Agustín Fernández Paz: “O desexo de ler, o oficio de escribir”

Entrevista de Ramón Nicolás a Agustín Fernández Paz en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Rendéuselle unha emocionante e multitudinaria homenaxe hai uns meses en Vigo. Como xulga este recoñecemento?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Foi unha demostración de cariño -seguramente, excesiva- por parte dos meus amigos e amigas. «Escribo para que me queiran máis», afirmou García Márquez nalgunha entrevista; unhas palabras que agora comprendo moi ben, aínda que a miña obsesión pola escritura teña outras orixes. Para min, foi conmovedor recibir o afecto explícito de tantas persoas. Nunca o esquecerei.
– RN: En Non hai noite tan longa, a súa primeira novela especificamente para adultos, hai moito de memoria persoal e colectiva….
– AFP: Aínda que adopte a estrutura de thriller, cunha trama que busca engaiolar ao lector, esta novela responde a un axuste de contas coa España da etapa final da ditadura, a dos anos de xuventude da miña xeración. Un repaso á mentira, á represión, á crueldade, á inxustiza, á diferenza de clases… dunha etapa que tende a xulgarse de forma benévola. Benévolos aqueles anos, que culminan coas execucións de setembro do 75? Que estafa!
– RN: En Fantasmas de luz hai unha mirada crítica ao noso tempo…, talvez máis necesaria que nunca?
– AFP: Ademais dunha imprescindible homenaxe ao cine, tan importante na miña formación, neste libro abordo a inxustiza e a voracidade do sistema capitalista no que vivimos. Damián, un proxeccionista de cabina que queda no paro ao pechar o cine onde traballaba, e Marga, a súa muller, tamén desempregada, vanse facendo cada vez máis transparentes. Algo que vemos a diario nesta sociedade, que segrega e invisibiliza ás persoas máis débiles, como acontecía en As uvas da ira de John Ford, unha das referencias do libro. Introducir un elemento fantástico nun contexto realista, axúdame a falar con maior hondura da realidade.
– RN: Ten a punto de publicarse O rastro que deixamos
– AFP: Creo que o título -tomado dunha novela magnífica de Siri Hustvedt, Todo canto amei– reflicte ben o contido do libro. Nel repaso, con moitos elementos autobiográficos, algunhas facetas da miña vida e da da miña xeración: un percorrido polas paisaxes da memoria e pola miña educación sentimental, que diría Vázquez Montalbán. Ao tempo, como ler e escribir son indisociables como as dúas caras dunha moeda, falo do desexo de ler e do oficio de escribir, dúas facetas moi importantes na miña vida.
– RN: Algún proxecto narrativo entre mans?
– AFP: Durante os últimos meses, estiven a documentarme sobre a vida na España dos anos sesenta e, ao tempo, sobre a carreira espacial que se inicia co Spútnik e remata co Apolo XI. Ese será o marco no que se desenvolverá a miña próxima novela.”

Coñécense os finalistas da 9ª edición do Premio Literario Martín Sarmiento

Déronse a coñecer os finalistas da novena edición do Premio Literario Martín Sarmiento:

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
– María Solar: Vou ter un irmán!!!, Galaxia.
– Pinto & Chinto: A maceira que daba calquera cousa menos mazás, Everest.
– Manuel Guisande: Rodribico e a noite, Baía.

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
– Silvestre Gómez Xurxo: Ti non xogas!, Xerais.
Antón Cortizas: Rosalía e os equinodermos, Tambre.

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
– Anxo Fariña: A chave da Atlántida, Xerais.
– Abraham Carreiro: Xoeliki, Sotelo Blanco.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Ledicia Costas e Pere Tobaruela: Mortos de ningures, Everest.
Agustín Fernández Paz: Fantasmas de luz, Xerais.

5ª categoría: 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
– Carlos Laredo Verdejo: Lena e o lobishome, Tambre.
Xosé Henrique Rivadulla Corcón: O noso amor será eterno, Xerais.

