Vigo: sinatura de libros Fran Alonso e recital poético

No marco da Feira do Libro de Vigo, este domingo 4 de xullo, a partir das 20:00 horas, Fran Alonso asinará exemplares do libro A araña e máis eu, publicado en Kalandraka.
Desde as 20:30 horas levarase a cabo un recital poético do grupo Brétema, de Vigo, coa participación de Carmen Darriba, José Tizado, Rosa Mª Morales, José Á. Carvajal, Candela Fernández, José M. Oliveira, Esmeralda Muíños, Mariano M. Abalo, Gelu García, Isabel González, Anselmo Prada, Isabel Ruíz, Margarita Agulló, Sergio López, Mª Luisa López, Rafael Gómez, Mª Rosario Sabín, Miguel Correa, Rosa Mª González, Félix Loira, Teresa Cariño, Bernardo Quiñones, Mª Carmen Duro, Fernando Campos, Telvi Dasilva e Alonso Rodríguez.

Vigo: Agustín Fernández Paz e Suso de Toro asinan exemplares da súa obra na Feira do Libro

No marco da Feira do Libro de Vigo, este sábado 3 de xullo, a partir das 19:00 horas, Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros Valados, Lúa do Senegal, premio ao mellor libro infantil e xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e do resto da súa obra.
Fará o mesmo Suso de Toro con Sete palabras e o resto da súa obra a partir das 19:30 horas.

Vigo: comeza a Feira do Libro (do 2 ao 11 de xullo)

O venres 2 de xullo inaugúrase a Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na praza de Compostela, co pregón que pronunciará ás 20:00 horas o escritor Xosé Cid Cabido, autor de Unha historia que non vou contar, premio ao mellor libro de Narrativa do ano 2009 da Asociación de Escrtiores en Lingua Galega. A continuación, ás 20:30 horas, realizarase a presentación do libro A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis, na que o autor estará acompañado pola editora Helena Pérez.
O programa de actividades pódese descargar aquí.

Santiago: recital poético-musical Camiños de amor e lúa, no CGAC

O venres 2 de xullo, ás 22:45 h., no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), terá lugar o acto de clausura do espectáculo poético Camiños de amor e lúa, que visitou 30 concellos dos distintos camiños de Santiago en Galiza. No acto recitaran os poetas: Xosé Carlos Caneiro, María Canosa, Olalla Cociña, María Lado, e X. H. Rivadulla Corcón. Acompañados polos músicos: Bernardo Martinez, Willy Mondeja, Xosé Manuel Salgado, Miguel Seoane e Franky Valencia. Camiños de amor e lúa é unha experiencia poética patrocinada pola Sociedade de Xestión Xacobeo 2010, e encadrada dentro do programa do Ano da Lectura desenvolvido pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural, coa que se buscou que no ano xacobeo a poesía tamén fose protagonista. Máis información aquí.

Betanzos: presentación de Espertar, de Lino García e Helena Robledo

O sábado 3 de xullo, ás 20:30 horas, no salón azul do edificio Liceo (Praza dos Irmáns García Naveira) de Betanzos, preséntase o libro Espertar, de Lino García Salgado (poemas) e Helena Robledo Muíña (fotografía), prologado por Xabier López. O acto está organizado pola Asociación Cultural Eira Vella.

Bases do XIV Premio de Poesía Johán Carballeira

CONCELLO DE BUEU
XIV PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA
B A S E S

1. Poderán concorrer a el tódalas autoras e autores que presenten os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización).
2. Presentaranse 3 copias en tamaño folio, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. Estas deberán vir identificadas cun lema. Xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá os seguintes datos: nome e apelidos do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
3. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación “XIV PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA” e sen remite, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra).
4. O prazo de presentación dos orixinais remata o 15 outubro de 2010.
5. O xurado estará composto por tres persoas vinculadas á literatura galega e máis un/ha secretario/a.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 €, contía á que se lle aplicarán as retencións fiscais oportunas. Inclúe ademais a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Bueu. En todo caso, o premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
7. A resolución do premio terá lugar a finais do mes de decembro. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
8. As obras devolveranse por correo postal ás autoras e autores que o soliciten no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da resolución do xurado. Os traballos non reclamados en prazo serán destruídos.
9. O Concello de Bueu resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada, en tódalas linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor/a renuncia a favor do Concello, na 1ª edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existiren posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o “XIV Premio de Poesía Johán Carballeira”.
10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.
Máis información: SERVIZO DE CULTURA DO CONCELLO DE BUEU, telf. 986324338, correo electrónico:  cultura@concellodebueu.org ou na páxina web do Concello: www.concellodebueu.org.

Pódense descargar as bases aquí.