Miguel Anxo Fernán-Vello: “Inmersión lingüística”
Artigo
de Miguel Anxo Fernán-Vello en Galicia Hoxe:
“(…) Resulta que, segundo o último informe PISA, os estudantes en Cataluña -onde dende o ano 1983 se leva a cabo de xeito impecábel un modelo educativo de inmersión lingüística- teñen “un nivel superior de coñecemento e dominio das linguas (incluído o castelán, naturalmente) que os do resto do Estado español”, existindo ademais en Cataluña -así o constata o informe PISA- un nivel de compresión lectora en castelán superior ao de moitas comunidades plurilingües. ¿Quen quere dinamitar o progreso democrático, educativo, cultural e humanístico que está a vivir Cataluña? ¿Acaso a Unesco non avala cientificamente o método pedagóxico de inmersión lingüística? Como ben acaba de lembrar Duran i Lleida, até o propio presidente da Comisión da Unión Europea recomendaba non hai moito o sistema lingüístico vixente nas escolas catalás para outros estados membros da UE de características semellantes. Seguiremos reflexionando…”
Emma Pedreira: “A poesía sempre foi a prima rara”
(Xornal)
Xosé Ramón López Boullón: “Ten que desaparecer a trama que sementou o enfrontamento lingüístico”
Convocado o XXIX premio de novela longa Blanco Amor
O
Concello de Santiago de Compostela fixo públicas as bases da convocatoria do XXIX premio de novela longa Blanco Amor:
“Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.
Segunda.-Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.
Cuarta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.
Quinta.-De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n, 15705 Santiago de Compostela, facendo constar no exterior Para o XXIX Premio Blanco Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de febreiro do 2011.
Sétima.-O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Santiago, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.
Oitava.-O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinatarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.
Novena.-O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.
Décima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.-A entrega do premio terá lugar no mes de abril de 2011, nun acto público que se convocará oportunamente.
Décimo segunda.-O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.
Décimo terceira.-Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.”
Sarria: Festival de Nadal da A. C. Ergueitos
O
luns 27 de decembro, a partir das 18:30 h., na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar o Festival de Nadal organizado pola A. C. Ergueitos, coa colaboración da Concellaría de Cultura de Sarria. Nel terán lugar as seguintes actividades:
– Moita poesía, pouca diversión. Espectáculo poético-musical de Lucía Aldao e María Lado.
– Vixilia en ausencia. Peza de danza da Compañía Sólodos Coreografía e intérpretes: Maruxa Salas e Erick Jiménez. Música: Mercedes Peón.
– Actuación de Lorena do Val: Piano e voz.
Pódese descargar o programa neste arquivo en .pdf: Festival de Nadal 2010 Ergueitos.
Galaxia e Toupa, galardoados na VII edición dos premios EGANET
Becerreá: Noite poetica A Pipa 2010 con Branca Novoneyra
O
domingo 26 de decembro, a partir das 19:00 h., na Casa da Cultura de Becerreá terá lugar a XIX Noite Poética A Pipa 10 con Branca Novoneyra, con este programa de actos:
– Cerimonia de Entrega de Premios do XIX Certame Literario A Pipa 10 da Alta Montaña Luguesa, presentado por Amparo Becerra, Alicia Chao Penela, Xavier Fernández e Rafa Ramos. Interveñen: Branca Novoneyra e os/as representantes das institucións colaboradoras.
– Presentación e conversa coa bailarina e escritora homenaxeada Branca Novoneyra, a cargo de Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá.
– Proxección de pezas de danza de Branca Novoneyra.
– Recital da poesía de Branca Novoneyra.
– Cóctel e brinde.