Vídeo de Baldo Ramos na Outonarte 08
[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/qs3TZZ9hn34" width="320" height="240" wmode="transparent" /]
Lugo: presentación de Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor
O 3 de outubro, na libraría Trama de Lugo (galerías da Avenida d’ A Coruña) ás 20:00, terá lugar a presentación do libro Para dicir abril (Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007). Participan Ánxela Gracián (directora da Coleción Medusa-Narrativa de Sotelo Blanco) e o autor.
Compostela: espectáculo poético-musical de Yolanda Castaño
Impulsado polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o ciclo “Tábula Rasa. Novas Prácticas Transdisciplinarias” desenvolveráse no museo os días 2, 3 e 4 de outubro, arredor de prácticas artísticas transversais e produtos creativos híbridos, é dicir, que fusionan varias disciplinas a un tempo.
Dentro deste marco e precisamente abrindo o ciclo, “Tender a man” é a proposta que Yolanda Castaño nos trae ao CGAC este xoves: un espectáculo poético multimedia baseado nos textos da poeta e na música de Sulxeitos. Esta formación de dilatada experiencia na escena musical galega, a cabalo entre o jazz e a electrónica e integrada por Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, dotará de ambientación sonora aos versos de Castaño, en especial aos provintes do seu último libro, Profundidade de Campo (Premio Espiral Maior, 2007).
Pero non será todo. Ademáis, outras experiencias de colaboración con outros e outras artistas iránse fiando ao longo dos 50 minutos de duración do evento. Así, os versos atopan novos camiños de comunicación apoiándose en distintas montaxes das que participan, por exemplo, os grafismos de Enrique Lista inspirados na mencionada obra poética, as pinturas de Isabel Pintado baseadas no poema “Contos de fadas” ou a montaxe de vídeo sobre o texto “Highway to heaven” a cargo de Manu Viqueira. Outras pezas a varias voces, con efectos de son, luz, videopoesía ou performance enriquecerán o conxunto. Unha oportunidade de achegarse á poesía máis actual por camiños diferentes, cómplices das novas tecnoloxías e das máis expresivas linguaxes creativas.
O título do espectáculo fai referencia á soedade do traballo da escrita, por iso “Tender a man” a outros e outras creadoras pode dar lugar a estas interesantes e ricas novas prácticas transdisciplinarias.
Xabier López Rodríguez vence o III Premio Meiga Moira 2008
«Baía Edicións vén de resolver o III Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 no que resultou elixida como gañadora a obra presentada baixo o lema Os globos de andar (grupo de idade de 8 a 10 anos) e que resultou da autoría do xornalista e escritor Xavier López Rodríguez, afincado en Santiago Compostela, onde desenvolve a súa actividade profesional.
O Tribunal, presidido polo catedrático de Literatura Galega da UDC, Carlos Paulo Martínez Pereiro, e integrado tamén por Antonio Yáñez Casal, gañador do II Premio Meiga Moira coa obra titulada Lóbez, Cristina Sáez Cazallas, escritora coruñesa e autora de diversas obras dirixidas ao público infantil, Dores Fernández López, profesora de lingua galega no IES Paseo das Pontes na cidade da Coruña, e a nosa directora editorial, Belén López Vázquez, resolveu a súa decisión destacando o feito que:
Os globos de andar é unha historia que pon de manifesto as mellores cualidades da infancia dun xeito orixinal. A inocencia, bondade, confianza, solidariedade e esperanza, como algúns dos valores que marcan o deambular dos seus protagonistas, están presentes na obra de forma non forzada, sensible e, fundamentalmente, natural.
A historia é reforzada coa utilización dunha linguaxe sinxela, accesible e fluída, coa que se consegue non só afondar na tenrura do relato, senón tamén propiciar unha lectura fácil e directa para o público ao que vai dirixida.
Ao III Premio Meiga Moira presentáronse máis de 50 orixinais, dos cales serviron de base para a súa decisión definitiva do Tribunal 20 títulos, e nos que, en xeral, se destacou o importante momento que a literatura infantil e xuvenil en lingua galega atravesa na actualidade.» (Bahía Edicións)
XVI Xornadas Mar por Medio – Galiza e Portugal
«Portugal foi sempre para a Galiza e para o galeguismo unha especie de ferida aberta, de Galiza do sul que medra, sae ao mar e nos deita no espello dos séculos a imaxe do que puidemos ser nas reviravoltas da historia.
