Lois Alcayde Dans le un texto de Os jeans de María

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Lois Alcayde Dans dun fragmento de Os jeans de Maríaaquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Cultura virtual en tempos de pandemia

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A pandemia da COVID-19 está provocando unha enorme distorsión no mundo da cultura que ten dúas caras. Por unha banda, está a suspensión case completa de calquera actividade cultural pública: cines, teatros, lecturas, concertos, rodaxes, gravacións, presentacións, feiras… cancélanse en todo o mundo sen que se coñeza cando nin como se poderá recuperar a normalidade, e sen que estea aínda claro cales serán os efectos económicos desta parálise nun sector xa de seu carente de políticas públicas e moi afectado pola precariedade. É moi cedo para facer contas, pero as primeiras estimacións feitas pola Asociación para el Desarrollo de la Propiedad Intelectual (Adepi) falan dunhas perdas de 3.000 millóns de euros no conxunto do Estado. Véxase como se vexa, unha catástrofe para o sector.
Mais hai outra cara, quizais menos visíbel a primeira vista, pero que se albisca ao facer inventario das múltiples iniciativas que xorden para manter a cultura na axenda da cidadanía: obras teatrais retransmitidas en streaming, vídeos de concertos e representacións, películas que se liberan para que o público poida acceder a elas de balde, publicacións que autores e editoriais ceden de xeito altruísta… Pode parecer que esta súbita xenerosidade é contraditoria coas perdas millonarias que se prevén para o sector, mais quizais é neste punto onde aparece a cultura e desaparece a industria cultural, onde se revela a cultura como creadora de comunidade, como espazo para a empatía e a reflexión crítica sobre nós mesmos.
David Rodríguez, escritor, xornalista e crítico cultural, cre que “o mundo cultural, en xeral, vive nunha contradición permanente que non acaba de resolver: por un lado, proclámase que a Cultura é unha esfera separada do mercado e, polo outro, reivindícase o peso das industrias culturais; é dicir, queremos ser algo diferente do capitalismo pero, ao mesmo tempo, somos parte do capitalismo e, ademais, reivindicamos a nosa produtividade. Iso, nun momento de terciarización da economía onde a produción intelectual ten moito máis peso na engrenaxe económica (teoricamente, porque, en realidade, todo acaba sendo precariedade). Daquela, cando se dá un fenómeno como este, que ten carácter de acontecemento, ábrese a veta idealista do mundo da cultura”. Rodríguez interpreta isto como un síntoma: “en momentos de shock como este, sempre se pensa no mellor e no peor e, como hai moita xente que pensa no mellor, hai un certo movemento cara ao utópico: a situación de excepcionalidade provoca que –polo menos aparentemente– a lóxica do mercado se deteña e, daquela, aflora o ser humano como ser humano, e non como consumidor. Aí sae a percepción de que o que viviamos antes desta crise non era unha comunidade de verdade, de que iso aínda está por construír”.
Paula Cabaleiro, comisaria de arte, tamén ve na excepcionalidade da situación unha oportunidade: “A cultura traballa sempre con material sensíbel e, en momentos como este, no que parece que todo se derruba, a materia sensíbel é o único ao que podemos apelar, o que nos está unindo fronte unha ameaza descoñecida. A cultura non sempre se entende como un ben de primeira necesidade e, precisamente, estes momentos catárticos poñen en evidencia que as persoas precisamos desenvolvernos dentro dunha identidade cultural e que necesitamos relacionarnos a través das manifestacións desa identidade.
