A Coruña: conferencia de Elena Poniatowska

Mañá venres 8 de maio, ás 20:00 a escritora mexicana Elena Poniatowska visitará a sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11) para impartir unha conferencia, A literatura que vén da rúa. A entrada é de balde e libre até completar a capacidade do recinto.

Xornalista e narradora, Elena Poniatowska nace en París no ano 1933, filla dunha mexicana e dun nobre polaco. Na Segunda Guerra Mundial partiu coa súa nai cara México, mentres seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. Doutora Honoris Causa polas Universidades de Sinaloa, Toluca, Columbia (Nova York), Florida (Miami) e pola Universidade Nacional Autónoma de México. A súa carreira iniciouse no exercicio do periodismo, mais ten publicado unha obra moi ampla que inclúe varios xéneros. Entre os seus textos destacan as novelas “Hasta no verte Jesús mío” (1969), “Querido Diego, te abraza Quiela” (1978), “La flor de lis” (1988), “Tinísima” (1992) e “La piel del cielo” (2001); os ensaios “Todo empezó el domingo” (1963), “La noche de Tialtelolco” (1971), “Gaby Brimmer (testimonio 1979)”, “Fuerte es el silencio” (1980), “El último guajolote” (1982), “Ay vida, no me mereces¡” (1985), “Nada, nadie. Las voces del temblor” (1988), “Juchitán de las mujeres (testimonio, 1989)”; as coleccións de contos: “Lilus Kikus” (1954), “De noche vienes” (1979), “Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo” (1982) e os libros de entrevistas: “Palabras cruzadas, Era” (1961), “Domingo 7” (1982), “Todo México” (1990) e “Todo México, vol. II” (1994). Ten recibido múltiples premios entre os que destacan Premio Nacional de Periodismo (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) (1978), Premio Mazatlán de Literatura (1992), e, o máis recente, Premio Alfaguara de Novela 2001, por “La piel del cielo”.

Elena Poniatowska utiliza a súa literatura combativa e crítica para deitar luz sobre as desigualdades e inxustizas que se producen decote en México, de maneira sobranceira, ten dado voz en múltiples foros internacionais á causa das mulleres asasinadas e desaparecidas de Ciudad Juárez.

A conferencia enmárcase dentro da homenaxe que este ano lle tributa a AELG, que lle outorgou este ano o Premio “Escritora Galega Universal”.

A Coruña: obradoiro de escritura creativa con Marina Mayoral

O xoves 7, venres 8 e sábado 9 de maio desenvolverase na Biblioteca González Garcés da Coruña un obradoiro de escritura creativa impartido por Marina Mayoral co título Técnicas narrativas e creación literaria. O curso vai principalmente destinado aos estudantes de Humanidades, mais tamén é útil para todos os interesados en facer literatura de ficción ou en xeral os que sinxelamente queren mellorar a expresión escrita das súas ideas e sentimentos. O horario das xornadas é de 10 a 13 horas e de 17 a 20. Para inscribirse é preciso chamar aos teléfonos 981170218 ou 981170219, ou ben mandar un correo electrónico a este enderezo, ou de maneira presencial na Sala de Consulta da Biblioteca. Colabora a Universidade da Coruña (solicitado un crédito de libre configuración na UDC).

A Coruña festexa o Día das Letras

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Cultura, está a organizar as actividades para festexar o Día das Letras Galegas. A maioría destas actividades van estar dentro dunha carpa móbil que se colocará todos os sábados do mes de maio (agás o sábado 16) e mais os dous primeiros de xuño en distintos barrios da cidade da Coruña. Estas son as actividades previstas para mañá:

Carpa en Monte Alto (Campo da Leña). Entrada de balde

11:00.- Animación de rúa a cargo de Manicómicos
11:45.- Xogos
12:45.- Actuación musical: “Cancións para Antía”.
17:00.- Teatro de monicrecres: “Albízaras”, da compañía “Falcatrúa”
18:15.- Actuación musical: Mamá Cabra

A Coruña: actividades do Día do Libro

Co gallo do Día do Libro, hoxe xoves 23 de abril nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña terá lugar unha lectura colectiva de A Esmorga, obra de Eduardo Blanco Amor cuxos primeiros cincuenta anos celebramos hai unhas semanas. A seguir haberá un Concerto ourensán, un concerto de voz e acordeón pensado para, por, sobre Ourense. Dende cantares de cego que falan de afiadores e paragueiros a temas populares e tradicionais de Ourense e arredores. Voz, acordeón e percusión para poñer banda sonora a unha obra como A Esmorga xuntando o acordeón de Moncho do Orzán e a voz de Nelson Quinteiro. Será entre as cinco e as sete desta tarde.

Hoxe ademais as bibliotecas municipais instálanse por un día na Estación de Trens e Autobuses, desde ás dez da mañá até as sete da tarde. Haberá tamén animación de rúa a cargo da Compañía Femme Fatale.

A Coruña e Lugo: presentación do libro de Luz Pozo e José Valentín

deterdiaflor
O vindeiro mércores día 22 de abril, ás 20.00 horas, na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24), terá lugar a presentación do libro Deter o día cunha flor de Luz Pozo Garza e José Valentín, editado por Baía. No acto intervirán, ademais dos autores, Ánxeles Penas, Olga Patiño e Belén López Vázquez.

A seguinte presentación terá lugar en Lugo o mércores día 29 de abril, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de San Domingos, 4), e contará coa participación dos autores acompañados por Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Belén López Vázquez.

A Coruña e Vigo: presentación do novo libro de Alfonso Armada

O luns 20 de abril ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo presentarase o libro TSC. Diario da noite, de Alfonso Armada, nun acto que contará coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.

Ao día seguinte, martes 21 de abril, o libro vai ser presentado na Galería Sargadelos da Coruña (R/ Real, 56), coa presenza de Pilar García Negro e Yolanda Castaño. Será a partir das 20 horas. A entrada nos dous casos é libre.

A Coruña: recital de Eva Veiga e Francisco Fernández Naval

Mañá xoves 16 de abril terá lugar unha nova xornada do ciclo Poetas coruñeses, a palabra na voz de quen a crea. Nesta ocasión participarán Francisco Fernández Naval e Eva Veiga, apresentados por Xoán Abeleira. Será ás 20:30 h no salón de actos da Asociación Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, 1º). A entrada é libre.

Entrega do III Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

teatro-radiofonicoHoxe a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro celébrase a gala de entrega do III Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. A entrada ao acto é libre até completar o aforo.

Nesta edición o primeiro premio foi para a obra Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas. Quedaron finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira. As tres obras finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais.

Escoitar Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas: 1

A Coruña: conferencia de José Manuel Barbosa

Hoxe ás 20 horas na Fundación Caixa Galicia (no Cantón Grande) José Manuel Barbosa, conselleiro da Associaçom Galega da Língua, impartirá a conferencia O surgimento da língua galego-portuguesa no noroeste peninsular. O acto está organizado pola Agrupaçom Cultural O Facho. A entrada é libre até completar aforo.