Viveiro: actos da Feira do Libro do luns 16 de agosto

Na Feira do Libro de Viveiro este luns 16 de agosto, a partir das 19:30 h., preséntase Edicións Barbantesa, a cargo da responsable de edición Penélope Pedreira e Natalja Dudeck, membro de Xestión Literaria Galega, editora de Edicións Barbantesa. No mesmo acto, terá lugar a presentación do libro Memorias dunha viaxe improvisada. De Betanzos a Nápoles en 1899 de Rogelio Borondo, publicado por Edicións Morgante. Fará a presentación Joel Ben Ramos, autor da introducción biográfica.

Víctor F. Freixanes: “De viños e cartas”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Víctor F. Freixanes (VF): Máis ben diría que, para un escritor, a literatura é unha especie de chute en vea.
GH: O escritor sempre ten un libro baixo o brazo?
VF: No meu caso teño varios, e tamén por varias razóns. Poden ser para ir lendo, para ve-lo que están facendo os colegas, ou para ir adquirindo unha aprendizaxe para logo poder compartir con outros escritores.”

Viveiro: inauguración da Feira do Libro e sinatura das súas obras a cargo de Xabier P. Docampo

O venres 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro, que se celebrará nos xardíns de Noriega Varela até o luns 16. O acto de inauguración celebrarase ás 13:00 horas, encargándose de ler o pregón Xabier P. Docampo, quen, a partir das 19:30 h., asinará exemplares dos seus libros.
Neste mesmo día, a partir das 20:30, celebrarase unha charla sobre Territorios da memoria e espazos imaxinarios, na que participarán o propio Xabier P. Docampo, Ramón Pernas, o poeta e ensaísta Emílio Xosé Ínsua e a artista plástica Renata Otero, e que estará aberta tamén á participación do público.

Viveiro: actividades do sábado 14 de agosto

Dentro da Feira do Libro de Viveiro, este sábado 14 de agosto, a partir das 19:30 h. Magín Blanco presentará o seu libro-disco A nena e o grilo, publicado en Oqo Editora, realizando un pequeno concerto. Ás 20:30 h. preséntase o libro Viveiro e a Mariña de Álvaro Ruibal, publicado pola editorial Estabañón, acto no que participarán María Concepción Donapetri Camacho e Antonio Nores Quesada.

A Guarda: presentación de O burato do inferno, de Xosé Manuel e Ramón Trigo

Despois de ser presentada o mércores 11 na Feira do Cómic da Coruña, este xoves 12 de agosto ás 20:30 horas, os irmáns Xosé Manuel e Ramón Trigo presentan a novela gráfica O burato do inferno, publicada por Faktoría K de Libros, no Museo do Mar da Guarda (Atalaia do Paseo Marítimo). No acto intervirá o escritor Marcos Calveiro.

Soutomaior: convocado o II Certame de relatos eróticos

Os interesados en participar no certame deberán enviar os textos orixinais ao Centro de Información á Muller (Multiusos de Arcade, rúa Peirao, 8. Arcade C. P. 36690. Pontevedra. Teléfono e Fax: 986.701.227) desta localidade persoalmente ou a través de correo certificado. O prazo de entrega dos textos está aberto até o 15 de outubro. Para participar é indispensábel ser maior de idade, ser galego de nacemento, ou residir ou traballar en Galiza. Os relatos deberán ser orixinais, inéditos e escritos en galego cunha extensión máxima de 600 palabras sen contar o título. O xurado valorará os textos que recollan actitudes e valores igualitarios entre homes e mulleres e a ruptura de estereotipos sexistas, especialmente os relacionadso co erotismo e a sexualidade. A concelleira de Muller de Soutomaior, Cristina González, explicou que a primeira edición do concurso tivo “moito” éxito, na que Anxélica Muíños resultara gañadora con Erótica anécdota cotiá. O primeiro e único premio será unha estancia de fin de semana para dúas persoas no Castelo de Soutomaior en réxime de media pensión.