Por outra banda, a cultura ten unha gran capacidade para mutar e de xerar unha dimensión simbólica a través de calquera medio: de feito, vemos como moitas convocatorias de carácter social están deseñadas a partir de estratexias previamente experimentadas polo mundo das artes plásticas, da performance, da danza… Neste caso, a adaptación ao medio dixital responde a unha necesidade de resistencia simbólica fronte a unha circunstancia moi desfavorábel”.
Xesús Ron, director da compañía Chévere, ten unha longa experiencia en compartir contidos a través da rede: o sitio web da compañía, leva moitos anos subindo material documental que recolle as súas producións. Ron apunta a un xeito de superar a contradición sinalada por Rodríguez: “A filosofía de redenasa procede da consciencia de que nós facemos produción cultural, en boa medida, grazas a que recibimos diñeiro público; subir eses contidos á rede é un compromiso co retorno social que deben ter eses cartos. É certo que o noso é teatro e dá un pouco igual porque a experiencia do público non é a mesma vendo unha gravación que asistindo a unha función, pero precisamente por iso é bo que as obras de teatro ou os concertos de música exploren formas de devolverlle á sociedade o diñeiro que esta investiu neles”.
En todo caso, pode formularse a dúbida de se esta situación – en principio, temporal– podería reforzar a tendencia do consumo cultural a refuxiarse no mundo virtual, se as tecnoloxías da comunicación non ocuparán un espazo aínda maior na órbita do consumo cultural. “Iso tamén é inherente ao momento do acontecemento”, explica David Rodríguez, “e nese sentido, a experiencia do maio do 68 é moi gráfica: despois dos momentos de máxima utopía, cando esta non se consuma e se dá a volta á orde, esta orde desenvolve unha capacidade extraordinaria para apropiarse desas prácticas que naceron como utópicas”.
Ron, non obstante, matiza que “o virtual tamén xera comunidade, crea lazos. Outra cousa é que se pretenda crear comunidade exclusivamente cos vínculos tecnolóxicos –que, efectivamente, podería suceder– pero até o de agora o que eu vexo é que a comunidade virtual e a real se fortalecen. As redes creadas por compañías de teatro, ou por editoriais ou por calquera outro tipo de axente cultural xera un sentimento de pertenza que é virtual, pero que ten unha realidade detrás”. O que está ocorrendo, “é unha situación pasaxeira na que se está reivindicando a natureza presencial de certo tipo de arte: fálase moito do invasivas que son as tecnoloxías pero o certo é que nunca houbo tantos concertos, tantos festivais, tantas funcións de teatro… As estatísticas están aí e eu creo que se consolidou o directo. Nesta guerra entre o consumo real e o dixital, as artes vivas están saíndo reforzadas. Podemos falar doutros problemas pero non creo que agora mesmo exista unha crise de público. Noutros xéneros como o cine os problemas son doutra natureza: nós vímolo coa adaptación ao cinema de Eroski Paraíso, que tivo pouco máis da décima parte de espectadores que a montaxe teatral. Pero aí tamén xoga a dificultade de colocar un filme nas salas de exhibición”.
Paula Cabaleiro engade que “esta situación faranos máis conscientes da dimensión social que ten a cultura, da busca de contacto que implica a asistencia a calquera manifestación cultural”. En certa forma, subliña, “o feito de que os soportes materiais coma os CD ou DVD desaparezan en beneficio de plataformas como Spotify ou Netflix tamén nos abre os ollos sobre ese valor engadido de encontro colectivo que ten a cultura. Creo que a invasión de pantallas está provocando unha volta á cultura en vivo e que este confinamento que estamos vivindo vai reforzar esa valoración da cultura como feito social. Agora todo o mundo é consciente da gravidade dunha situación histórica que vai traer, ademais, unha crise económica moi severa; mais tamén creo que, socialmente, vai haber lecturas moi proveitosas, vai haber moitas certezas que se van poñer en cuestión”.”