Mais hoxe as cousas comezan a mudar. No galeguismo político e cultural avanza o pragmatismo e a ollada cultural mantense pero tamén dá paso a novas realidades: o espazo da euro-rexión que conformamos co norte de Portugal, as posibilidades económicas que abre para as empresas de ambas as beiras do Miño ou o achegamento real que supuxeron as novas insfraestruturas viarias son realidades ben máis actuais e interesantes do que os debates repetidos que rematan sempre en vía morta.
Mar por Medio quere ser, nese sentido, unha ferramenta útil na análise de en que medida o achegamento entre os nosos dous países é realmente posíbel no campo das industrias da cultura e da comunicación. Debatámolo, falémolo, marquemos prioridades… e despois, pasemos das palabras aos feitos. […]» (Mar por Medio)
Enciclopedia e dicionario gratuítos en rede
Ir Indo Edicións informa que poden consultar, de forma totalmente gratuita ata o mes de decembro, a nova versión da EGU na rede. E da presentación do primeiro dicionario normativo que incorpora as etimoloxías e as equivalencias en lingua portuguesa, castelá e inglesa, insire tamén sinónimos, antónimos, variantes, novas traducións e préstamos, ademáis doutras diversas seccións.
Nova corrección: XXI PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSEMARÍA PÉREZ PARALLÉ
Prórroga do prazo de presentación de orixinais
Debido a un erro cometido por algúns medios na difusión da data de peche do prazo de presentación de orixinais do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, a entidade convocante resolveu prorrogar o prazo de presentación até o día 10 de outubro.
O premio, que ten como finalidade a difusión de novas voces da poesía, está destinado a autores e autoras sen libro individual de poesía publicado.
Para participar é necesario enviar por triplicado un libro de poesía en lingua galega. O libro debe enviarse baixo pseudónimo e, nun sobre aparte, debe indicarse por fóra o pseudónimo e, por dentro, os datos persoais do autor ou autora.
O material debe enviarse sen remite ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene: Porto do Río, 21 – San Paio – Fene.
O día 11 de outubro darase a coñecer a composición do xurado desta edición.
—
XXI Premio de Poesía
Xosemaría Pérez Parallé
(Fene 2008)
III Encontro de Novos/as Escritores/as: 2ª xornada
As mesas “Literatura. Internet e novas tecnoloxías” e “Literatura, sociedade e nación” pecharon o III Encontro de Novos Escritores Entre Dous Séculos
(A Coruña, 27 setembro 2008).- Dúas mesas, relacións entre Literatura e novas tecnoloxías e Literatura, sociedade e nación pecharon a derradeira xornada do III Encontro de Novos Escritores “Entre dous séculos”, celebrado no Pazo de Mariñán organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Deputación da Coruña.
“Entre dous séculos” concebiuse coma un espazo dende o que dialogar, con voz propia, sobre os diferentes camiños que os novos creadores e creadoras van tomando na escena da nosa literatura.
Na primeira das mesas desta derradeira xornada, con participación de Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez, coordinados por Francisco Castro, analizouse o cambio tecnolóxico revolucionario que, no que respecta á poesía, ofrece dous aspectos a ter moi en conta: novos sistemas de reprodución e o acceso doado ás novas ferramentas expresivas. Unha das máis relevantes é a rede. Internet ofrece un espazo de reprodución ilimitado. Con Internet, o soporte libro é substituído por un documento de texto ou un pdf. As páxinas web son o modo de distribución. Neste proceso, segundo se comentou, os medios de edición son, en xeral, independentes (un exemplo poden ser as comunidades de bitácoras ou blogs), con estratexias e regras novas pero que procuran o mesmo obxectivo de sempre: atraer público, e incluso transformarse en soporte. Finalmente, plantexouse no debate a proposta de publicar os novos textos na rede para deixar de bater contra os muros dos premios literarios e as editoriais.
