Anselmo López Carreira (historiador): “Cando se fala do Reino de Galicia, fálase de Galicia, Asturias e León ata a Extremadura”

Entrevista a Anselmo López Carreira en Historia de Galicia:
“(…) – Historia de Galicia (HG): Tras o franquismo, nesa época comezabades unha historiografía galega practicamente de cero, tivestes que destruír moitos tópicos?
– Anselmo López Carreira (ALC): Nese momento, nós non éramos conscientes da existencia de tópicos. Había un discurso predominante na historiografía española e, por rebote, mesmo tamén na pouca historiografía galega que había nos anos 70. Non sabiamos distinguir os tópicos porque todo o discurso historiográfico que existía naquel momento era ese, non había outro.
– HG: Coñecíase a existencia do Reino da Galicia medieval?
– ALC: Falabamos dun Reino de Galicia, pero pensabamos que era unha circunscrición meramente administrativa e, como tal, o Reino de Galicia existira en momentos moi breves. Pero Galicia non existía como tal, existía o Reino de Asturias. A pregunta que nos faciamos era que era Galicia dentro do Reino de Asturias, fíxate que sinécdoque, tomar a parte polo todo. Tardamos moito en descubrir a identidade do que realmente é o Reino de Galicia. E creo que nestes momentos aínda estamos a afinar que era o Reino de Galicia, non o temos completamente deseñado. (…)
– HG: Por que é importante para a historiografía galega saber que existiu un reino que se nomeaba Reino de Galicia?
– ALC: É importante para a historiografía en xeral. A realidade é esa e o que pretende a historia é asomarse da maneira máis exacta posible á verdade histórica. Así mesmo, hai unha razón que se debe ter en conta: o fomento da propia autoestima. Ten dito un historiador francés que na historia búscase a mellor imaxe de nós mesmo. O primeiro para a realización persoal e social é ser consciente da nosa identidade, tanto como persoa como pobo. Non vai contra ninguén, senón a favor de todos.”

Fina Casalderrey: “Ás veces unha idea chama á porta e xorde a maxia”

Entrevista de Selina Otero a Fina Casalderrey en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Por que agora un libro sobre Mozart, de neno? Era unha idea que xa tiña de hai tempo ou xorde agora por algo concreto?
– Fina Casalderrey (FC): Ás veces unha idea chama á porta literalmente… Hai dous anos, un pouco antes de comezar este pesadelo da COVID, Luís Soto, virtuoso frautista da Real Filharmónica de Galicia, veu á miña casa cun CD na man, Mozart á galega, e unha proposta nos beizos: “Queres escribir unha historia para esta música?”. Fusionara catro cuartetos para frauta e cordas de Mozart con música popular galega: O Alalá das Mariñas, o Pousa pousa, A saia da Carolina… Hei dicir que a miña primeira reacción foi de desconcerto, vaia ousada excentricidade tratar unir música clásica coas cantigas de sobremesa das festas na casa. Pero ao tempo que falaba con entusiasmo contaxioso, púxome o CD e… Oh, marabilla! xurdiu a maxia, recoñecín entre a música clásica o Alalá das Mariñas!, poño por caso, pero non percibín ningún cambio brusco. Era a mesma peza! Seduciume e dixen “SI”. Así comezou todo.
– FV: Supoño que a figura dun xenio músico dende a infancia é moi atractiva para a rapazada… (e non só para a rapazada, tamén para os maiores).
– FC: Imaxinemos un neno que con catro aniños xa toca o clavicordio, con seis comeza a facer pequenas composicións, toca o violín e dá concertos polas máis selectas cortes europeas, viaxando continuamente, pasando meses, e incluso anos, fóra da casa, que é aclamado coma un cantante pop ou de rock, que, cando volve á casa, os domingos dá concertos improvisando a música e a xente paga por entrar, que toca co teclado tapado, cos ollos vendados…, que nunca foi á escola con outros rapaces… Un neno que, por non lle permitiren ser tal, se comporta coma un neno toda a vida. Que, con once anos, foi encerrado nun cuarto para compoñer un oratorio espiritual; o Arcebispo Real, Segismund quería comprobar se era realmente el quen compoñía. Un neno con teima por todo o escatolóxico, hiperactivo, que padecía o síndrome de Tourette… Un neno prodixio, un xenio da música con oído absoluto. Claro que interesa!
– FV: En que se baseou, como se documentou sobre a vida do xenio?
– FC: Non é un personaxe descoñecido, calquera neófito no tema sabe algo da súa personalidade inqueda, sóalle A frauta máxica, As vodas de Fígaro, ou o Requiem de encarga, que el, xa enfermo, compuxo para o seu propio funeral; pero dos 35 intensísimos anos que viviu este xenio da música -quizais o máis grande de tódolos tempos-, xa non sabemos tanto. Con todo, existen variadas biografías e ampla documentación que mesmo podemos atopar na rede, tanto sobre Mozart coma sobre Leopold, o seu pai, ou Marianne, a súa tamén prodixiosa irmá (aínda que por ser muller fose apartada da música antes de cumprir os dezaoito). Porén, se quería meterme na súa pel tiña que viaxar a Salzburgo, camiñar pola beira do Salzach, visitar o Castelo, entrar na casa de Mozart, colarme nalgún dos seus concertos, aprender a montar a cabalo, acompañalo nas súas longas viaxes: Viena, París, Londres, Italia…… A maxia das lecturas permítennos todo iso sen nos mover da casa e, sobre todo, nesa derradeira viaxe que o mundo descoñecía… (…)”

Crónica videográfica da VI Xornada de Literatura Dramática (IV)

A VI Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e comunidade en tempo de distancias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

Aula maxistral. Gonçalo Amorim:

Parabéns da AELG ao novo Cronista Oficial do Concello de Mañón, Hixinio X. Puentes Novo

O Consello Directivo da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), e no seu nome o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, fan chegar os seus afectuosos parabéns ao escritor Hixinio X. Puentes Novo, a quen a corporación do concello de Mañón, vén de nomear Cronista Oficial.
Hixinio Puentes, autor de numerosa obra de ficción e de investigación forma parte da longa nómina de colaboradores desta asociación, nomeadamente como relator na VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que tivo lugar en 2013 baixo o título xeral de Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, coa intervención “Naufraxios literarios e reais”.
Hixinio X. Puentes Novo, natural do Porto do Barqueiro (1952), foi mestre e desenvolveu oficios diversos, mesmo foi mariñeiro nos buques mercantes. Investigador na historia do seu concello e de temas relacionados co mundo do mar, destacando neste eido os seus estudos sobre a costa norte de Galiza e os centrados nos naufraxios acontecidos na provincia marítima de Ferrol ou sobre a galerna de 1961.
É tamén autor de novelas como O bandido Casanova (Xerais, 2000), Premio de Novela Pastor Díaz, 1999; Aguillóns de Ortegal (Xerais, 2005), Monbars, o anxo exterminador (Xerais, 2006), Premio Eixo Atlántico de Narrativa Galega e Portuguesa no ano 2006, unha novela sobre piratas filibusteiros; A do vinte e un (Sotelo Blanco, 2010), unha novela histórica sobre o mundo da armada, Premio Vicente Risco de Creación Literaria no 2009; e a máis recente, Winnipeg (Xerais, 2013), unha novela baseada en feitos e testemuños reais que recrea as peripecias dos tres irmáns Pita Armada, embarcados con outros 20 galegos, todos refuxiados políticos da Guerra Civil, nun buque “da esperanza” fretado por Pablo Neruda con rumbo desde Francia cara a América.