Xosé Ricardo Losada: “Os ‘non normais’, esa inmensa minoría, foron os que cambiaron o mundo”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé Ricardo Losada Vicente en Praza:
“Xeila, unha adolescente intelixente e esperta, comeza a comportarse de forma moi estraña, pasando nunhas semanas da total submisión á máis aberta rebeldía contra os adultos. A súa afiada lingua devólvelles ademais aos pais ou aos profesores un espello de si mesmos que non quixeran ver. Disto vai A casa xunto ao volcán, (Galaxia), o novo libro de Xosé Ricardo Losada. Unha novela de aprendizaxe na que a protagonista decide perderse para, despois, encontrarse. Asumindo que parte da vida é o risco, a incerteza, o valor para saír do camiño familiar e socialmente trazado. Antes de descubrirnos a nós mesmos en vidas atrapadas no que de nós se agardaba, e sentidas como, en boa medida, perdidas.
– Praza (P): A novela está dedicada, entre outras persoas, a Andrea M. de Jesús e Ainara Calo, ex-alumnas súas, que lle deron a idea para esta historia. Pode contar un pouco máis de como nace un personaxe tan peculiar como o de Xeila?
– Xosé Ricardo Losada (XRL): Sempre crin necesario acercar a filosofía a un público cada vez máis amplo. E creo que a mellor (aínda que non única) forma é darlle un carácter narrativo. Na miña experiencia de profesor de Filosofía decateime de que Nietzsche é un autor que entusiasma os alumnos. Cando esas dúas ex-alumnas, que fracasaran no sistema educativo, me mandaron un correo contándome todo o que lle axudaran aquelas clases sobre Nietzsche a levar os malos momentos e a fortalecerse e a acabar superándoos, ocorréuseme a idea de Xeila.
– P: É unha novela de aprendizaxe -de transición á vida adulta- non pensada, seguramente, para adolescentes, mais que podería ser adecuada para eles. Pensou no posible lector/a deste libro, cando o escribía, desta maneira?
– XRL: Se o obxectivo que te marcas é acercar a filosofía á realidade cotiá, non queda outra que pensar no lector. Ese foi un dos grandes retos e a fonte das maiores dificultades na escrita. Quería un libro (e polo que me están comentando, conseguino) que puidese chegar aos adultos, pero tamén aos adolescentes. De aí que me agrade tanto iso que comentas na túa pregunta.
Aínda que a protagonista é unha adolescente que se move nun mundo de adolescentes, case pode dicirse que a novela do que realmente trata é do mundo dos adultos, pais e profesores, fundamentalmente. É nesa interpelación onde se move a novela. Tratándose de Nietzsche non podía ser doutra forma. O adolescente é máis pasado e futuro que presente. E esa é a razón, creo eu, de que a novela poida funcionar cuns e con outros. (…)
– P: Unha das dimensións da (auto)transformación de Xeila é a de xénero. Quere ser unha supermuller, superando o machismo de Nietzsche. E acaba enfrontándose con imposicións sociais como o amor romántico. Nada estraño nunha rapaza de hoxe mais, dalgún xeito, quixeches salientar esta dimensión? (Nese sentido, resulta curioso o contraste co personaxe de Lois, cunha lesbofobia, entre outros defectos, que non parece tanto de hoxe).
– XRL: A elección de Nietzsche como filósofo de referencia tiña moitos problemas. Recordemos que foi filósofo de cabeceira do nazismo. Recordemos que dixo frases realmente terribles sobre a guerra, as minorías, a igualdade e outros valores que hoxe consideramos básicos. Recordemos que moitos aínda cren que a súa filosofía é unha patoloxía.
Recordemos que exhibiu un machismo radical (aínda que sempre escolleu como interlocutoras mulleres intelixentes e con forte personalidade). É evidente que este aspecto tiña que quedar explicitamente superado na novela por Xeila. Pero non só por cuestións de xénero, senón tamén para transmitir a mensaxe de que non temos que aceptar os filósofos en bloque. Todos ofrecen ideas xeniais e ideas estúpidas.
Nun mundo como o actual, no que volven proliferar as persoas que cren que só a súa forma de ver e sentir e vivir o mundo é a correcta, condenando a millóns de persoas á infelicidade en nome dun Deus imaxinario, é obrigado reivindicar, cada vez que se poida, o dereito de todas as persoas maduras a buscar a felicidade e o pracer como lles pete, sempre, por suposto, en consonancia cos desexos, tamén maduros, dos seus interlocutores. Nesta novela non podía faltar, xa que é un fenómeno, como ti dis, moi actual, pero, precisamente por iso, é tamén moi actual o contrario, como comprobamos con frecuencia nos institutos. (…)”

