Bruxelas: proxecto “Escritores/as residentes”

Xavier Queipo, vogal da Aelg para as relacións internacionais, infórmanos do proxecto “Escritores/as residentes”. Trátase dun mes de estadía ben nunha casa do campo, ben nun apartamento do centro de Bruxelas, coa idea de gozar dun lugar tranquilo para crear.

Por ser unha institución belga a que fai a selección dos/as candidatos/as, sería necesario coñecer unha das linguas do país. Podedes consultar as condicións de solicitude aquí. (Consello Directivo da Aelg)

A Terra Chá lembra o cuarto cabodano de Manuel María

Manuel Mar�a«Amigos e admiradores celebrarán o luns en Outeiro de Rei o cuarto cabodano do poeta Manuel María. A xornada comeza cun xantar na Casa Rural Reboreda de Abaixo e continuará, a partir das catro e medio da tarde, coa lectura de poemas de Manuel María en Penas das Rodas. […]» (Galicia-Hoxe)

Os XVI Encontros na Terra Cha homenaxean Antom Santamarina

Antón Santamarina«Guitiriz acolle o vindeiro 5 de setembro o XVI Encontros na Terra Cha, que este ano están dedicados a Antón Santamarina, primeiro presidente das Mocedades Galeguistas de Bos Aires. Alí reuniranse escritores, entre eles, Xavier Alcalá ou Xosé Martínez Romero e históricos galeguistas como Avelino Pousa Antelo, recentemente premiado co Ramón Piñeiro ‘Facendo país’ e Antón Moreda. […]» (A Nosa Terra)

XXII Festival de Poesía do Condado

XXII Festival de Poesia do Condado«A que xa é a XXII edición do Festival de Poesía do Condado bota a andar en Salvaterra de Miño o próximo xoves 4. Este ano, o encontro preséntase como foro de achegamento ás reivindicacións populares e veciñais fronte aos intereses empresariais, co lema ‘Galiza non se vende’.[…]» (A Nosa Terra)

A literatura galega en Barcelona, Frankfurt e Guadalajara

«A promoción da industria cultural galega vén sendo un dos obxectivos prioritarios na liña de actuación da Asociación Galega de Editores (AGE) para o ano 2008. Nesa política de promoción do libro galego un dos pilares básicos é a asistencia dos editores e dos seus produtos ós diferentes encontros profesionais que se desenvolven en todo o planeta. É por iso que, nesta recta final de ano, a AGE afrontará tres novos retos: a asistencia á Feira Internacional do Libro Liber de Barcelona, a Feira Internacional de Frankfurt (Alemaña) e a Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México). […]» (AGE)

O “caso Steiner” continúa en xornais e blogues

Despois do que foi sen dúbida unha entrevista con afirmacións desacertadas de George Steiner sobre a cultura galega, as reaccións particulares e asociativas tamén cuestionan a responsabilididade do autor da entrevista, o xornalista Juan Cruz. Ante isto o propio xornalista tamén se manifesta, dando lugar a unha situación en que o debate sobre o que somos como cultura e o que proxectamos fóra está a resultar inevitábel. Poder seguirse o debate a partir das intervencións seguintes:

1. AELG reacciona fronte ás declaracións de George Steiner
2. Pen Clube de Galicia ante a entrevista a George Steiner
3. Steiner: superar a fase da indignación
4. O Pen Clube critica Juan Cruz pola entrevista a George Steiner
5. Juan Cruz: “He sido siempre un defensor de la cultura y la literatura gallega”
6. O de marras
7. “Síntome ferido”
8. “A temeridade dun filósofo
9. Bomba no PEN Clube polo “caso Steiner”
10. “o pallaso Steiner, os cartos”

A Coruña: un monumento para Alexandre Bóveda

O sábado 30 de agosto ás 13:00 inaugurarase na Coruña o monumento a Alexandre Bóveda. Será na praza do mesmo nome, ubicada na zona dos Catro Camiños. Intervirán no acto Roberto Catoira (Presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda), María Xosé Bravo (Concelleira de Cultura) e Henrique Tello León (Alcalde en Funcións). O evento comezará ás 12:30 e incluirá as actuacións do Coro Alexandre Bóveda e da Banda Municipal interpretando o Himno Galego.

