Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos?, entre o 4 e o 25 de outubro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos? é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os martes 4, 11, 18 e 25 de outubro, sempre ás 17:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. As persoas interesadas na actividade deben inscribirse previamente cubrindo un formulario, ao que se pode acceder nesta ligazón. Está en proceso a solicitude de recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. O programa pode descargarse aquí.

O programa previsto é o seguinte:

6 de outubro
Francisco Castro
A literatura infanil: falar dos temas “feos”

11 de outubro
Bea Gregores
Protagonistas: mulleres de conto

18 de outubro
Antonio Manuel Fraga
Bestiario diverso de personaxes normais

25 de outubro
Eva Mejuto
Álbums para entender o mundo

A Coruña: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O 28 de setembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Mario Regueira presenta a súa novela Outono aquí, editada por Menino Morreu. As persoas interesadas en asistir á presentación poden anotarse aquí.

Marcos Calveiro: “A masa crítica de lectores en galego é a que é, haberá que buscar outros a través de voces máis novas”

Entrevista de Ana G. Liste a Marcos Calveiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Porque dicir que un é de profesión escritor, non ten que supoñer que un vive diso; pero cando a profesión é editor si, non?
– Marcos Calveiro (MC): Evidentemente, si. Eu exercín de avogado moitos anos, logo deixeino. Logo me fixen escritor profesional e duroume dous anos porque escollín os anos da crise de 2008, cubrinme de gloria. E logo coa miña parella –que tamén quedara sen traballo– acabamos montando un bar. Ela é filla de taberneiros e eu son neto de taberneiros polas dúas bandas. Ao final era un mundo próximo, criámonos nas tabernas.
– P: Chegou a comentar nas redes sociais que case non volve á literatura.
– MC: É que foi certo. Pasei case seis anos de seca. Recuperei a escrita en Curros & Holmes e outras novelas que escribín foi durante a pandemia. Entre os tres meses confinados e os oito que practicamente tivemos o bar pechado ou con horario reducido, recuperei moitas horas mortas na casa. Recoñezo que escribín moito durante a pandemia, ou escribía ou non sei que facía. Hai xente que se dedicou a cociñar e esgotar a fariña, outros fixeron pilates na casa ou se dedicaron á horta. Eu volvín ao que sabía, que era escribir. Pero publicada só está esta novela.
– P: E esta historia de Curros & Holmes. No misterio d′O kapital xa a tiña previamente na cabeza?
– MC: É unha desas frikadas que teño desde hai anos na cabeza. A mítica viaxe de Curros a Londres, de oito meses ou un ano –os biógrafos discuten a data e algún incluso nega a súa existencia–, sempre me chamou a atención. Que faría Curros en Londres despois de fuxir das gadoupas do pai por unha mala relación ou buscando aventuras? Tampouco se exiliou por motivos políticos porque non coinciden as datas da represión polos seus artigos, isto parece que foi antes. Como son fan desas frikadas históricas galegas deses persoeiros un pouco cultos, pois cando foi o confinamento abrín un cartafol que teño alí no portátil de ideas e pinchei no arquivo de Curros. Comecei investigar, empecei a ler cuestións da época vitoriana inglesa e iso levoume a Sherlock, a Marx… É que son uns anos londinenses nos que hai un feixe de xente coñecida alí.
– P: Desde o principio ía ser unha saga?
– MC: Si, a idea cando falei con Francisco Castro antes de incorporarme aquí era que fose unha saga. Sae fóra de colección e cun deseño específico, agardo que haxa máis. Agora tería que estar entregando unha segunda, pero o traballo como editor impídeme totalmente poñerme a escribir. Supoño que contra o final do ano, cando me libere dos premios, poderei volver escribir.
– P: Porque mentres le por traballo, é imposible escribir?
– MC: Si, non leo como ocio nin escribo. É imposible. Ademais, cheguei aquí –e faleino con Fran como director– co compromiso de responderlle a todo o mundo. E ata o de agora respondín a todos, xa aceptei un montón de novelas e xa rexeitei outro feixe de orixinais educadamente. Acuso recibo de todo e contesto a todo. Estiven na outra banda cando comecei e nada me horrorizaba máis que mandar un texto a unha editora e que nin se molesten en contestar.
– P: Desde a posición do ata agora escritor, como pensa que quere actuar como editor?
– MC: A ver, hai un criterio obxectivo da calidade dos textos comezando pola calidade da lingua. Logo hai criterios subxectivos dos meus gustos persoais, pero evidentemente hai criterios persoais e eu o que quero é que se vendan os libros. Logo hai un criterio de Galaxia como institución que se teñen que publicar, somos –por así dicilo– o repositorio fundamental da cultura galega e hai cousas que tes que editar para que queden para as xeracións futuras. O difícil e casar todo iso, pero aí estou, comezando. (…)”