Letras galegas na Rede: un fervedoiro virtual

Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Ás poucas horas de ditarse as normas que nos confinan nas nosas casas agromaron numerosas iniciativas que ofrecen na Rede moitos contidos de balde. Campañas como a da AELG animaron a empregar diversos cancelos como #CorentenaLiteraria, #EuQuedonaCasa ou #CulturaNaRede por só citar algúns, que promoveron que diversas persoas con presenza na rede espallasen nelas contidos orientados a promocionar a lectura e outras actividades vinculadas coa literatura galega. Axiña se sumaron a estas campañas promocionais da lectura e do libro a Federación de Librarías de Galicia co lema Os libros non contaxian pero enganchan ou a Asociación Galega de Editoras coa campaña Mergúllate. Le en galego.
É salientable, sobre todo, o esforzo das diversas editoriais, que actúan con convicción en tempos de verdadeira incerteza polo complicado futuro que se albisca, como motores que vivifican o acceso á literatura galega na rede. Eis o caso de KalandrakaTV, o canal de televisión dixital de Kalandraka Editora, que potenciou os seus contidos con numerosas propostas audiovisuais baixo a etiqueta Contos contados. Asemade, Xerais convidou a diversas voces do seu catálogo para ler a primeira páxina dun dos seus libros baixo os cancelos #envozpropia #librosxerais mentres que, pola súa parte, Galaxia, ofreceu en aberto a película A esmorga e publicitou o envío gratuíto das vendas en liña do seu catálogo. Apiario sumouse igualmente á campaña de promocionar a poesía a través da lectura de poemas de diversas autoras ao abeiro da etiqueta #poesíaNaCorentena.
Unha editora especializada no ámbito da tradución tamén se sumou a estas iniciativas: a canguesa Rinoceronte, baixo a denominación #RinoplanDeContinxencia, cargou na súa web de libre acceso o título O Parnaso sobre rodas, de Christopher Morley, traducido por Estela Villar e o audiolibro O ano do xardineiro, do escritor checo Karel Capek.
Cómpre non esquecer iniciativas particulares como a de Francisco Castro, que ofrece na súa páxina persoal o primeiro capítulo da súa novela Tantos anos de silencio; a que impulsou Diego Giráldez baixo a etiqueta #CorentenaLiteraria que agrupa un bo grupo de voces contemporáneas que len na rede un capítulo ou un fragmento da súa obra. A estas súmanse propostas como a do Colectivo de Narración Oral de Galicia, que ofrece unha substanciosa #Pandemiadecontos ou a do Festival Atlántica, O Conto non para, con relatos orais verdadeiramente suxestivos.
Exemplos todos os citados, e outros que quedan fóra, do compromiso solidario e xeneroso de institucións, particulares e empresas editoras a prol de encher de recursos culturais e literarios esta corentena.”

Arantza Portabales le un texto de Beleza vermella

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Arantza Portabales dun fragmento de Beleza vermella, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Para levar mellor este “euquedonacasa” nace Pandemia de Contos