As estacións do lobo: entre a liberdade do salvaxe e a calor da manda humana”

Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
“Na recuperación progresiva das actividades vencelladas ao sector do libro, comezan a retornar algunhas das que se viron canceladas. Aínda que o libro As estacións do lobo (Xerais) se publicou en 2019, María Reimóndez tiña previstas varias presentacións que non se realizaron por mor da COVID-19. O venres resarciuse virtualmente nun evento organizado pola libraría Lila de Lilith, ás 18.30 horas a través da plataforma Zoom, mais no que non falará exclusivamente da obra, senón do chamado “ciclo dos elementos”, do que a novela constitúe a última achega. E non o fará soa, pois vai contar con convidadas de luxo para lle axudar a trasladar as múltiples voces que compoñen este universo ficcional interrelacionado e poliédrico. As súa parceiras forman parte, como confesa a Nós Diario a autora, da súa “manda dos afectos”. (…)
“A escolla foi algo que xurdiu de maneira moi orgánica”, conta Reimóndez, que manifesta ademais a súa preferencia polos proxectos colectivos. A idea de escribir este ciclo presentouse como un “desafío na escrita”, na procura dunha estreita complicidade coas lectoras, que poden ao tempo estabelecer as súas propias visións sobre este universo tecido con fíos delicados, no que cada novela funciona de maneira independente. Reimóndez parte orfa nesta concepción narrativa, non coñece como referente un proxecto parecido, aínda que lle teñen comentado que Almudena Grandes podería estar a desenvolver algo análogo.
O fío condutor metafórico da novela segue o proceso inverso de domesticación que deu paso do lobo ao can, esbozando un retorno ao salvaxe como vía para a liberación da protagonista. Así a historia rebélase contra a socialización da muller nunha “domesticación permanente”.
Xa En vías de extinción presentaba os cans como punto de partida que une as personaxes, explica Reimóndez, se ben afirma que ela é “máis de árbores”. Un comentario nada casual que agocha a transcendencia da relación coa natureza máis alá do animal, en construcións que desde a teoría converxen dalgunha maneira na escrita. Con influencia do posthumanismo ou a ecocrítica, Reimóndez procura distanciarse dos esencialismos do ecofeminismo -“unha corrente coa que teño discrepancias”, indica- e apunta máis cara aos feminismos ecoloxistas. Así, as preocupacións polos dereitos ambientais, dos humanos e non humanos -e dentro deles non só os animais- son temas que atravesan a súa obra, tamén fóra do ciclo, por exemplo, no último libro de Literatura Infantil e Xuvenil que saíu do prelo, A formiga destemida (Xerais, 2020), que se viu igualmente afectado pola emerxencia sanitaria.
Dentro do “ciclo dos elementos”, As estacións do lobo é o texto no que aparece de maneira máis evidente o amor como tema central ao que se enfronta a protagonista, unha tópica que se presenta “como construto social e patriarcal”, di Reimóndez. Así, hai un “desmantelamento da visión de parella e da familia sanguínea”, en favor da manda escollida e das outras formas nas que xorden tamén os afectos.”

Boiro: presentación de Selected Poems/Poemas escollidos, de Douglas Dunn, o 12 de xuño

Debido ás medidas preventivas polo COVID-19, o aforo é para 80 persoas e cómpre confirmar asistencia ao acto para reservar asento. Podes confirmar a túa reserva neste correo: pastor@barbantia.es antes das 19:00 h do venres, 12 de xuño.