Entrevista
a Eva Veiga en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A poesía, Eva, é esencial na túa obra, moito máis que o ensaio, a narrativa ou o xornalismo?
Eva Veiga (EV): Si, supoño que cada quen ten o seu hobby-horse como escribiu Sterne, o seu cabalo de batalla, o seu especial modo de abordar a realidade e pensar o mundo. A fiestra pola que me gusta mirar ou esculcar a vida e o modo que escollo para unha comunicación profunda teñen que ver sempre coa poesía. Porén, a poesía nútrese de todo canto chega á conciencia e poida que aínda máis do que non somos conscientes. Tamén o outro se percibe atravesado, iluminado, pola visión poética. De xeito natural. (…)
GH: O intimismo poético, pode resultar unha arma de combate contra o terror institucionalizado polos entes da burguesía?
EV: O intimismo poético é revolucionario. Non hai revolución que non comece no individuo. A poesía manifesta por principio unha relación afectiva co mundo. É cando non amas ou non prestas atención a algo é difícil que o comprendas ou que o defendas. A publicidade empéñanse en que sintan os obxectos –os coches, os lavavaixelas- e que sexamos os homes e as mulleres cousificados: por que será? A poesía é ademais un ámbito privilexiado da liberdade e do sentido. É a linguaxe en crise, en permanente creación.”
Convocado o XXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
Convocado a XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, correspondente ao ano 2010, coas seguintes:
BASES
1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. A súa composición farase pública con posterioridade ao peche do prazo de entrega de orixinais e antes da emisión do fallo.
3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É responsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos.
4) Os textos serán presentados por triplicado, debidamente encadernados ou grampados, identificados inequívocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. Na parte externa deste sobre farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase a seguinte información: nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual en edición de autor, deixaráse constancia na plica do título da obra, ano de publicación e, no caso de telo, ISBN.
5) O prazo de presentación de orixinais remata o 1 de outubro de 2010.
6) Os traballos deben enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene: Porto do Rio, 21
San Paio-Fene (A Coruña).
7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Asemade, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocante nin dos patrocinantes nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
8 ) Os traballos non premiados poderán recollerse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene até 60 días despois da resolución do certame.
9) A entrega do premio terá lugar o sábado 20 de novembro nas instalacións da entidade convocante en Fene.
10) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. A primeira edición constará de 800 exemplares.
11) O autor recibirá 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocante, os patrocinantes e o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edicións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá deixar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
12) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, nomeadamente no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
14) Unha vez feita pública a resolución do premio nos medios de prensa (e agás no caso de indicación en contrario no exterior do sobre), a entidade convocante poderá abrir as plicas dos traballos non premiados coa única finalidade de promocionar as seguintes convocatorias do premio. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocante segundo se detalla na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal.
Poden ser descargadas aquí.
Visita dos gañadores do premio literario Urruzuno ao Roteiro Fiz Vergara Vilariño
O luns
6 de setembro visitarán o roteiro literario-artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño os gañadores da última edición do prestixioso premio literario vasco URRUZUNO, convocado polo goberno vasco entre os alumnos de secundaria para coidar a calidade da lingua e a literatura en euskera. Virán acompañados do escritor e bertsolari Xabier Paya e percorreran as terras do Fiz na procura de comprender o seu universo literario desde o espazo físico que o acompañou durante a maior parte da súa vida. E poderán descubrir as interpretacións que dos lugares e dos poemas do Fiz realizaron os trece artistas plásticos que instalaron as súas obras nese museo ao ar libre no que se converteu Lóuzara.
Rábade e Outeiro de Rei: actos de homenaxe a Manuel María
Baixo
o título Memoria da chaira enteira, a Irmandade Manuel María celebrará o vindeiro 8 de setembro en Penas de Rodas -cerca de Rábade- a homenaxe ao poeta chairego, falecido no 2004. A homenaxe, que comeza 17:00 h., coincide coa axilización dos trámites para constituír a Fundación Manuel María, que terá a súa sede na Terra Chá, na mesma casa onde nacera no 1929. A deputación de Lugo e concellos como o de Monforte, onde pasou parte da súa vida, están directamente involucrados neste proxecto, presentado xa en distintas cidades de Galicia pola súa viúva, Saleta Goi. En Penas de Rodas, distintos poetas recitarán versos de Manuel María como limiar da ofrenda floral, ás 18:00, no cemiterio de Outeiro de Rei, onde está enterrado. Alí, ademais dunhas palabras de lembranza que pronunciará Valentín Arias, haberá tamén unha lectura de textos.