6ª categoría: adultos:
Manuel Rivas: Todo é silencio, Xerais.
Antón Riveiro Coello: Laura no deserto, Galaxia.

Vigo: presentación de Sete de Biblos

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno), preséntase o libro Sete de Biblos, obra que recolle cadanseu relato das cinco autoras e dous autores que gañaron as primeiras edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia: Iria López Teijeiro, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García Martínez, Elena Veiga e Iria Morgade. O acto, ao que asistirán a maioría dos autores, será presentado por Agustín Fernández Paz e Tucho Calvo.

Gálix anuncia que nomeará a Agustín Fernández Paz socio de honra da asociación

Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil anuncioulles hoxe aos seus socios que procederá a nomear ao escritor Agustín Fernández Paz socio de honra: «Un ano máis, e como xa fixemos o anterior, imos proceder á distinción de socio de honra de Gálix dun membro da nosa asociación cuxos méritos sexan indiscutibles e sobrados. Se o ano pasado o premio recaía na figura de Xosé Neira Vilas, este ano homenaxeamos a Agustín Fernández Paz, un dos nosos autores máis sobranceiros e sen o que a LIX galega, definitivamente, non sería hoxe a que é». A cerimonia do nomeamento terá lugar o vindeiro 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo e nela participarán numerosos estudantes lectores da obra de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.

Agustín Fernández Paz leva o XI Premio Ramón Piñeiro Facer País

“O XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que convocan catorce asociacións e entidades da comarca de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para Agustín Fernández Paz. Segundo sinalaron os representantes do galardón, Fernández Paz foi escolleito por sucesivas votacións das asociacións convocantes entre 45 candidatos. Para alén dos seus amplos méritos literarios, entre os que a organización destaca a súa recoñecida contribución á literatura infantil e xuvenil, o xurado tivo en conta “o seu decidido compromiso con Galicia e a lingua galega” e apuntou “a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza” eu o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos”. Na presentación do galardón, Carlos López Sierra, secretario da Asociación Val de Láncara lembrou a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que levaran cadanseu galardón e que faleceron no último ano. O acto de entrega celebrarase o vindeiro outono, en data aínda por determinar, en Láncara.” Desde Cultura Galega.

Agustín Fernández Paz fala por vez primeira sobre O rastro que deixamos

“Coincidindo coa súa presenza o 6 de agosto de 2012 na Feira do Libro da Coruña, Agustín Fernández Paz fala do seu novo libro, O rastro que deixamos, que publicará Xerais na súa serie Crónica o vindeiro mes de outubro. Na entrevista Agustín define O rastro que deixamos como “un libro que está escrito cos fíos da vida sen tinguilos coas cores da ficción porque é un libro cunha carga autobiográfica moi grande”. Continúa dicindo que “recolle algúns textos que xa publicara en lugares dispersos e outros inéditos que abordan dous aspectos: un deles cuestións relacionadas coa miña biografía e outro reflexións sobre o traballo de escritor. Aquí está a memoria da infancia, a memoria da descuberta da literatura, do cine e dos cómics, a Vilalba dos anos 50 e 60″. Despois de agradecer o traballo de edición dos textos realizado por Isabel Soto, Agustín explica que o título está tirado dunha frase que aparece na novela Todo canto amei de Siri Hustvedt, a muller de Paul Auster, “que fai referencia a que os libros que imos publicando son como rastro de pedriñas que deixaron Hansel e Gretel”.” Vía Xerais.

A Coruña: actividades destacadas do luns 6 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do luns 6 de agosto son:

19:00 h.: Presentación de Os cogomelos na cociña e outras cousas, de Pedro Roca e Xosé Manuel Fernández Costas, publicado por Baía. No acto participan, xunto aos autores, Paco Bernabeu e Belén López.
19:30 h.: Sinatura de exemplares de Agustín Fernández Paz.
20:00 h.: Presentación Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
20:45 h.:Presentación Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais. Participan: Sergio Zearreta, Manuel Bragado e o autor.
21:15 h.: Presentación Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.