Bases do V Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil

“Como un medio de promoción para os novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, e como homenaxe ao veciño deste concello Xosé Carlos Mosteiro Fraga, falecido en 2017, proponse a edición do V Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil, de obras literarias dirixidas a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos. Este premio concederase de acordo coas seguintes BASES:

1º. Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos, pero cunha excepción: non poderán presentarse a este certame aquelas autoras ou autores que tivesen acadado este premio nunha ou en máis de unha das últimas catro convocatorias.
As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
As persoas participantes deberanse atopar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estar incursas en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.
2º. As obras poderanse presentar en papel ou en formato dixital (.doc, .odt ou .pdf), preferentemente en soporte CD, PEN ou por e-mail:
premioliterario.cultura@apobra.gal
ou no rexistro xeral do Concello da Pobra do Caramiñal. Tamén polo correo ordinario, mensaxería ou en calquera dos rexistros públicos segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixido ó seguinte enderezo:
Concello da Pobra do Caramiñal
V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
Rúa Gasset, 28
15940 – A Pobra do Caramiñal (A Coruña)
A presentación realizarase en 2 sobres pechados ou 2 arquivos dixitais co seguinte contido:
–SOBRE 1:
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre n.º 1. V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e mailo título da obra.
No interior do sobre incluirase a obra que, no caso de se enviar en soporte papel, se presentará por triplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A4, e impresos polas dúas caras. Ademais, deberán estar numerados, grampados ou encadernados. De se presentar en formato dixitalfarase do mesmo xeito por triplicado (CD, PEN).
En calquera soporte que se presente, na portada indicarase V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, o título da obra e o lema ou pseudónimo.
–SOBRE 2:‣
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
Sobre n.º 2. V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e o título da obra.
No interior do sobre incluirase a seguinte documentación:
-1.º Solicitude de participación no “V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e a autorización para que o Concello poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria e mais da Seguridade Social os datos que acrediten que o/a participante está ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, segundo o modelo oficial que se pode atopar na web do Concello da Pobra do Caramiñal, de Barbantia ou da editorial Galaxia.
-2.º Documento acreditativo da identidade (copia do DNI, pasaporte ou NIE) da persoa autora.
3º. O prazo de recepción de orixinais remata no día 30 de novembro de 2022.
4º. A obra que opte ao premio deberá responder á extensión habitual dos libros pensados para a literatura infantil.
5º. O premio, que poderá quedar sen adxudicar se o xurado estima que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3000 euros.
Para tal efecto, existe consignación orzamentaria suficiente na aplicación 334.48300 do orzamento municipal para o ano 2022.
O premio estará suxeito ás retencións fiscais que corresponderen.
As obras premiadas serán publicadas na colección Árbore da editorial Galaxia.
As autoras e autores das obras premiadas comprométense a participar nos actos de promoción que a editorial organice e a realiza-la presentación no concello da Pobra do Caramiñal.
6º. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Ademais constará dun secretario/a, con voz, pero sen voto. As decisións do xurado serán inapelábeis.
7º. O ditame do xurado darase a coñecer a finais do mes de decembro, e a entrega do premio farase coincidir coa presentación da obra gañadora, unha vez editada.
8º. As obras non premiadas non serán devoltas. A partir do día seguinte á deliberación do xurado serán destruídas.
9º. A participaciónneste concurso literario non lles xera dereito ningún ás persoas participantes ata que for resolto polo xurado e ata que non for outorgado o premio por unha resolución da Alcaldía do Concello da Pobra do Caramiñal. A presentación dos orixinais a este certame literario supón a aceptación das presentes bases e o compromiso do/a autor/a de non retirar a obra antes do ditame do xurado, aceptar o premio se lle fose concedido, ou reintegralo de non se cumpriren os requisitos que se estabelecen na presente convocatoria.
O incumprimento dun ou varios apartados destas bases implicaría a automática exclusión da obra presentada.”

A Coruña: Clube de lectura de Literatura universal 2022, por Xoán Costa

A A. C. Alexandre Bóveda inicia un clube de lectura de Literatura universal, coordinado por Xoán Costa, para este 2022.
Terá lugar os mércores, cada quince días, de 18:00 a 19:15 horas, nas seguintes datas:
– 19 de outubro.
– 2, 16 e 30 de novembro.
– 7 de decembro.
As persoas interesadas en participar deben enviar a súa solicitude de inscrición no correo acab@mundo-r.com, dado que as prazas son limitadas.