Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro 2025

Este foi o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro, que tivo lugar o sábado 22 de febreiro en Compostela. Pode descargarse aquí.

“Amigas e amigos representantes das institucións políticas sociais, académicas e culturais.

Permitídenos, en primeiro lugar, agradecer a vosa presenza hoxe aquí.
Saudamos tamén a creación da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o seu Padroado. É de suma importancia que este lugar teña o status necesario para seren honrados, coa dignidade que lles corresponde, aqueles e aquela que tiveron Galiza e o pobo galego como razón de ser e viver, nomeadamente Rosalía de Castro, que hoxe aquí nos reúne.
Este lugar vai chanzo a chanzo acadando a súa laicidade no seu uso público. Pensamos que hai arquitecturas que constitúen os símbolos nacionais dun pobo, dunha cultura, e deben ser os galegos e as galegas quen exerzan a súa soberanía sobre eles.
Mañá, 23 de febreiro, é o día de Rosalía. Vimos convocados por ela, acollidos á súa sombra protectora, neste ano que a data ten unha dimensión fulcral, por tratarse dun día que proxectará os días futuros.
Nos momentos máis difíciles para a nosa lingua, ante a perigosa caída no seu uso, ante a diminución en séculos do número de galegofalantes, ela, Rosalía, ten alimentado e seguirá alimentando non só a nosa identidade, tamén a esperanza liberadora, como fillos e fillas desta terra na que reclinamos os soños.
Somos os seres humanos que desde este lugar, desde esta terra, construímos os destinos da humanidade.
Curros escribiu a Rosalía un dos poemas de máis alta pulsión lírica na literatura universal. Nel púxolle a estrela que leva na fronte. A estrela que Castelao leva nas maos como o remol dunha fogueira que ilumina os designios desta terra para que poidamos nacer, viver, amar en galego. Neste idioma que eu lles estou a falar e que se sostén sobre o eco de todos e cada un dos corenta avós dos que nos falou Luís Seoane, avós que, desde o primeiro deles, tiñan estabelecido parentesco cos deuses.
A nosa fala sustenta, precisamente, as Letras Galegas do 2025. Publicamos un Manifesto desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG (o 8 de novembro de 2024) no que damos noticia de que honraremos a nosa oralidade: “recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas”. Honrala supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país.
Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a Real Academia Galega personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en tres figuras:
– A muller, na persoa de Eva Castiñeira, de Muxía,
– A complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda,
– E a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá aldea de Mens, representada por Prudencia e Asunción Garrido, e Manuela Lema.
A oralidade das pandeireteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e da lingua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza.
Sentimos orgullo de sermos herdeiros e herdeiras da coralidade, das que foron parte da cadea de transmisión oral, porque todas elas contribuíron ao legado deste enorme patrimonio inmaterial que son as cantigas tradicionais e populares.
Implicitamente estas mulleres legáronnos a través do verso rápido e da lingua viva o seu xeito de construír comunidade a través da palabra.
Utilizamos igualmente a palabra para sinalar “aos que non nos aman”, que dicía Bernardino Graña; el foi o noso primeiro presidente fundador. As súas cinzas moran xa nos areais de Cangas (“Se morro, xa sabedes, deixádesme en Rodeira, no areeiro de Cangas, xunto ao mar”), e ese mandato foi cumprido hai poucas semanas.
Precisamos poder deter o ataque espurio ao corpo mortal da nosa terra.
Á eucaliptización depredadora e á contaminación empobrecedora da celulosa xa existente súmase esa bomba de destrución denominada ALTRI, que será causante de deforestación das especies autóctonas que desertizarán aínda máis a nosa terra, se non a paramos.
Os bosques, soutos e fragas acolleron as pregarias dos antigos, como oracións. Hoxe son continuas as agresións a necrópoles megalíticas, xacementos prehistóricos e monumentos funerarios dos antigos moradores desta terra. Nos cumes dos montes e serras colocan parques eólicos con aeroxeradores que matan as aves protexidas e feren a paisaxe.
50 explotacións mineiras ameazan a vida dos ríos e poñen en perigo a riqueza das nosas rías, podendo deixar sen postos de traballo a moitas mulleres e homes que se dedican ao marisqueo.
Téñense posto en marcha ao longo dos anos as máis diversas e sutís formas de agresión contra a nosa lingua, desde o acoso ao maltrato. Mais hai unha forma de agresión que se exerce contra quen a falamos e a amamos: quérennos ver doridos, mancados, vendo que somos unha xeración á que lle está a ser roubado o idioma que herdamos dos nosos avós.
Sen querer amortecer o significado da violencia vicaria, a violencia máis cruel exercida en contra das mulleres, atopamos un paralelismo na xorda e invisíbel violencia vicaria contra o noso idioma que ten por obxectivo ferir, humillar, alimentar o autoodio entre os falantes e promover a dependencia do que nos é alleo. Téntase que sexamos humanamente derrotados. Téntase humillar a aqueles e aquelas que facemos do galego a nosa bandeira de identidade, queren que sexamos desposuídos dela.
Estamos a ver que non se trata só de canta porcentaxe de galego fica no ensino, nin de como sexa falada a nosa lingua: trátase de que non se fale, de que se extinga. Nin no parlamento español, nin no europeo, nin na Radiotelevisión galega. Búscase que o galego non exista.
Vemos o caso dos dous representantes no parlamento europeo que votan contra o uso do galego para que non se fale nesa mesma Europa que o pobo galego, que a lingua galega, en palabras de Goethe, axudou a construír. Son palabras insculpidas aquí perto nas rúas de Compostela:
“A Europa que se construíu viaxando cara Compostela”.
Que corazón de ferro hai que ter para negar a todo un pobo a parte fulcral da súa identidade, o merecido prestixio de ser un dos idiomas cuxas capas máis profundas sedimentaron ao longo de milenios.
Presenciarmos o xenocidio palestino está a ser insoportabelmente doloroso. Ao mesmo tempo fainos crer na fortaleza do ser humano. Desa forza dános testemuña o pobo palestino de Gaza.
Mentres os centos de miles de gazatís regresaban ao norte de Gaza nunha imaxe de dimensións bíblicas, cantaron e choraron lágrimas de esperanza. Recitaron poesía cun orgullo desafiante: non van permitir ser expulsos da súa terra.
Conmovidos, somos conscientes de estarmos a presenciar un momento histórico para os pobos sometidos do mundo.
Nenos orfos levando ás costas outros nenos orfos. Entre eles, unha nena de 11 ou 12 anos canta con orgullo:

“Miña terra,
Meu querido país, a fermosa Gaza,
A terra é nosa.
A historia é nosa.
As raíces son nosas.
A paz sexa connosco.
Con todo o que temos soportado,
Si, somos o pobo de Gaza.
Deus é grande,
Miña terra natal,
Gaza,
a terra do meu corazón.”

Así Rosalía, a poeta que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, aos que maltratan unha cultura, un idioma, diríalles:

“Tedes o corazón de ferro!””

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Bonaval, 22 de febreiro de 2025

As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025

Desde a Real Academia Galega:
“Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.
“A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.
Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular conseguiu chegar cheo de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. (…)”