Xabier López: “Render contas co papel”

Entrevista a Xabier López en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): O punto en común dos catro relatos é que os seus personaxes lles buscan un sentido ás súas vidas?
Xabier López (XL): Son catro relatos escritos coa vontade de conformar un volume. Formalmente, é o primeiro libro de relatos que publico, logo de sete novelas. Se buscamos un nexo común dos catro relatos si que pode ser esa busca dos personaxes. O libro xoga cun equívoco, xoga a parecer o que non é, na liña de Por que ler os clásicos de Italo Calvino. En Os libros prestados, os libros non son realmente os protagonistas, aínda que se fale de libros, senón de persoas entre as que pode haber o nexo de xente que intenta encaixar as súas perspectivas de vida. Tendo en conta a dinámica que se vén establecendo dun tempo a esta parte sobre o que é realismo ou ficción, ou literatura fantástica, teño dito moitas veces que a literatura forma parte das nosas vidas. A capacidade da literatura para establecer parámetros de conduta pódese ver en libros como A Biblia ou o Corán. Hai xente que ten parámetros de conduta establecidos como lector, e que despois se derivan insuficientes para facerlles fronte aos episodios que lles toca vivir.
GH: Neste libro reflexionas sobre a importancia do como e do porqué da escrita, como algo máis importante que o propio libro.
XL: Si, é un relato moi paródico. Xa non tanto o acto creativo como o acto decodificador do propio lector, que tamén é creador. Lendo o mesmo libro, non todos lemos igual. A ese nivel creo que están emparentados o creador literario e o lector. Sen chegar aos extremos do Quixote ou de Madame Bovary, que ven perturbado o seu comportamento normal por mor da literatura, en todos os aspectos, acabamos encaixando a vida sempre con moldes, sexa o discurso literario ou o cinematográfico.”

Xavier Rodríguez Baixeras: “O futuro incerto”

Entrevista a Xavier Rodríguez Baixeras en Galicia Hoxe:
“Este xoves presenta en Vigo o seu poemario Deserto diamantino -que lle valeu o Premio de poesía Caixanova-PEN do 2009- pero faltan só dous días e aínda non viu o libro fisicamente. (…) O de ver fisicamente o libro é unha emoción en certo modo necesaria, porque “cómpre velo para distanciarme del. Se non o ves non podes distanciarte suficientemente”. Na súa memoria, porén, Deserto diamantino permanece igual, talvez porque “a temática do libro é universal: non muda”. Trátase, engade, dun poemario que parte “da posesión dunha propiedade, de algo, que pode ser o poboamento dunha terra, incluso o poboamento dun poema. Cando botamos a vista atrás, decatámonos de que xa non existen moitas cousas que antes había” e, daquela, aparece a perda. A xuízo de Baixeras, danse tres clases fundamentais de perda: a perda da inocencia poética, o que el denomina “a voz perdida”; o concepto do amor, “que tampouco se dá dunha maneira plena coma antes”, e a presenza da morte “como unha ameaza”. Esas son, dalgunha maneira, “o poboamento da experiencia e os temas do libro””.

Santiago: presentación de Reescrituras do conto popular (2000-2009)

O mércores 8 de setembro, ás 13:00 horas, preséntase na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia de Santiago o libro Reescrituras do conto popular (2000-2009), publicado por Xerais, que para este ano preparou a LIXMI, a rede de investigación das Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico.

Santiago: A forza das minorías, 32ª edición do Congreso do IBBY

No Pazo de Congresos de Santiago celébrase entre o mércores 8 e o domingo 12 de setembro a 32ª edición do Congreso IBBY (International Board on Books for Young People), que reunirá a centos de expertos en literatura infantil e xuvenil para abordar a importancia das minorías nun mundo globalizado. O evento, organizado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española da IBBY, desenvolverase baixo o lema A forza das minorías e incluirá conferencias e mesas redondas que analizarán o impacto das minorías, xa sexan étnicas, lingüísticas, relixiosas ou de xénero, na vida dos nenos e nenas. Ademáis das ponencias e das mesas redondas, ao longo dos días do congreso realizarse en Santiago unha serie de actividades paralelas entre as que destaca a entrega dos Premios Hans Christian Andersen 2010, considerados como os máis prestixiosos galardóns da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, ao escritor británico David Almond e a ilustradora alemá Jutta Bauer.
Nas ponencias participarán especialistas de todo o mundo como Heidi Cortner Boiesen (Noruega), Emilia Ferreiro (Arxentina/México), Olayinka Koso-Thomas (Nixeria/Serra Leona), Lygia Bojunga (Brasil) e Carole Bloch (Sudáfrica). Galicia estará representada por Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Blanca Roig ou Marcos S. Calveiro. O programa completo pódese descarregar aquí.

Chelo Suárez gaña o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

Chelo Suárez obtivo o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey coa obra As horas rotas. O escritor e profesor Manuel Quintáns presidiu o xurado, formado polos críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez, a autora Ánxela Gracián -que actuou nesta ocasión por delegación da editorial Sotelo Blanco- e a escritora An Alfaya, que resultou gañadora da edición anterior coa obra Areaquente. O concelleiro de cultura do Grove, Antón Mascato, actuou ademais como secretario, con voz e sen voto. O xurado do certame resaltou que se trata dunha novela “de contexto da guerra civil española pero no que destaca a poética coa que é tratada dende o punto de vista dunha muller que padece as consecuencias do inicio da guerra civil, vendo como se tronzan as súas esperanzas e ilusións; e dende o punto de vista dun guerrilleiro que entrega a súa vida no que considera unha causa xusta”. Manuel Quintáns, presidente do xurado, destacou o lirismo da obra así como a súa capacidade para “atraer o lector dende o primeiro momento”. Segundo lle indicou a este xornal, a novela “está moi ben narrada en galego, cun sentido poético claro e con personaxes moi ben definidos”. O premio está dotado con 3.000 euros, e a obra gañadora será editada por Sotelo Blanco. O número total de orixinais presentados foi de 26.
A nova aparece recollida nos seguintes medios: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia)