O
xoves 3 de marzo, a partir das 18:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, o escritor Manuel Rivas asinará exemplares de Todo é silencio e de todos os seus libros. Por outra banda, anúnciase a tradución da súa última obra ao inglés e francés.
Convocado o I Premio MOME de Teatro Varela Buxán
A Coruña: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro
O
xoves 3 de marzo, ás 20:30 h., no Teatro Colón da Coruña, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.
Miguel Pardo Pereira gaña o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez
Miguel Pardo Pereira gañou o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez, convocado polo Concello de Arteixo, baixo a temática Muller e Educación, grazas ao seu artigo Non é broma. O galardón, dotado con 600 euros, será entregado o venres 4 de marzo ás 19:00 h. no Centro Cívico de Arteixo.
Luís González Tosar pide unha poesía crítica ao recibir o Puro Cora
Elena Veiga presenta en Betanzos Morto en fucsia
(Xornal)
Convocado o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo
O Concello de Carballo
, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con varios medios de comunicación, convoca por sétimo ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 8 de abril. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia.
As bases completas pódense descargar neste arquivo: Bases do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011.
Santiago: presentación de Labirinto da memoria, de Euloxio R. Ruibal
O
mércores 2 de marzo, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Labirinto da memoria, de Euloxio R. Ruibal, publicado en Toxosoutos. No acto participan, co autor, Xosé Luís Méndez Ferrín e David González Couso. Recollido en Galicia Hoxe.
Convocado o III Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro
1) A Asociación Cultural Entre Bambalinas, editora da Revista Galega de Teatro (RGT), convoca este certame co obxectivo de contribuír, por medio da banda deseñada, á divulgación do teatro galego.
2) Neste certame poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas, e poderán presentar,cada unha delas, cantas obras desexen.
3) O traballo consistirá en adaptar para banda deseñada a peza Belicosario de Manuel Lourenzo. Belicosario foi editado pola Revista Galega de Teatro no seu número 51 e pode atoparse nas bibliotecas, solicitarse nas librarías, na Editorial Galaxia ou no blog da Revista.http://revistagalegadeteatro.blogspot.com/.
4) O texto do traballo será en lingua galega.
5) A extensión será como mínimo de 12 páxinas (cor ou branco e negro) máis portada en cor. O formato será DIN A-4 (210 mm x 297 mm).
6) Os traballos non poderán levar o nome da autora ou autor de xeito visible. Presentaranse en sobre, sen sinatura nin nome, baixo un título ou lema. No seu interior incluirase outro sobre co mesmo título ou lema, e os datos persoais: nome e apelidos, fotocopia do DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico.
7) A recepción de traballos rematará o día 17 de xuño de 2011, este incluído. Deberán remitirse por correo postal a: Revista Galega de Teatro. Apartado de Correos nº 210. 36940 Cangas do Morrazo (Pontevedra).
8) A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras.
9) O fallo inapelable do xurado será o día 9 de xullo de 2010 a través da web ou no blog da Revista Galega de Teatro.
10) A organización resérvase o dereito de realizar exposicións públicas con todos os orixinais presentados.
11) Os exemplares non premiados poderán ser reclamados a partir do 1 de setembro até o 1 de outubro de 2011. Os gastos de devolución correrán por conta dos concursantes. O orixinal premiado e os orixinais non solicitados, pasarán a formar parte do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas.
12) Establécese un único premio de 1.000 euros e a publicación da obra gañadora.
13) Un xurado cualificado determinará a mellor obra. O premio poderá ser declarado deserto.
15) [sic] A participación neste concurso implica a aceptación de todas as súas bases. A organización poderá introducir, se o cre preciso, as modificacións que estime pertinentes para o bo funcionamento do certame. De igual xeito, coidará das obras presentadas pero non se fai responsable da súa integridade.
Para calquera información sobre o concurso, as persoas interesadas poderán dirixirse ao enderezo:
revistagalegateatro@hotmail.com.