Clara Martín faise co VII Premio de Poesía Eduardo Pondal da Editorial Medulia

Desde Que pasa na Costa:
“A Editorial Medulia, que coordina a cormelá Diana Varela, vén de dar a coñecer a obra gañadora do VII Premio de Poesía Eduardo Pondal.
Tras o debate do xurado, aberta a plica pola secretaria, a obra elixida resultou ser Asfixia, de Clara Martín, presentada baixo o pseudónimo de “Isué Ajrú”.
A poeta e artista plástica, nacida en Verín, foi galardoada anteriormente con múltiples premios literarios. E conta no seu haber con diferentes publicacións que atinxen xéneros como o teatro, o relato curto ou o colaxismo.
Trátase dun libro que conxuga unha perfecta composición global do conxunto de poemas, concibidos como un todo; sen perxuizo de que cada un dos textos teña entidade, singularidade e sentido propios.
O xurado destaca a elevada cantidade de manuscritos presentados ao certame, e a alta calidade dos mesmos.”

Samuel L. París: “Cando acabei o poemario quitei un peso de enriba, foi como se marchase algo meu”

Entrevista de Olalla Bouza a Samuel L. París en Diario de Arousa:
“(…) – Diario de Arousa (DA): A súa poesía ten bastante de posicionamento político, segue O tenro é o salvaxe nesa mesma liña?
– Samuel L. París (SLP): Nunca considerei que o que fago é moi político, senón con certa conciencia social. Entendo que estaría a miña obra máis ben nese terreo. E esta liña mantense, pero fixen o esforzo de indagar noutros temas que, ao principio, costábame máis meterme. Fixen esforzo por entrar nos temas máis persoais. Amoso unha parte que xa estaba algo apuntada no anterior traballo, O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, pero neste fun a por todo.
– DA: E cales serían eses temas nos que afonda?
– SLP: A vulnerabilidade, a capacidade para equivocarme e revolcarme, temas familiares nos que ata agora nunca entrara… Non participara niso, nese tipo de poesía. Agora abordo temas máis vivenciais, como unha mirada sobre a infancia. Cando vas gañando anos, permíteste botar a mirada atrás para ver que pasou aí. Nesta ocasión entrei nese tipo de temáticas, que ás veces están nun primeiro plano e outras máis desdebuxadas. (…)”