O Salón do Libro de Pontevedra homenaxea a Agustín Fernández Paz

Mañá sábado 13 de marzo ás 13:00 o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tributa unha homenaxe a Agustín Fernández Paz. O acto celebrarase no Auditorio do Pazo e contará coa intervención de Xabier P. DoCampo e a actuación de Mini e Mero.

AGADIC convoca os premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

O DOG publica hoxe a resolución do 5 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios de literatura dramática do AGADIC: XIX Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, V Manuel María de teatro infantil e VIII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil e adultos). A dotación dos catro premios é de 6000 €. O período de admisión remata o 11 de xuño de 2010. Bases: PDF, 71 KB.

Vigo: presentación do libro Feministas galegas

O vindeiro mércores 17 de marzo presentarase en Vigo o libro Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Camino Noia, Manuel Bragado e Mónica Bar, e comezará ás 20,00 horas na Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12 de Vigo).

Hixinio Puentes: “Dedicarse en exclusiva ao mundo das letras é unha heroicidade, ou un suicidio”

Por que cando se soubo que esta novela gañara o Premio Risco insistiu vostede en que fora unha sorpresa enorme?
Porque esta foi a primeira novela que escribín na miña vida, hai xa máis de quince anos. A primeira versión era en castelán, e realmente non sabía escribir moi ben, fun aprendendo mentres a facía. Traducina, e pasou por varias reescrituras, pero nunca chegou a convencerme de todo. Tiña grandes defectos, e non me servía para nada, pero un día decidín darlle a derradeira oportunidade. Fíxenlle unha grande poda de máis dun cento de páxinas e presenteina ao premio.

Non tentou editala antes do premio?
Non, realmente non. Cada obra ten a súa sorte particular, é como os fillos. Uns triunfan porque teñen premios, e a outros téñenos que vir buscar a casa para que funcionen. No caso de A do vinte e un, tocoulle sufrir varios pulidos, pero ao final creo que quedou ben armada. É unha boa obra, aínda que escrita sen recursos demasiado vistosos, como é de agardar.

Que lle abríu máis portas para editar, este premio ou o éxito de Mombars?
Eu tiven as portas abertas dende o primeiro momento, dende que lle levei a Xerais o manuscrito de O bandido Casanova. Publicáronma sen saber que xa gañara o Premio Pastor Díaz e con eles, en concreto, sempre tiven moi boa relación. De feito, xa case teño lista outra novela para publicar este mesmo ano con eles.

Ler entrevista completa a Hixinio Puentes en Xornal de Galicia

“Un libro excepcional dun escritor excepcional”, crítica da edición inglesa d’Os libros arden mal

This is an exceptional book by an exceptional writer (…) And within Manuel Rivas’s own measured and exquisite output, not only does it attain the stature of a magnum opus, being roughly the combined length of his four preceding novels (all ably translated from Galician by Jonathan Dunne). It combines the folkloric lyricism of his In the Wilderness with the theme of the civil war already pursued by his first novel, The Carpenter’s Pencil.

Ler crítica completa de Amanda Hopkinson en The Independent

Entrevista a Xosé Lois García: Novoneyra recoñecía o influxo da poesía de China e Xapón

-Un aspecto singular do libro é que tamén analiza a influencia da poesía clásica de China e Xapón na obra literaria de Novoneyra.
-É un aspecto importante ao que ata agora case ninguén lle prestou atención, aínda que o propio Novoneyra recoñecía ese influxo e falou del en conversas que menciono no libro. Ese influxo chegoulle sobre todo a través dalgúns escritores franceses do século XX que beberon moito nas literaturas orientais. A poesía breve e concentrada de Novoneyra ten similitude cos haikus dos poetas chineses e xaponeses e o seu sentimento da paisaxe e da natureza ten moito en común coa poesía oriental influída polo zen, unha corrente filosófica vinculada ao budismo. Pero tanto na brevidade dos poemas como no sentimento da natureza tamén estivo moi influído polo poeta de Mondoñedo Antonio Noriega Varela.

Ler entrevista completa a Xosé Lois García en La Voz de Galicia

Ferrol: presentación de libros na Galería Sargadelos

Mañá xoves 11 de marzo na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación dos libros de Edicións Embora titulados O país dos mandóns, A urna dos desexos e O segredo de flora. No acto participarán Paloma Rodríguez e Cristina Justo (autoras) e Spela Trobec (ilustradora).

O Carballiño: Cesáreo Sánchez presenta O paraíso das sombras

Mañá xoves 11 de marzo, ás 20,15 horas, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, vai presentar na Casa da Cultura de O Carballiño (Praza Lousada Diéguez s/n) o seu último libro O paraíso das sombras. Acompañarán ao autor no acto de presentación o técnico cultural Felipe-Senén López e o editor do libro, Tucho Calvo.