Guadalajara, México: Vinte editoriais galegas expoñen libros na FIL

“As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez. A FIL comeza o 27 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición. Desprázanse a Guadalajara: Francisco Villegas, de Cumio e Ellago; Benigno Paz, de KNS Ediciones; Ainhoa A. Borrás e Pedro López, de Ideas Propias, Atanasio Murillo e Manuel Conde, de Editorial Supérate; Xosé Ballesteros, de Kalandraka; Xosé Manuel Figueiras, de Distribucións Arnoia e Victor Cando de Librerías Nobel; Manuel Bragado, de Edicións Xerais e a secretaría técnica da AGE.  Dende a Consellería de Cultura desprázase o Director Xeral do Libro, Francisco López. Amosan os seus libros e novidades editoriais, Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librerías Nobel.
Programa de actividades na FIL
O 27 e 28 de novembro a AGE manterá diversas xuntanzas con editores e axentes mexicanos. O 29 de novembro entrégaselle a Agustín Fernández Paz o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Está previsto que asistan o  Presidente da AGE e o Director Xeral do Libro. O programa Ecos de la FIL, consistente na presentación dos autores e as súas obras a colectivos educativos, contempla a participación de Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, o día 30 de novembro na Asociación de Clubs de Lectura e na Escola Secundaria nº24. O día 2 de decembro estarán en na Sala de Lectura de Colima e no Colexio Alpes Cumbres. Ese mesmo día participará tamén en  Ecos de la FIL o autor premiado, concretamente na Preparatoria nº 2. Aneiros presentará a Fernández Paz na actividade El placer de la lectura, que terá lugar o día 30 de novembro. O día 1 de decembro os autores participarán nun encntro con nenos indíxenas da Serra de Durango, xunto á xornalista mexicana Lidya Cacho. Ese mesmo día e ás 6 da tarde, terá lugar Voces de Galicia, unha presentación da literatura galega na FIL.” Vía AGE.

Unha decena de empresas reciben axudas para os seus proxectos editoriais

“As receitas da cociña da familia de Cunqueiro (Elvira González-Seco), o Dicionario Lois Pereiro (María Xesús Nogueira) ou as traducións ao galego de textos de Flann O´Brien (A boca Pobre e A vida dura) son algúns dos títulos polos que varias empresas galegas recibiron axudas do Ministerio de Cultura. Trátase da liña de subvencións para o fomento da edición de libros e a súa distribución en bibliotecas públicas, correspondentes ao ano 2011 que hoxe sae publicado no BOE. No listado tamén hai autores como Agustín Fernández Paz (con Mals temps per a fantasmes a cargo de Edicións Bromera ou Fantasmas de luz editado por Grupo Anaya) publicados por editoras non galegas.” Vía Cultura Galega.

Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura

O martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.

Entrevista a Agustín Fernández Paz en A voz de Vilalba

A revista A voz de Vilalba do mes de setembro publica unha longa entrevista con Agustín Fernández Paz na que se repasa a concesión do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil e a publicación da súa novela Non hai noite tan longa, pero tamén a situación da lingua galega, a presenza da literatura no ensino… entre outras moitas cuestións. A entrevista comeza cunha pregunta de Mario Paz González, o entrevistador, sobre a presenza de referencias a outros xéneros como o fantástico ou a novela negra en Non hai noite tan longa, ao que o escritor responde que “o da novela negra foi premeditado. Eu son, desde hai moitos anos, un bo lector dese tipo de novela na que, aproveitando unha historia, faise unha análise crítica da sociedade. Ademais, pra contar algo, non hai mellores tramas que as da novela negra, pois dun capítulo vanche levano ao outro, ata o final. O elemento fantástico é unha especie de marca da casa”. (…) A revista pódese descargar e ler a entrevista completa aquí.” Vía Xerais.

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radio 5

Desde o blog de Galix:
“Deixamos aquí o link á entrevista en Radio 5 que lle fixeron o pasado 26 de setembro ao noso querido Agustín Fernández Paz. Fala sobre a súa experiencia como docente, sobre a súa intención de mudar o mundo a través da educación, sobre o oficio de escritor, a paixón de crear… É un luxo escoitalo“.

‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’

“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.

Agustín Fernández Paz: “Se aquí lemos novela islandesa, tamén a nós nos poden ler fóra”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se convence a un neno rodeado de pantallas para que se concentre nun libro?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Hoxe as casas están inundadas de pantallas, pero ao seu carón están os libros. Aos rapaces que son bos lectores encántalles o cine e Internet. Antes o libro ocupaba un papel central e agora foi desprazado. Pero a lectura segue sendo fundamental para unha sociedade democrática e para crear cidadáns libres e críticos para ler no soporte que sexa. (…)
– LVG: ¿Os seus premios proban que escribir en galego non é un límite?
– AFP: Iso téñoo claro desde os primeiros libros. Cando un escritor traballa o centro do mundo está no seu cuarto, calquera que sexa a lingua que empregue. Despois están as cuestións sociolóxicas. Se aquí lemos novela islandesa, un país cos habitantes de Vigo, ou a Murakami, que escribe en xaponés, tamén a nós nos poden ler fóra. É precisa unha política de fomento da cultura propia no exterior e os escritores galegos estamos desasistidos.
– LVG: A literatura infantil galega xa ten un prestixio propio.
– AFP: Porque fomos furando e facendo o que podiamos para que nos coñecesen, presentando textos a todos os certames que admitían orixinais en galego”.

Agustín Fernández Paz gaña o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil

‘”Polo seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega”, Agustín Fernández Paz é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalaxara. Nacido en Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano. O xurado que lle outorgou o premio estivo integrado polos escritores e académicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, quen destacaron do autor “a súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas” e o feito de que “constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”. Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalaxara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat do Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach. A entrega do VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil será o martes 29 de novembro en Guadalajara.’ Vía Galaxia. Tamén reseñado en Cultura Galega, Xerais, Baía, AGE, Galiciaé, La Voz de Galicia, La Opinión, El País (Galicia), Xornal, Galicia Hoxe, Portal Galego da Língua e Mesa pola Normalización Lingüística.

‘Homenaxe a Agustín Fernández Paz’, desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe, de Gondomar

“Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz, do IES Auga da Laxe, deixámosvos aquí este vídeo co que lle queremos facer unha pequena homenaxe á obra do escritor que lle dá nome á nosa biblioteca. En febreiro de 2010 convocamos no instituto o concurso Memoria de elefante. Durante máis de un mes os títulos das obras de Agustín estiveron colgados do patio interior nuns carteis realizados polo alumnado de 1º, 3º e 4º de ESO, grazas á colaboración do profesorado do departamento de Ed. Plástica, e propuxémoslle ao alumnado un reto: que os memorizase por orde de publicación e os recitase logo nun acto final. As gañadoras daquel xogo foron María Pena, Marta Fernández e Sandra Salgueiro, que demostraron unha capacidade memorística impresionante ao recitar cos ollos pechados os 44 títulos que naquel momento formaban a obra literaria de Agustín Fernández Paz. Daquel xogo naceu este vídeo que esperamos que vos guste.” Desde Bibliolaxe, a Biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar:

A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

– 19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
– 20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
– 20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.