Con
motivo da celebración do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro a Fundación Manuel María organiza, o xoves 4 de novembro a partir das 20:00 h., no Museo Provincial do Mar (Avenida da Mariña, s/n.) de San Cibrao, Cervo, o recital-concerto Ao raso das lebres. Versos de Rosalía de Castro, de Casahamlet, onde se mostra a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola conciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Con este recital-concerto, Casahamlet pretende facerlle chegar ao público, un exemplo de poesía e de compromiso que teñen na nosa escritora os seus acentos máis sonoros. Este acto forma parte da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!.
A minha embala gaña o concurso Musicando Carvalho Calero
O
concurso Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e Komunikando, foi gañado por A minha embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, coa súa versión do tema Maria Silêncio. O xurado estaba formado por Carlos Quiroga, Xavier Freire, Carlos Mourente Valcárcel e Leo Fernández Campos (Leo i Arremecághona). O premio consiste nunha semana nun estudio profesional de música para gravaren os temas que consideraren oportunos e tres dias máis para as misturas e masterización do disco. Este incluirá o tema enviado ao concurso e será editado con licenza Creative Commons. O orzamento do premio foi compartillado polas concellarias de cultura da Coruña, Santiago e Ourense. Máis información na web de Komunikando.
San Cibrao, Cervo: inauguración da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!
Con
motivo da celebración do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro a Fundación Manuel María promove varios actos que van ter lugar no Museo Provincial do Mar (Avenida da Mariña, s/n.), San Cibrao, Cervo, entre o 2 ao 15 de novembro de 2010. O día 2 de novembro, ás 20:00 h. terá lugar a inauguración da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía, que se poderá visitar co seguinte horario: de martes a sábado: mañás de 11:00 a 14:00, tardes de 16:00 a 19:00 h., domingos e festivos: mañás de 11:00 a 14:00, luns pechado. A entrada é gratuíta.
Vigo: exposición Fermín Penzol. Unha obra para un país
Desde
o mércores 20 de outubro até o martes 30 de novembro, na Fundación Penzol, Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n.), de Vigo está a exposición Fermín Penzol. Unha obra para un país, mostra homenaxe, coordinada por María Dolores Cabrera e Henrique Monteagudo, a este rexistrador da propiedade, bibliófilo galeguista, que durante toda a súa vida e dende a mocidade se dedicou a reunir libros e documentos referidos á nosa cultura, dende a Idade Media aos nosos días. Poderá ser visitade no seguinte horario: de luns a venres, de 18 a 21:30 h., sábados, de 11 a 14 h, e de 18 a 21:30 h. e domingos e festivos, de 11 a 14 h.
Vigo: presentación de Conservas, de Daniel Costas Currás
O
mércores 3 de novembro, ás 20:00 h., no Museo do Verbum (Casa das palabras) de Vigo, a Lonxa Literaria de Moaña presenta o libro conservas de Xosé Daniel Costas Currás, obra gañadora do XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do concello de Dodro e publicado pola editorial Sotelo Blanco. Soledad Ríos, presidenta da Lonxa Literaria presentarán ao autor e ao proxecto cultural da Lonxa. Asistirá á presentación o mestre e poeta Anxo Angueira e deseguido o autor fará un percorrido por diferentes poemas do libro.
Ourense: presentación de Institucións docentes e grandes mestres en Ourense, de Enrique Bande
O
mércores 3 de novembro, ás 11:00 h., preséntase na Deputación de Ourense o libro Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1845-2005, de Enrique Bande, publicado en Galaxia. No acto participan, co autor, Víctor F. Freixanes e Xosé Luis Baltar.
Vídeo das Conclusións do Galeusca 2010
Conclusións do Galeusca 2010
Reunidos
en A Coruña, entre os días 29 de outubro e 1 de novembro de 2010, as asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, ao redor do tema “A literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro”, concluimos que:
1. Demandamos do goberno central garantías e respecto equitativo e de adecuación de políticas de fomento e divulgación das nosas literaturas nacionais en pé de igualdade coa literatura escrita en lingua castelá.