Promoven esta iniciativa a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o Concello da Coruña.

Pen Clube de Galicia ante a entrevista a George Steiner

«[…] En relación coa afirmación do filósofo, ensaista e crítico literario, George Steiner, expresada ao xornalista e escritor Juan Cruz, na devandita entrevista, o P.E.N. de Galicia manifesta:

Que o ignorante atrevimento do vedraio intelectual, nado en París en 1929, nas súa afirmación sobre “la obrigatoriedad de hablar en gallego en una universidad de España” e o seu desprezo pola literatura galega, comparándoa pexorativamente coa catalá, puido ser remediado, perfectamente, polo entrevistador.

Juan Cruz, máis que entrevistador coautor de Yo intento fracasar mejor mejor, non é un octoxenario desinformado. Este escritor canario coñece a existencia e a traxectoria da literatura galega, trata directamente a varios autores actuais, non se lle escapan nomes como o de Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Alfredo Conde…e ten participado en numerosas actividades literarias en Galicia, a última nas Xornadas de Mariñán, organizadas pola Fundación “Carlos Casares”, do 4 ao 7 de xuño pasado.

Non cabe dúbida ningunha de de Juan Cruz aproveitou as declaracións de George Steiner para botar leña ao lume na actual situación lingüística e literaria no Estado das Autonomías, co “Manifiesto por la lengua común” como telón de fondo. Pouco lle debemos agradecer a partir de agora, ao simpático e poderoso novelista, que acostuma a festexar os “chistes de gallegos”, os que loitamos, día a día, en Galicia e nos foros internacionais, pola pervivencia da literatura de noso.» (Galicia-Hoxe)

AELG reacciona fronte ás declaracións de George Steiner

A AELG LAMENTA QUE GEORGE STEINER DESCOÑEZA E DESPRECE A LINGUA E A LITERATURA GALEGAS.


(A Coruña, 27 agosto 2008).- A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) lamenta profundamente as declaracións de George Steiner a respecto do noso idioma e da nosa literatura. Non podemos aceptar, nin pasar por alto, que unha persoa de probada valía intelectual, que no seu día recibiu o premio Príncipe de Asturias da Comunicación, manifeste un descoñecemento tan elevado da nosa literatura e non teña reparos en demostralo nunha entrevista, amosando un total desprezo polo que non coñece, facendo gala da súa ignorancia e demostrando unha nula gratitude cos cidadáns do Estado que un día o premiou.

A AELG quere pensar que estamos ante un caso de descoñecemento temerario da nosa tradición literaria, e non ante un prexuízo, que non poderíamos entender nunha persoa desta traxectoria e que, no entanto, si é quen de entender a cuestión catalá. Por tanto convidamos ao señor George Steiner a visitar o noso país e coñecer a nosa lingua e a nosa cultura, manifestándolle que nos encantará ilustralo sobre as antigas e fértiles orixes da lingua galega e da súa literatura, que transcendeu as fronteiras da Península, converténdose o noso legado literario medieval en modelo literario culto de referencia, e aínda hoxe é obxecto de admiración e estudo en todos os países do mundo, como o demostra a produción editada nas diversas manifestacións de xéneros literarios, ora clásicos ora en proceso de reinterpretación, as traducións a múltiples linguas europeas, a súa presenza en congresos, seminarios, encontros e outros foros literarios canda representantes doutros sistemas literarios, os importantes premios e recoñecementos conseguidos polos escritores e escritoras en lingua galega, no panorama estatal e internacional, así como os milleiros de páxinas escritas, dentro e fóra do país, ao redor da reflexión teórica que a creación literaria en lingua galega provoca nos estudosos e críticos.

Para a AELG esta é unha demostración palpábel da necesidade de impulsar as estruturas estábeis xa existentes e espalladas polo mundo, destinadas á promoción e ensino da lingua e da cultura galegas, así como crear outras novas que vinculen a identidade galega, e as súas diferentes manifestacións, cos centros internacionais de prestixio, á procura da necesaria internacionalización da nosa lingua e cultura desde presupostos claramente identificadores dunha terra con cultura milenaria e unha identidade propia.

SAÚDOS
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AELG
Tel. 660 530 525
Correo-e: prensa@aelg.org