Santiago: presentación de Cartas de Poeta. De Uxío Novoneyra a Ramón Piñeiro. 1953-1972

O xoves 23 de decembro ás 11:30 h., na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, preséntase o libro Cartas de Poeta. De Uxío Novoneyra a Ramón Piñeiro. 1953-1972, editado polo propio Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Luís Cochón e Luís Alonso Girgado. No acto intervirán Ramón Villares, Luís Cochón e Uxío Novoneyra Rei, fillo do poeta. A nova aparece recollida en Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, El Correo Gallego, La Voz de Galicia e Cultura Galega. Pequena escolma en Cultura Galega.

Vigo: presentación de A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro

O xoves 23 de decembro, ás 20:00 h., no Salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo, preséntase o libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, publicado por Biblos. Participarán ademais do autor, o escritor, profesor e crítico literario Estro Montaña e o xornalista Fernando Franco.

O Saviñao (Escairón): presentación do libro Circular polo Saviñao III

O xoves, 23 de decembro, a partir das 20:00 h., no Círculo Saviñao (Rúa Pardo Bazán, 17, O Saviñao, Escairón), preséntase o libro Circular polo Saviñao III, editado por esta entidade para conmemorar o seu 50 aniversario. Nel colaboran, entre outros, Xesús Alonso Montero, Xosé Lois García, Xabier Quiroga, Carlos Quiroga, Siro López e Yolanda Castaño.

Os Bolechas personalizados en Meubook

Grazas a Meubook os Bolechas abren o seu mundo. Partindo dunha foto propia o usuario pode construír un avatar e verse integrado no mundo creado por Pepe Carreiro. O proxecto presentouse o martes 21 de decembro na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela. Meubook chegou a un acordo con Pepe Carreiro e desenvolveu unha ferramenta que permite a creación dun conto personalizado a través da web. Baseándose na tecnoloxía de recoñecemento facial, e a partir da introdución duns poucos datos fisionómicos, un avanzado programa de caricaturización elabora unha imaxe do usuario adaptada ao mundo creado por Pepe Carreiro, que como personaxe dos Bolechas protagonizará unha historia creada para a ocasión. O libro pode ser solicitado a través da web ou encomendado ao libreiro de confianza en seis idiomas: galego, castelán, catalán, vasco, aranés e portugués. O conto personalizado dos Bolechas é un novo produto de Meubook, unha plataforma que pretende ofrecer servizos eficientes e polivalentes para lectores e editores. Orixinalmente galega, a plataforma Meubook pretende achegarse ao usuario do ecosistema do libro en varias linguas: galego, castelán, catalán, vasco, portugués, inglés e francés. Varios autores da AELG figuran entre os que ofrecen obra na nova plataforma Meubook, como Xavier Queipo e Xavier Alcalá. Esta nova foi recollida tamén en Xornal e Galicia Hoxe.

Alfredo Conde: “Deixei de escribir en galego porque reparei en que levaba 20 anos facendo o parvo”

Entrevista de Santiago Jaureguizar a Alfredo Conde en Galiciaé:
“Galiciaé (G): Huesos de santo é unha novela compostelá, negra… e en castelán.
Alfredo Conde (AC): En castelán, si. O sistema literario galego é unha coña. Todo cristo -editores, vendedores, libreiros,..- vive decentemente del, menos os escritores. É algo que eu aplaudo, pero non entendo. Eu teño moitos anos e moitas obrigas; necesito tempo e diñeiro e, no que me leva traducirme unha novela, escribo outra e páganma. Este ano dei 38 conferencias en México; dez ou doce no resto de España e ningunha en Galicia.
G: Como bo escritor galego, quéixase moito…
AC: Non me queixo, son datos. Deixei de escribir en galego porque deime de conta de que levaba vinte anos facendo o parvo, de que non se me quere e de que non teño amigos. (…)
G: (María Pita) Sería unha personaxe a revisar. Pensa que se revisará tamén a súa obra dentro de trinta anos?
AC: Impórtame un carallo porque non teño vocación de pataca, non quero que me enterren para medrar. Os escritores non cumprimos o papel de antes; cando desaparecemos, desaparece a obra. Agora todo é mercado, a excelencia non pinta nada. Eu non vou renunciar a ningunha das miñas linguas. O que acontece é que preciso tempo e cartos. Paréceme un cachondeo que me traduzan do castelán, fareino eu cando teña tempo.”