A Fundación Antón Losada Diéguez convoca a edición XXVI dos Premios Losada Diéguez. Deixamos aquí as bases en .pdf para que poidan ser descargadas: XXVI Premio Antón Losada Diéguez.
Publicados dous libros de termos trobadorescos
O Saviñao (Escairón): presentación do libro Circular polo Saviñao III
O
xoves, 23 de decembro, a partir das 20:00 h., no Círculo Saviñao (Rúa Pardo Bazán, 17, O Saviñao, Escairón), preséntase o libro Circular polo Saviñao III, editado por esta entidade para conmemorar o seu 50 aniversario. Nel colaboran, entre outros, Xesús Alonso Montero, Xosé Lois García, Xabier Quiroga, Carlos Quiroga, Siro López e Yolanda Castaño.
Os Bolechas personalizados en Meubook
Grazas
a Meubook os Bolechas abren o seu mundo. Partindo dunha foto propia o usuario pode construír un avatar e verse integrado no mundo creado por Pepe Carreiro. O proxecto presentouse o martes 21 de decembro na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela. Meubook chegou a un acordo con Pepe Carreiro e desenvolveu unha ferramenta que permite a creación dun conto personalizado a través da web. Baseándose na tecnoloxía de recoñecemento facial, e a partir da introdución duns poucos datos fisionómicos, un avanzado programa de caricaturización elabora unha imaxe do usuario adaptada ao mundo creado por Pepe Carreiro, que como personaxe dos Bolechas protagonizará unha historia creada para a ocasión. O libro pode ser solicitado a través da web ou encomendado ao libreiro de confianza en seis idiomas: galego, castelán, catalán, vasco, aranés e portugués. O conto personalizado dos Bolechas é un novo produto de Meubook, unha plataforma que pretende ofrecer servizos eficientes e polivalentes para lectores e editores. Orixinalmente galega, a plataforma Meubook pretende achegarse ao usuario do ecosistema do libro en varias linguas: galego, castelán, catalán, vasco, portugués, inglés e francés. Varios autores da AELG figuran entre os que ofrecen obra na nova plataforma Meubook, como Xavier Queipo e Xavier Alcalá. Esta nova foi recollida tamén en Xornal e Galicia Hoxe.
Alfredo Conde: “Deixei de escribir en galego porque reparei en que levaba 20 anos facendo o parvo”
Entrevista
de Santiago Jaureguizar a Alfredo Conde en Galiciaé:
“Galiciaé (G): Huesos de santo é unha novela compostelá, negra… e en castelán.
Alfredo Conde (AC): En castelán, si. O sistema literario galego é unha coña. Todo cristo -editores, vendedores, libreiros,..- vive decentemente del, menos os escritores. É algo que eu aplaudo, pero non entendo. Eu teño moitos anos e moitas obrigas; necesito tempo e diñeiro e, no que me leva traducirme unha novela, escribo outra e páganma. Este ano dei 38 conferencias en México; dez ou doce no resto de España e ningunha en Galicia.
G: Como bo escritor galego, quéixase moito…
AC: Non me queixo, son datos. Deixei de escribir en galego porque deime de conta de que levaba vinte anos facendo o parvo, de que non se me quere e de que non teño amigos. (…)
G: (María Pita) Sería unha personaxe a revisar. Pensa que se revisará tamén a súa obra dentro de trinta anos?
AC: Impórtame un carallo porque non teño vocación de pataca, non quero que me enterren para medrar. Os escritores non cumprimos o papel de antes; cando desaparecemos, desaparece a obra. Agora todo é mercado, a excelencia non pinta nada. Eu non vou renunciar a ningunha das miñas linguas. O que acontece é que preciso tempo e cartos. Paréceme un cachondeo que me traduzan do castelán, fareino eu cando teña tempo.”
Pilar García Negro: “Galego: A quen queremos axudar?”
