Allariz: I Festival do Poemagosto

Poemagosto

Verónica Martínez e Alberte Momán: “Falamos do aborto con absoluta liberdade, tratando cuestións que tradicionalmente se silencian por incómodas”

Entrevista362-f-foto.png a Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán en Compás da Costa da Morte:
“(…) – Compás da Costa (CC): Gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Esperabades o galardón?
– Verónica Martínez e Alberte Momán (VMAM): A verdade é que non podiamos intuír a concesión do premio polas propias particularidades do libro co que nos presentamos. Para poder ter algunha opción o xurado debía posuír un concepto do erotismo moi aberto e tamén podía ser que non considerasen os textos dentro da catalogación requirida.
– CC: O xurado sostén que se trata dunha proposta literaria “arriscada”. Canto de atrevemento hai no libro?
– VMAM: Consideramos o libro arriscado porque se aborda o tema do aborto con absoluta liberdade, tratando cuestións que tradicionalmente se silencian por incómodas, así como o propio deterioro intencionado da Sanidade, para facer desta unha simple mercadoría. (…)
– CC: Por outra parte, a poesía erótica segue a ser un xénero minoritario na sociedade. Credes que son necesarias máis iniciativas como a de Malpica?
– VMAM: O erotismo é tan minoritario como o son as coplas de tradición oral. Non podemos esquecer que temos unha historia marcada pola expresión do erotismo en diferentes formas. Para a cultura audiovisual isto é unha ferramenta empregada até a extenuación. Neste último caso, falamos dun erotismo reaccionario utilizado, maioritariamente, para perpetuar estereotipos de xénero. O que fai falta é un erotismo que rache esas dinámicas. Neste sentido, premios como o que convoca a Asociación Caldeirón xunto co concello de Malpica, son un recurso fundamental.”

O episodio, de Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde362-f-foto.png o Concello de Malpica e Sermos Galiza:
Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado son os gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica polo poemario O episodio. O xurado deu a coñecer o fallo na Cea das Letras celebrada o sábado 8 de novembro no restaurante A Cunca, de Buño, na que tamén se presentaron as obras premiadas na pasada edición, xa publicadas. (…) Nesta ocasión Alberte Momán e Verónica Martínez escribiron a catro mans a obra seleccionada polo xurado entre as 24 presentadas, unha proposta literaria “arriscada”, segundo os privilexiados membros do xurado. O resto do público terá que esperar para opinar a que vexa a luz dentro dun ano. (…)”

Lugo: recital-presentación de Tántalo e Moralla, de Yolanda López

O venres 20 de xuño, ás 19:15 horas, na Libraría Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1, Local 4), terá lugar a presentación dos poemarios Tántalo e Moralla, de Yolanda López. No acto participan, ademais da autora, María José Fernández López, Luís Valle, Alberte Momán, Verónica Martínez Delgado, Iria López López e Ramón González (Factoría Ronsel), acompañados pola guitarra e o oboe de Saleta Rei e Josito Pérez Afonso.

Carmen Caramés gaña o XVII Premio de Poesía Johán Carballeira

Desde o Concello de Bueu:
“O sábado 3 de maio de 2014, ás 11:30 horas, reúnese o xurado do XVII Premio de Poesía Johán Carballeira, constituído por Marta Dacosta Alonso, Miriam Ferradáns Ferradás e Alberte Momán Noval. Tras o pertinente debate resolveu declarar gañador por unanimidade o traballo Dos días escuros de Mª Carmen Caramés Gorgal.
O xurado destacou a capacidade para retratar unha situación tan difícil como a dos malos tratos e que isto se faga cunha linguaxe poética tan acertada, mediante a utilización de imaxes moi potentes e un ton que engancha á lectora e ao lector e fai devecer pola lectura da páxina seguinte. Cabe destacar tamén a unidade do conxunto e a capacidade de secuenciación creando un itinerario que vai adquirindo intensidade até acadar o punto final que nos conduce directamente á realidade.”

Vigo: Recital de Poesía Figurante, con Verónica Martínez Delgado, Eli Ríos e Marta Dacosta

O venres 11 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, terá lugar un Recital de Poesía Figurante. No acto, presentado por Alberte Momán, participan Verónica Martínez Delgado recitando poemas de Lusocuria, Eli Ríos de Maria e Marta Dacosta Alonso de Argola.

Alberte Momán: “A miña obra é unha crónica literaria do noso tempo”

Entrevista de Carme Vidal a Alberte Momán en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Por que sendo responsábel dunha editorial publica este novo libro [A baba, a incontinencia e o can de Paulov] con Sermos Galiza en formato epub?
– Alberte Momán (AM): Tiña posibilidade de publicalo con O Figurante mais non son partidario de montar un selo para editar os meus libros. A creación da editorial tiña como obxectivo dar oportunidade a outras persoas que teñen dificultades de visibilización nun momento de grandes recortes no eido da cultura. O selo ten, entre outras funcións, o de darlle valor engadido a unha obra e se eu me publicase a min mesmo non estaría a pasar ningún filtro previo. En literatura, compre ter rigor, se a min me publica outra editorial significa que alguén o aceptou, que pasou ese filtro necesario. (…)
– SG: Despois dese proceso previo, prolongado, de reflexión, como nace un libro de narrativa, poesía ou ensaio?
– AM: Vexo a literatura como un eido de experimentación, no que estou probando constantemente. Todos os libros teñen parte biográfica e parte de creación mais toda a miña obra camiña por un campos comúns, con distintos protagonistas e diversas perspectivas, pero en relación. Ao meu ver, un ensaio forma parte da literatura e, por outra parte, eu collo elementos da poesía para aplicar á narrativa. En moitos momentos, os parágrafos da narrativa son prosa poética, con imaxes moi cinematográficas e intensas, por veces mesmo en exceso concentradas, como me teñen dito. Concibo a literatura como ese campo de experimentación, cando a pulsión me xorde. Teño tamén moitos textos que sei que non vou publicar nunca porque son resultado dunha pulsión errada e tampouco son partidario de revisalas. Son resultado dese momento tan intenso e así quedan.
– SG: Pode identificar eses “campos comúns” da súa obra?
– AM: Un, principal, é a súa condición abertamente política, desde unha perspectiva de esquerdas e moi significada co contexto deste país. Tento mostrar sempre dentro dese campo da política o meu ideario e as contradicións que se dan na sociedade actual. A ideoloxía pasou de ser algo fundamental nos partidos a ser un lastre do que se hai que desfacer. Quen se denomina marxista leninista ten xa un problema. Mostrar as propias contradicións que se están a dar é unha teima na miña obra. Tamén abordo a influencia disto nas relación sociais, desde o punto de vista da parella ou dos individuos co entorno. Aparecen sempre vistas desde a perspectiva ideolóxica. Tamén identificaría o tema erótico, romper co silencio e non só co sexo, que hoxe está asimilado, senón desfacerse dos clixés machistas e de moral perversa que a igrexa católica botou sobre nós. Loitar contra esa moral e contra nós mesmos é outra das teimas que aparece desde o meu primeiro libro O lobo da xente. (…)”