Entrevista
de Alberto Ramos a Alicia Fernández:
“(…) – Praza (P): Falamos dunha libraría e dunha editorial [Chan da Pólvora] que conforman un proxecto conxunto, pero que manteñen a autonomía. Como encaixan as pezas? Como organizan o traballo?
– Alicia Fernández (AF): Procuramos que o traballo sexa asembleario e idílico. Xuntámonos, falamos e consensuamos. Malia todo, queremos que os traballos sexan separados. No caso da editora, lévaa principalmente Antón Lopo. A libraría, pola contra, levámola Eduard e mais eu. Iso non quere dicir que haxa unha separación total definida. Estamos todos pendentes do traballo de cada unha das partes, propoñemos ideas dunha vertente a outra. Por exemplo, Antón tivo moito que ver co local e, loxicamente, Manolo moitísimo coa súa estética. Gonzalo Hermo, pola súa banda, propuxo que fose Antón Blanco o primeiro autor para publicar. Nós tamén participamos nas ideas editoriais, encargámonos de corrección… É dicir, procuramos conservar e diferenciar os traballos, pero implicámonos todos en todo. (…)
– P: Que teñen en mente á hora de crear unha programación?
– AF: Vimos de abrir hai nada e, realmente, non tivemos tempo material de idear a programación. Temos axendadas presentacións e actos, pero a verdade é que tamén se vai construíndo de forma espontánea. É dicir, Elías Portela escoitou falar de Chan da Pólvora, pasou un día por acó, quixo coñecer o local e pregunteille se quería recitar aquí. Pareceulle unha fantástica idea e organizouse axiña. Despois, no campo dos obradoiros gustaríanos desenvolver algún no verán. Non obstante, temos que sentar, pensar, decidir e programar. Cando comece o curso, en setembro, si que queremos ter catro sesións ao mes. Queremos ter obradoiros todos os meses e que realmente haxa movemento. Refírome a obradoiros de escrita creativa, de introdución á poesía para cativos… Penso que hai que cubrir un oco en Santiago, xa que agora mesmo hai pouca oferta de obradoiros de escrita. Este ano houbo algún de Suso de Toro, outro de Olalla Cociña, pero pouca cousa máis… Non é como na Coruña, que ten maior oferta e un público que responde, que vai sempre e encantado. (…)
– P: Que significa para poetas como vostedes, nun sistema no que vivir da literatura é ben complexo e da poesía imposible, converter a poesía no seu mundo laboral?
– AF: Non se pode pedir máis. Facemos o que nos gusta. Vimos de materializar un proxecto que estaba no aire, que se reducía de cando en vez a dicir “Que bonito sería ter unha libraría de poesía”. Meses despois, atopámonos no número 74 da Rúa de San Pedro facendo esta entrevista. Unha loucura, a verdade.”
Arquivos da etiqueta: Alicia Fernández Rodríguez
Entrevista a Alicia Fernández e Eduard Velasco sobre a Libraría Chan da Pólvora
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Abre en Compostela a libraría especializada en poesía Chan da Pólvora. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Crónica videográfica da I Gala do Libro Galego (I)
O
sábado 14 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo lugar a I Gala do Libro Galego, convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Entrega do Premio na categoría de Ensaio (recollen Antía Otero e Dores Tembrás):
– Entrega do Premio na categoría de Tradución (recolle Alejandro Tobar):
– Entrega do Premio na categoría de Proxecto Literario na rede (recolle Fran Alonso):
Subscrición á nova editora Chan da Pólvora
Nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora
Desde
Sermos Galiza:
“Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría.
A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.
A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino.
O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), verá a luz a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.
Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer.
A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación poética e de presentación de libros.
O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez. (…)”
Pontevedra: actividades previstas para o Festival de Poesía Ponte Poética 2016, desde o venres 15
Pontevedra: actividades previstas para o Festival de Poesía Ponte Poética 2016
A asociación Agora participa nun programa de escritura itinerante que organiza COGAMI
Desde
COGAMI:
“COGAMI iniciou un proxecto cultural, EnREDarte, que engloba diferentes disciplinas como a escritura creativa, fotografía artística, pintura, teatro, danza contemporánea e música tradicional, no que van participar máis de 200 persoas con discapacidade e usuarias de entidades e centros que forman parte de COGAMI.
A asociación Agora de Monforte de Lemos é unha destas entidades que participa no programa EnREDarte que iniciou o taller de escritura creativa Palabras Viaxeiras. Este obradoiro, que imparte a poeta e vicepresidenta da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega, Alicia Fernández, é itinerante, a historia iniciou nun centro e vaise ir completando noutros centros doutros concellos. Ata o de agora xa participaron centros de COGAMI de Pontevedra, Arzúa, Silleda e, despois de Monforte, continuará en Ourense.
Cada un destes centros participantes contan con 10 sesións, 7 impartidas por Alicia Fernández e o restante guiadas por unha persoa do centro que, baixo as indicacións da poeta, vai ser a responsable de guiar e asesorar o proceso de creación para que lle dea continuidade o seguinte grupo ata o remate. Nestes talleres trabállanse contos, poemas, trucos e mecanismos para que calquera persoa poida escribir, tanto para ser lidos por outras persoas como tamén para ler para eles mesmos.
Ao final, rematarase esta actividade coa publicación dun conto ou novela breve escrita e ilustrada polas persoas con discapacidade usuarias de distintos centros e entidades que forman COGAMI, e tamén recollerase unha memoria de actividades co fin de poderlle dar continuidade para o ano que vén. Sigue lendo
Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, recital poético
O
VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).
Esta é a crónica videográfica do recital poético co que finalizaron as mesas redondas da xornada, coa participación de Berta Dávila, Mario Regueira, Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial e Samuel L. París, presentados por Alicia Fernández:
– Recital de Rosalía Fernández Rial.
– Recital de Mario Regueira.
– Recital de Gonzalo Hermo.
– Recital de Berta Dávila.
– Recital de Samuel L. París.
Programa do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Propostas de diálogo en tempos mestizos, o sábado 8 de novembro
O
VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os terá lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).
A entrada de balde até completar aforo.
Acceda aquí á sección Palabra Audiovisual, na que están os vídeos achegados por diversos creadores/as.
O ano 1996 a AELG botou a andar os Encontros de Escritores/as Novos/as, experimentando diversos formatos en cada edición. Nesta oitava, o lema é Propostas de diálogo en tempos mestizos.
O programa é o seguinte:
■ 11:00-12:00 h. Dramaturxia e emerxencia: propostas de diálogo para a próxima década. Rosalía Fernández e Roi Vidal. Coordina: Vanesa Sotelo.
■ 12:00-12:30 h. Coloquio.
■ 12:30-13.30 h. As outras. Os outros. Berta Dávila e Samuel Solleiro. Coordina: Mario Regueira.
■ 13:30-14:00 h. Coloquio.
■ 16:00-17:00 h. Máis alá! O futuro da poesía en tempos mestizos. Samuel L. Paris. Coordina: Gonzalo Hermo.
■ 17:00-17.30 h. Coloquio.
■ 18:00 h. Recital. Berta Dávila | Mario Regueira | Gonzalo Hermo | Rosalía Fernández Rial | Samuel L. Paris. Presenta: Alicia Fernández.
■ 19:00 h. Videoproxeccións: palabra audiovisual.
■ 20:00 h. Concerto das Ataque Escampe.