Desde Nós Diario:
“Pandemia? Si, mais de contos! Esa é a proposta virtual que desde o colectivo NOGA, antes Narración Oral Galega, botaron a andar para vivir en positivo estes días de illamento. Caxoto, Cris de Caldas, Brais das Hortas ou Atenea García saltan así a Youtube para compartir con todas unha sorte de narracións. Gostamos da idea e para matar a curiosidade falamos un chisco con Atenea García, contadora profesional e unha das artistas que podemos ver na canle Pandemia de Contos.
– Nós Diario (ND): Cóntenos como botou a andar o colectivo NOGA?
– Atenea García (AG): O colectivo NOGA, que nun principio se chamaba Narración Oral Galega, nace ao decatármonos de que a maioría das profesionais das artes escénicas estaban ben demarcadas -pénsese en bailarinas, actrices etc.-, mais as narradoras non. De momento somos un colectivo informal, non temos unha identidade xurídica, mais á hora da verdade si que está funcionando como rede de apoio, con varias liñas de traballo abertas e ben definidas. Por exemplo, traballamos a profesionalización do sector; realizamos o Encontro de Mondoñedo, que naceu en 2019 e do que este ano celebramos a segunda edición para compartir inquedanzas ou problemáticas; e, por outra parte, levamos adiante algunha proposta vinculada coa formación como contadoras para seguir mellorando.
– ND: E a Pandemia de Contos, como agromou a idea?
– AG: No momento no que se declarou o estado de alarma e nos puxemos en corentena, as persoas que facemos parte das artes escénicas, en xeral, fomos as primeiras nas que xurdiu o impacto. O Festival Atlántica, por exemplo, que se inaugurou na cuarta feira, tivo que solventar moitísimos problemas, e, a raíz de aí creamos un grupo de coidados, para darlle hospedaxe ás persoas que viñan convidadas doutros países, desde o Brasil, Estremadura… Á parte, tamén creamos un grupo de reivindicacións, desde o punto de vista laboral, para solicitar axudas, no que están traballando Charo Pita e Lois Pérez. Así, outra das iniciativas foi a Pandemia de Contos para ofrecer contido como colectivo, de calidade… Naceu dese ímpeto e desas ganas de ofrecer o que facemos para estar tamén presentes nun momento tan complicado coma este. Somos moita xente e hai que coidar o repertorio de cada quen, mais darlle contido á sociedade da que formamos parte para devolverlle un pouco do que nos inspiran tamén é moi bonito e necesario. Debemos ser conscientes de que a cultura ten o seu valor. En xeral foi como moi complicado contarllo a unha cámara porque estamos acostumadas a mirar a xente aos ollos. Foi curioso colocarse nese lugar como contador. Mais está sendo bonito porque chegan vídeos de persoas coñecidas e tamén descoñecidas, a xente é moi agradecida e si que sentimos que se está valorando o traballo das contadoras no tecido social.
– ND: Nese sentido, como está a vivir esta situación?
– AG: Non somos médicas, mais agradecemos que se recoñeza ese traballo, queremos saír adiante do mellor xeito posíbel. A título persoal, creo que estamos a vivir nunha época na que prima o colectivo, mais cando un sector é por si precario, e as artes en xeral son as que sofren máis, vai ser tamén o que máis resentido se vexa. As autoridades terán que poñer oídos e comezar a escoitar, ver o que nós propoñemos e nós coñecer o que elas propoñan. Onte saíron xa as medidas por parte da Agadic, e por agora freáronse as contratacións que estaban abertas. O que me chega é que desde os concellos continúan traballando desde a casa, mais claro, hai datas que, por axenda, son imposíbeis de adiar. Que manteñan o compromiso coas actuacións que estaban pechadas, e se non se pode ou non dá tempo en 2020, que sexan en 2021… Debemos facer forza conxunta. O nivel de precariedade vai en función tamén do que xa tiñamos desde a propia base. No que respecta á Pandemia de Contos, de momento non sabemos se o material ficará en aberto -aínda non se falou-, mais imaxino que si. As contadoras traballamos moito con normalización e, desde ese punto de vista, o colectivo NOGA ten un compromiso coa lingua. Aínda que non temos entidade xurídica ou estatutos, si mantemos uns mínimos, e un deles é que as persoas que formen parte do NOGA deben contar en galego. A lingua é un vehículo para nós, a palabra é o primordial.”

O Salón do Libro retoma a súa actividade adoptando un formato virtual

Desde o Concello de Pontevedra:
“Logo de pechar as portas o pasado xoves 12 por mor do Coronavirus, a organización atopou unha alternativa para favorecer tanto á cativada como ao sector cultural.
A partir do 17 de marzo e nas próximas semanas o Salón compartirá no seu Facebook, Instagram e web diferentes contidos: expos virtuais, contacontos e obradoiros.
As publicacións terán lugar cara ás 12:00 h. ou 12:30 h. pola mañá e 17:30 h. ou 18:00 h. pola tarde
Logo de case un ano de traballo tanto por parte da propia organización como dos centros escolares colaboradores – que elaboran traballos relacionados co tema – o Salón pechou apenas 6 días despois de abrir as súas portas por mor do COVID19. Quedaron pendentes unha chea de actividades da programación por levar a cabo e tamén unha morea de centros, familias e cativos por visitalo.
As circunstancias fan imposible a reapertura noutras datas máis, dende o propio día do peche, a organización traballou a reo para atopar unha solución que permitira por unha parte facer máis levadeira a situación actual á cativada confinada nas súas casa e por outra, paliar na medida do posible o impacto que está a ter no sector cultural onde se están a cancelar a meirande parte das activiades programadas nas próximas semanas/meses.
A resposta á proposta realizada tanto aos contadores, compañías, etc. como ao propio monitorado do Salón foi moi positiva e unha gran parte da programación prevista para este XXI Salón do Libro “O humor” adaptará o seu formato – cunhas condicións ténicas mínimas e respectando desa maneira os contratos asinados – para poder ser difundida a través das canles do Salón (redes, web, etc.) e así os máis pequenos e pequenas da casa poderán gozar de contacontos, obradoiros ou visitas virtuais aos espazos.
A falta da resposta de outras persoas contactadas, neste momento están confirmadas a participación de Tamara Andrés, Soledad Felloza, Polo Correo do Vento, Reviravolta, Pakolas, Pablo Díaz, “Magia en la manga”, Asociación Mater Lingua, María Faltri e Jorge Juncal, Leucoíña, Fantoches Baj, “A xanela do maxín” ou 7H cooperativa.
Sobre outros espectáculos de maior formato que non poden ser adaptados, estanse a valorar opcións.”

