Arquivos da etiqueta: Alberto García Fernández
O director Manuel Lourenzo recibe o galardón Cunqueiriano de Honra
Desde Nós Diario:
“O dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez, recibiu esta terza feira o Premio Cunqueiriano de Honra que outorga o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Un recoñecemento xusto e merecido a Lourenzo, natural da localidade veciña do Valadouro e que acumula unha “ampla traxectoria vital vencellada á dramaturxia e á literatura cunha fonda pegada de Álvaro Cunqueiro“. Ambos os dous, o de Mondoñedo e o de Valadouro, son coñecedores da forza da palabra, escrita ou recitada, e da riqueza do galego.
O incerto señor Don Hamlet, “peza dramática en tres xornadas”, de Álvaro Cunqueiro, resoou esta terza feira no salón de plenos do Concello de Mondoñedo en voz de Manuel Lourenzo, acompañado no recitado por Armando Requeixo, durante a entrega deste premio.
Lourenzo colle así o relevo dun galardón que en edicións anteriores recibiron persoeiros como Víctor Freixanes, Rexina Vega ou César Antonio Molina, entre outros nomes.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, Abel Vigo pronunciou a laudatio do homenaxeado. (…)”
Manuel Lourenzo Pérez recibe en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra
O martes 28 de febreiro o dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2023. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00 h., onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas. Converterase, así, no sétimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2023 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria como cunqueiriólogo do dramaturgo Manuel Lourenzo.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, será Abel Vigo quen pronuncie a laudatio do homenaxeado. (…)