Na segunda mesa celebrada nesta derradeira xornada participaron os autores Carlos Negro e María Reimóndez, coordinados por Marta Dacosta. Nela falouse dos inicios do que hoxe chamamos Promoción dos 90, centrados na loita contra a frivolidade da movida e contra o culturalismo innecesario; unha xeración de autores comprometidos coa lingua e co país, formados no noso idioma e na nosa literatura, por veces, tal como se dixo, con máis paixón que coñecemento, desexosos de sinceridade e de engaloiar pola poesía, de render os lectores, de convertelos en poetas tamén.
O III Encontro de Novos Escritores Entre dous séculos pechou cun recital poético celebrado no Museo de Belas Artes da Coruña, no que participaron María Lado, Lucía Aldao, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo, rematando coa actuación de García, membro do grupo Dios Ke te Crew.
Gabinete de Comunicación Aelg
Tfno.: 660 530 525
Correo-e.: prensa@aelg.org
III Encontro de Novos/as Escritores/as: 1ª xornada
As mesas “Cartografías literarias no novo século” e “Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” abriron a primeira xornada do Encontro de Novos Escritores entre dous séculos
(A Coruña, 26 setembro 2008).- Na presentación do Encontro de Novos Escritores Entre dous séculos celebrada no Museo de Belas Artes da Coruña, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez -que estivo acompañado polo director xeral de Xuventude Rubén Cela, e por Antía Otero, vicepresidenta da asociación-, afirmou que as xornadas “queren ser un lugar de encontro, unha terra de liberdade para a reflexión, un lugar para que os propios protagonistas do feito literario e máis do devir da escrita máis nova poñan en común puntos de concordancia e de diverxencia que os sitúen nun mesmo sistema literario”.
Referíndonse aos participantes, o presidente da asociación que acolle a máis de 350 escritores e escritoras galegos, dixo que “eles son non só o futuro, eles e elas son xa o presente da literatura viva dunha das máis vellas e cultas nacións de Europa”, engadindo que “teñen a responsabilidade de situar ao noso idioma no día a día, de dotalo da necesaria xuventude para seguir sendo instrumento de comunicación e coñecemento”.
-
As mesas
Xa no Pazo de Mariñán, celebrouse a primeira das mesas programadas, baixo título “Cartografías literarias no novo século”, na que interviron Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal, coordinados por María Xesús Nogueira. A modo de resumo, considerouse que a literatura galega debería asumir con orgullo os apelativos de anormalidade ou subalternidade, asumir os chamados estigmas e persistir neles como única solución de continuidade. E así é porque, según se dixo no transcurso da mesa, a relación de poder e a subalternidade foi a que produciu a nosa literatura tal e como é, e foi esa necesidade de diferenciación, o seu exercicio de resistencia o que a configurou como unha das literaturas máis orixinais e arriscadas de Europa. No noso sistema literario -engadiuse- temos asistido a un pular sen precedentes das minorías: a presenza inédita en número de creadoras femininas, o papel dos grupos literarios heterodoxos e abertos, a importante presenza de proxectos de autoedición, ou nos últimos anos, a aposta por novas vías, como a videocreación ou a ciberliteratura, que rachan coas nocións tradicionais de xénero e co propio concepto de creación literaria.
“Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” foi o título que acolleu a segunda mesa desta primeira xornada do congreso, na que interviron Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro, coordinados por Elvira Riveiro. Un proceso literario é -asi se dixo- unha situación comunicativa complexa cunha serie de factores que condicionan o grao de visibilidade de un escritor ou escritora en determinada micro ou macro sociedade e tempo. O creador xoga nunhas coordenadas múltiples entre as que o grao de proximidade ou distanciamento a respecto dos medios difusores da súa obra, dos canais comunicativos, é decisivo á hora de tornar efectivo o propio proceso da emisión literaria. O distanciamento deses medios -estimouse- pode ser consecuencia de orixes periféricas, valoracións críticas, incomunicación, diferencia entre as capacidades técnicas ou económicas das entidades difusoras e as esixencias da obra, etc… mais tamén pode corresponderse cunha cualificación do texto como disidente a respecto do sistema no que se inxiren eses medios.
Gabinete de Comunicación Aelg
Tfno.: 660 530 525
Correo-e.: prensa@aelg.org