Artigo
de Pilar García Negro no Xornal de Galicia:
“Conclúo amosando o meu acordo total coa necesidade de non reducir a política lingüística que o nacionalismo practique e defenda a galvanizar os sentimentos dos xa galego-falantes conscientes e, en troca, excitar toda a pedagoxía de convicción para que os castelán-falantes se incorporen á práctica do galego. Tan de acordo estou que, en xusta correspondencia, reclamo que, se non se debe porfiar no uso redundante, pola mesma non se ofenda gratuitamente a aqueles-as que mesmamente se esforzan, coa súa conduta en galego e pro-galego, en aumentaren o número dos segundos. Agardo ansiosa (que non furiosa) que o redactor do informe citado ou calquer outro oferezan positivas propostas de captación e fixación de novos falantes do galego, porque estou algo farta de que se desestimen vellas tácticas e non se oferezan novas por nengures. Agora, iso si, a grandilocuencia que non falte!: o informe citado aparece subtitulado como reflexión estratéxica. Isto que escrebo, Henrique Monteagudo, pacientes leitoras-es, non é nen sequer explicación dunha táctica. É, simplesmente, aclaración mínima do que, no fondo, non o merece, isto é, a atribución a unha servidora de falsías e dogmatismos varios, que, precisamente, por levar toda a vida no debate da cuestión, fican derrubados como castelo de cartas. Porque, por certo, eu chámome como me chamo, non polemista salientable. Até aí se guinda a pedra e se esconde a man!”
Silvia Álvarez gaña o certame Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Clube e L-V
No ventre morno do río, unha crúa historia de Silvia Álvarez que agocha moitos segredos, resultou o relato gañador do primeiro premio do certame de Minicontos de Outono, que promoveron o Centro PEN de Galicia e LV-De Luns a Venres e que está dotado con 600 euros libres de impostos. O segundo premio, que ten unha dotación de 300 euros, recaeu en Controladores e calendarios, un texto do mestre pontevedrés José de la Torre Culler que aborda unha temática tan de actualidade como é o recente caos aeroportuario vivido en España. Finalmente, un orixinal e arriscado microtexto de Eugenio M. Alonso, Calcio, foi merecedor do terceiro premio, que está recompensado con 100 euros. Ademáis, as tres pezas recoñecidas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto De Luns a Venres. O xurado do certame, que se reuníu o pasado venres en Compostela no Centro PEN de Galicia, que preside Luís González Tosar, estivo composto polo escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, o escritor Bieito Iglesias, a escritora e profesora da UVigo Rexina Vega, a profesora e tradutora Daniela Sotgiu, o director do Centro PEN Galicia, Xabier Castro Martínez, e os xornalistas Diego de Cora e Juan Méndez. Máis información en Galiciaé. Tamén aparece recollida esta nova en Galicia Hoxe, e ampliada posteriormente en Galiciaé.
Ramón Máiz gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con A arte do imposible
A
obra A arte do imposible, da que é autor Ramón Máiz Suárez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2010, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. O ensaio premiado nesta X edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros, será publicado por Editorial Galaxia o próximo ano. Sete orixinais presentáronse a esta edición. O xurado valorou moi especialmente o novidoso do ensaio e o tratamento dalgúns dos temas centrais da ciencia política actual cun enfoque tamén relacionado co caso de Galicia. Ademáis de entrar no debate sobre a formulación do poder, na obra premiada reflexiónase a prol da dignidade e o valor da política como xestión do poder que vén dende abaixo; cun enfoque que reivindica a paixón como raiz común descoñecida da política fronte ao hiperracionalismo. A nova aparece recollida en Galaxia, Cultura Galega, Xornal, Galicia Hoxe, La Opinión, Galiciaé e El País.
Emma Pedreira e Pepe Pol gañan os premios de poesía e narrativa Manuel Oreste Rodríguez López
Santiago: Jaureguizar estará no Nadalxogo asinando exemplares de Tintimán
(Xerais)