunciando o autor ou autora, na primeira edición, aos dereitos que puideran corresponderlle. De existiren posteriores edicións, deberase facer constar nelas que a obra recibiu o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.
– 10. Non se devolverán os orixinais recibidos, nin se admitirán reclamacións sobre os mesmos. O feito da presentación ao X Premio de Poesía Novacaixagalicia obriga aos participantes a respectar as presentes Bases na súa totalidade.

Vigo, abril de 2011.”

As bases poden ser descargadas en formato .pdf aquí: X Premio de poesia Novacaixagalicia 2011.