Posteriormente, ás 19:00, na Carballeira de Santa Isabel, realizarase un ritual no que unha personalidade vinculada ao autor de Muiñeiro de brétemas recibe a Navalla de Manuel, coa que cortará o queixo e o pan que comerán os asistentes, este ano acompañados por viño da Ribeira Sacra. A primeira persoa en recibir a ración é, sempre, Saleta Goi. Noutras ocasións, a navalla recaeu, entre outros, en Alfonso Blanco Torrado, Xulio Xiz, Camilo Torres ou Darío Xohán Cabana. Neste último acto, que se celebra nas proximidades da casa natal, participarán Mini e Mero, Miro Casabella e Tino Baz.
Convocado o VI Premio Estornela de Teatro para nenos
A
Fundación Xosé Neira Vilas convoca o VI Premio Estornela de Teatro para nenos, ao que concorreron bienalmente máis de medio cento de autores de toda Galicia.
BASES
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos escritos en lingua galega.
2. Cada orixinal pode conter unha ou varias pezas teatrais.
3. Os traballos enviaranse, en orixinal e dúas copias, á sede da Fundación Xosé Neira Vilas: Gres-Vila de Cruces (Pontevedra), C. P. 36587. Levarán un título. En sobre a parte, cerrado, deberá consignarse por fóra o mesmo título e dentro nome e apelidos do autor ou autora, enderezo e teléfono.
4. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 30 de outubro de 2010.
5. A Fundación Xosé Neira Vilas escollerá un xurado de recoñecido prestixio. O seu dictame será inapelable.
6. Entregarase o Premio durante o mes de decembro de 2010.
7. O Premio Estornela ten unha dotación económica de 1000 euros.
8. Publicarase o libro premiado.
9. Os orixinais non premiados poden ser retirados polos respectivos autores no prazo de trinta días contados a partir da entrega do Premio.
10. A participación no Premio Estornela supón a aceptación destas Bases.
Máis información no teléfono da Fundación (986-58 90 26) ou na súa páxina web.
Roteiro literario de Lóuzara Fiz Vergara Vilariño
Manuel Rivas e Quico Cadaval na Feira Internacional de Literatura de Bos Aires
Manuel Rivas
e o actor e director teatral Quico Cadaval serán os grandes representantes galegos na segunda edición do Festival Internacional de Literatura de Bos Aires, que reúne até o próximo domingo na capital arxentina destacados autores chegados de todo o mundo.
Quico Cadaval será o primeiro deles en intervir o sábado coa súa actuación Fantasmas Familiares. Con este espectáculo, Cadaval levará até as rúas de Bos Aires unha peza oral artellada ao redor dos relatos populares sobre fantasmas. O actor e director teatral afonda na épica que procede da tradición tabernaria. O resultado que amosa o actor en Fantasmas familiares é un tecido narrativo onde se dan a man a cultural popular, os contos tradicionais e o singular sentido do humor e da narrativa de Cadaval. Na súa intervención aparecerán personaxes tan diversos como son os mariñeiros vingativos, os raptores de menores, os mecánicos supersticiosos ou os cándidos borrachos.
Pola súa banda, Manuel Rivas participará nunha mesa redonda con outros autores para disertar sobre a importancia da trama no argumento das obras literarias. Baixo o título La trama es lo que cuenta, Rivas amosará o seu punto de vista de como se planifica a arquitectura dunha obra literaria.
Desde o Xornal de Galicia.
A Casa-Museo de Manuel María estará en funcionamento a finais de 2011
(Xornal)
María Xosé Lamas: Poemas a ritmo de fado
Entrevista
a María Xosé Lamas en El Progreso:
“‘Internet é a clave para saír ó mundo, sobre todo para os escritores que escribimos en linguas minoritarias’, comenta, mentres apunta que nun futuro próximo apostará ‘pola expresión do futuro’ e abrirá algún blog ou participará nalgunha editorial online, onde os lectores se multiplican.”
Marica Campo: Onde houbo lume
Entrevista
a Marica Campo en Galicia Hoxe:
“Marica explica que o libro “incide na miña teima de contar historias de mulleres e, tamén, en certa maneira, recolle as problemáticas das mulleres inmigrantes. As dificultades para escoller. Os problemas collen novas formas, pero seguen a existir. A xornalista, en cambio, que en principio ten máis marxe de elección, segue cun home ó que xa non quere, por costume”… Ante o actual panorama da lingua e da cultura, con dificultades para a edición, medios en galego que pechan, e ataques ó idioma, di que “os detractores do galego din que somos uns estómagos agradecidos. En realidade, escribir en galego non é rendible. Os que escribimos en galego facémolo porque acreditamos no país e na lingua, e como dicía Nonoveyra a forza do noso amor non pode ser inútil. Eu son optimista”, di.”