Ferrol: presentación de Ferrol e o que queda por chover, de Alberte Momán

Alberte MománO xoves 23 de outubro, ás 20:00 na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32, 15402 Ferrol), terá lugar a presentación de Ferrol e o que queda por chover, de Alberte Momán. O evento contará coa presenza do propio autor e de Melba Couto, mestra de literatura e lingua galegas no IES Sofía Casanova.

O Grupo Ouriol en Montevideo

Eva Veiga«O grupo Ouriol, formado pola poeta Eva Veiga e os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, aterrou en Montevideo o pasado 9 de outubro. Diversas actuacións levaron a poesía galega de todos os tempos por distintos espazos da cidade, algúns vinculados coa colectividade galega e outros, como a Feira Internacional do Libro, abertos a todo tipo de público. Dúas cousas quedaron claras en todas as actuacións: a vixencia da identidade cultural en todos os descendentes de galegos, e a calidade do público uruguaio.» (A Nosa Terra)

A Coruña: Carlos Garrido Rodrigues falará sobre “Léxico galego: ingenuidades, imposturas e escándalos”

«A Agrupaçom Cultural “O Facho” de A Corunha convida-o assistir aos seus ciclos de palestras publicas e abertas do período 2008-09. O dia 22 de Outubro, quarta-feira (mércores), o Professor da U.V. Carlos Garrido Rodrigues falará dentro do Ciclo, Literatura e Naçom. A sua charla versará sobre “Léxico galego: ingenuidades, imposturas e escándalos”.»

Compostela: “Tardes coas aventuras de Paco Peco”

“Paco Peco Pequeneiro e o mundo do revés”, segundo título da colección, escrito por Xelís de Toro, e publicado por Sotelo Blanco Edicións, centra este venres e sábado as dúas sesións de “Tardes coas aventuras de Paco Peco”, campaña lúdico-didáctica que se celebrará en Area Central ata o vindeiro 29 de novembro.

Teresa González Costa gaña os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil

Teresa González Costa é a gran triunfadora da edición 2008 dos premios de literatura dramática convocados pola AGADIC. A autora obtivo os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, converténdose na primeira persoa que gaña os dous galardóns. A autora desenvolveu a súa actividade teatral en longas estadías en Italia, Francia e Suíza. (Vieiros)

III Ciclo de Conferencias “Escritores/as na Universidade”

A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Facultade de Filoloxía das Universidades da Coruña e Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral desde o 15 de outubro a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras (ver programa).
Farase un acto de inauguración do ciclo o día 16 de outubro, na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa presenza do Vicerreitor de Relacións Institucionais, Sr. D. Iván Area, do Decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, Sr. D. Joaquín Sueiro Justel, do Departamento de Filoloxías Galega e Latina, Sr. D. Anxo Lorenzo Suárez e polo Consello Directivo da Aelg a escritora Marta Dacosta.