María Rosendo Priego: “Escribo para sobrevivir”
Entrevista a María Rosendo Priego, gañadora deste ano do premio Pérez Parallé de poesía, en Galicia Hoxe.
María Rosendo Priego gaña o premio Pérez Parallé de Poesía
O
xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, composto por Pedro Casteleiro, Antía Otero e Ramón Neto, reunido en Fene, decidiu por unanimidade outorgar o premio deste ano ao libro Nómade da autoría de María Rosendo Priego, presentado baixo o pseudónimo Verdecente. María Rosendo (Vigo, 1984) participou en recitais poéticos coas Redes Escarlata ou na II Rebelión da décima musa pero non ten ningún texto publicado. Nómade é, tal como se indica nas bases do premio, o primeiro libro da autora que verá luz. Na actualidade vive en Compostela onde traballa en produción teatral coa compañía Berrobambán. O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé convócao o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene para lembrar a figura do Segrel do Penedo. Desde hai xa varios anos, o premio está dedicado a promover a obra dun autor ou autora inéditos en lingua galega. A entrega do premio levarase a cabo nun acto que terá lugar o próximo sábado 20 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene. Máis información aquí.
Convocado o IV premio de relatos Mulleres Progresistas
Convócase
o IV Premio de relatos da Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, coas seguintes:
BASES
– Poderán concursar tódalas Mulleres que o desexen de calquera nacionalidade ou cultura. Cada participante poderá presentar un número máximo de dous relatos.
– O tema será libre.
– As obras serán orixinais e inéditas. Irán escritas en galego normativo, cunha extensión mínima de 15 páxinas e máxima de 30, a dobre espacio e por unha soa cara, en fonte 12, Arial ou Times New Roman. Se calquera dos contos presentados ao Premio de Relatos Mulleres Progresistas aparecese publicado ou recibise un premio ou mención noutro concurso no prazo da convocatoria quedará automaticamente descalificado.
– Cada relato presentarase con pseudónimo e baixo plica cerrada na que figuren os datos da concursante (nome, apelidos, domicilio e teléfono). Caso de presentar dous relatos terán que levar cadanseu seudónimo e cadansúa plica.
– Os traballos presentaranse con cinco copias impresas en papel e unha copia en soporte informático (diskette ou CD), preferiblemente en formato Word.
– O xurado determinará cinco finalistas, entre as que se elixirán os tres premios do certame:
1º Premio: 500 Euros, figura e diploma 2º Premio: 250 Euros e diploma 3º Premio: 150 Euros e diploma
– Presentación pública das bases en data 20 de outubro de 2010.
– O prazo de admisión para a recepción dos traballos péchase o 31 de decembro de 2010. Poderán presentarse persoalmente ou por vía postal. Posteriormente a esa data só serán admitidos os traballos en cuxo mataselos conste que foron enviados dentro do prazo. Os relatos serán presentados na Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, Policarpo Sanz, 12-14-2º- VIGO 36202. Non se aceptarán obras chegadas ao correo electrónico da Asociación.
– O fallo do xurado publicarase o día 8 de Marzo do 2011, Día Internacional das Mulleres, puidendo quedar desertos calquera ou todos os premios se os relatos recibidos non reúnen unha calidade mínima. O xurado estará formado por Mulleres do mundo das letras e a cultura, sendo inapelable a súa decisión. Dentro do xurado estará unha representante da Asociación de Mulleres Progresistas.
– O xurado é o encargado de interpretar exclusivamente as bases deste concurso. Así mesmo, a presentación das obras supón a total aceptación das presentes bases.
– Os traballos non premiados non serán devoltos, sendo destruídos con posterioridade ao fallo do xurado.
– Se o nivel dos relatos presentados é adecuado, designaranse diferentes mencións especiais que, xunto cos finalistas e os premios serían publicados nun volume. Para elo, as autoras ceden os dereitos desa primeira edición a Mulleres Progresistas. Tras esta publicación, as autoras poderán dispoñer libremente dos seus relatos.
Ribadavia: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
O
venres 5 de novembro, ás 21:00 h., no Pub Aljama (rúa Progreso, 35, 1º), de Ribadavia, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan o autor e Eladio Cabanelas, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona do Carballiño e Ribeiro.
Bueu: presentación de A porta verde do sétimo andar
O venres
5 de novembro, ás 21:00 h., na Sala Amalia Domínguez Búa (rúa Eduardo Vincenti, 2) de Bueu, preséntase o segundo libro do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, no que participan María N. Soutelo, Ramiro Vidal Alvarinho, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Alba Méndez, Manolo Pipas, Miguel Ángel Alonso Diz, Alberte Momán e Ana Cibeira.
Vídeos das aportacións preliminares ao V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións
Como
tiñamos comentado, deixamos á disposición de todos e todas os vídeos coas aportacións preliminares dos participantes no V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, a celebrarse o sábado 6 de novembro na Coruña, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Estas son as aportacións de Álvaro Negro e Celso F. Sanmartín, que farán parte da mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos:
As de Olalla Tuñas, que fará parte da mesa redonda sobre Recóllote i érgote no verbo inteiro. A literatura galega de hoxe ante o seu idioma:
E as de Xosé Daniel Costas, que tamén fará parte desta mesa:
Nos seguintes días iremos ofrecendo máis aportacións.
Vigo: V Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade: Novas artes literarias? O vídeo poema, con Lara Bacelo e María Lado
O V
Ciclo
de mesas redondas Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Facultade de Tradución de Vigo, continúa o xoves 4 de novembro a partir das 12:00 h. no Salón de Actos da Facultade Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa participación de Lara Bacelo e María Lado na mesa redonda Novas artes literarias? O vídeo poema, onde se realizarán proxeccións comentadas de vídeopoemas realizados polas autoras para tratar as posibilidades expresivas fornecidas polas novas tecnoloxías e o seu rendemento práctico en relación coa difusión da poesía. A presentación do acto corre a cargo de Manuel Forcadela.
Sarria: presentación de Bater de sombras, de Francisco Fernández Naval
O
xoves 4 de novembro, ás 19:00 h., na Casa da Cultura de Sarria, preséntase o Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, co autor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xermán Arias e María Casar.
Santiago: presentación de O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre
O
xoves 4 de novembro, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro de Marilar Aleixandre O coitelo en novembro, publicado en Xerais. No acto, acompañando á autora, participarán Víctor F. Freixanes e Manuel Bragado.