2. Denunciamos as actuais políticas estatais de afronta e negación dos nosos idiomas nacionais, coa pretensión de anularen o principio de progresión recollido no espírito e na letra da lexislación vixente. Neste sentido, lembramos o contido do artigo 3.3 da Constitución Española de 1978 que impón ao goberno do estado obrigas de apoio efectivo para as linguas cooficiais: éuscaro, catalán e galego.
3. Reivindicamos a necesidade dunha maior presenza cualitativa e cuantitativa das nosas literaturas nacionais nos curriculos oficiais escolares para as etapas de ESO e Bacharelato.
4. Facemos constar o noso rexeitamento rotundo á aprobación, unilateralmente imposta polo goberno galego, do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario que, por primeira vez na historia da democracia, fai retroceder a presenza horaria e a consecuente posibilidade de aprendizaxe, para a mocidade e infancia, do idioma galego, propio e oficial de Galiza, que afonda na súa condición de lingua minorizada e supeditada á hexemonía do castelán.
5. Denunciamos a regresión na política de investimentos en cultura por parte da Xunta de Galicia, que imposibilita o desenvolvemento ascendente e normalizado da actividade cultural vinculada ás industrias do sector e co propio proceso creativo de autores e autoras nas súas diferentes manifestacións artísticas.
6. Mostramos o noso desacordo coa recente convocatoria, por parte do goberno galego, dos agora chamados Premios de Creación, polo seu rexeitamento do cualificativo “Nacionais” co que naceron no seu día e pola anulación da dotación económica que conlevaba esta mención de recoñecemento.
7. Finalmente, entendemos que, nestes tempos de globalización, se fai aínda máis necesaria a defensa dos sinais de identidade dos pobos e de todas aquelas manifestacións nacionais que resisten o intento recentralizador dos grandes poderes políticos e económicos.
A Coruña: XXVII edición de Galeusca, do 29 de outubro ao 1 de novembro
Organizados
pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, os encontros Galeusca chegan á súa XXVII edición, congregando na cidade da Coruña, entre os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro, a escritores e escritoras da AELG, da Euskal Idazleen Elkartea e da Associació d´Escriptors en Llengua Catalana.
As sesións da XXVII Congreso Galeusca celebraranse na Biblioteca de Estudos Locais (rúa Durán Loriga s/n.) da Coruña, baixo o epígrafe Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro.
O XXVII Congreso Galeusca promoverá neste 2010 o debate ao redor da importancia das nosas literaturas en lingua propia como subministradoras de contidos para unha fértil industria cultural que a todos e todas sen excepción preocupa e interesa, pois na lingua e na literatura susténtase a identidade senlleira dun pobo, unha historia pensada e debuxada tamén polos seus escritores e escritoras, voces reveladoras dunha viaxe colectiva cara un país con futuro propio. Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o programa:
Venres, 29 de outubro:
Chegada das delegacións
22:00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
Sábado 30 de outubro
10:00-11:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura e o audiovisual, coordinada por Raúl Veiga:
• Héctor Carré
• Harkaitz Cano (elaboración do relatorio) | Ander Iturriotz (relator)
• Manel Bonany
11:30-12:00 Pausa café
12:00-13:30 Mesa redonda: As viaxes na literatura, coordinada por Xulio L. Valcárcel:
• Anxo Angueira
• Urtzi Urrutikoetxea
• Ignasi Riera
14:15 Xantar (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
17.00: Percorrido Rosaliano pola Coruña, por Diego Pardo Amado (con saída na Rúa do Príncipe,3 –Cidade Vella–).
18.30: Recepción na Casa do Concello da Coruña (Praza de María Pita, 1).
22.00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
Domingo 31 de outubro
10:00-11:30 Asemblea da Federación Galeusca.
11:30-12:00 Pausa café.
12:00-13:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura como modelo de convivencia de vellos e novos soportes, coordinada por Tati Mancebo:
• Marcos S. Calveiro
• Nikolas Zimarro
• Guillem-Jordi Graells
14.15 Xantar (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
19:00-20:00 Recitado/Lectura de textos + Música:
• Olalla Cociña e Dores Tembrás
• Nikolas Zimarro
• Miquel Bezares
• Xabier Díaz (música).
22.00 Cea (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
O luns 1 de novembro regresarán as delegacións invitadas.