Emma Pedreira le un fragmento de Bibliópatas e fobólogos

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Emma Pedreira dun fragmento de Bibliópatas e fobólogos, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

A Xunta propón unha programación de lecer cultural para toda a familia no eido dixital coa campaña #aculturasegue

Desde a Xunta de Galicia:
“A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que a Xunta convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.
A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais, prestarase atención individual ás próximas datas conmemorativas, comezando polo Día Mundial da Poesía, que se celebrou o 21 de marzo, continuando polo Día do Teatro (27 de marzo) e seguindo polo Día das Artes Galegas (1 de abril) e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril).
As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continuará a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico da bibliotecas públicas galegas. A través desta pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.
En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.
Os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.
Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.
Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros estar afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.
Neste sentido, e como novidade para todas as persoas curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
Visitar o noso patrimonio sobranceiro e coñecer a maxia dos nosos mosteiros e catedrais a través dunhas visitas virtuais 360º é tamén unha boa opción de lecer coa que desfrutar coñecendo un pouco mellor o noso legado. Un patrimonio cultural e natural que pode ser explorado tamén a través da canle de YouTube de Turismo de Galicia. E aínda que as Rutas Xacobeas non se poidan percorrer neste momento é posible recordar o gran valor cultural e os tesouros que gardan no seu seo desde as nosas casas con recursos como os presentes no web do Camiño de Santiago.
Este é un momento propicio para coñecer o pasado e o futuro do audiovisual galego e visionar documentos que nos revelan aspectos pouco coñecidos de Galicia e a súa cultura, pero de gran interese. Son materiais audiovisuais históricos que foron recuperados polo CGAI como as imaxes de Castelao en Bos Aires de Eligio González (1972), o filme Un viaxe por Galicia de Manuel Aríns (1958) ou as vistas de Vigo e arredores gravadas por un afeccionado danés en 1926, entre outros.
E, do pasado, trasladámonos ao futuro do audiovisual visionando os traballos de Cinema en curso, un programa destinado a alumnos de entre 6 e 18 anos de pedagoxía do cine, que busca achegar a mocidade ao cine como arte, creación e cultura, e explorar as potencias didácticas da creación cinematográfica.
Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos
Así mesmo, hai abondosos audiovisuais e recursos dispoñibles no portal que se poden empregar para un mellor coñecemento e uso da lingua galega, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.
A Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de coñecer dixitalmente e de xeito virtual a mostra Galicia un relato no mundo. Como novidade, ofreceranse oito novos clips de guías nos que se explicarán pezas da exposición e historias relacionadas coa mesma, afastadas das pezas estrela máis coñecido. En concreto, as pezas audiovisuais estarán dedicadas ao Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en Galicia, a emigración galega a América: o Cap Norte, as conexións con Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e cultural da emigración.
Ademais, a Cidade da Cultura pon ao dispor de todo o mundo outros materiais audiovisuais de gran interese na súa canle de YouTube, así como a través das súas distintas redes sociais.”

Francisco Castro le un fragmento de Tantos anos de silencio

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Francisco Castro dun fragmento da súa obra Tantos anos de silencio, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.