San Sadurniño: III Recital Poesía en feminino

A Nova Poesía Guitirica (NPG) presenta a súa páxina web

A NPG Nova Poesía Guitirica lanza a súa web, presentada como unha revista poética dixital aberta a outros grupos poéticos de base e coa vocación de ser nun futuro tamén revista en papel.
A web conta xa con unha primeira colaboración como exemplo de Antón de Guizán (NPG) e Toño Núñez e a sección ESTRAPERLO de publicacións dixitais para descargar gratuitamente.
En proximos días estrearemos cabeceira con deseño da artista Luz Darriba.
O consello Editorial está constituido por unha persoa de cada grupo poético (Poesía galega ceibe da Costa da Morte, Moraima de Ferrolterra, In Nave Cívitas da Coruña e NPG da Terra Chá). Ao Consello Editorial iranse incorporando tantas persoas como grupos se adiran no futuro, dos que se prevén novas incorporacións nos próximos días. A coordinación corresponde ao poeta Moncho Bouzas (NPG).
A debuxante vilalbesa Isabel Pardo é a encargada das ilustracións, que comezaron xa cos retratos dos poetas participantes.
A NPG GaZeta será on soporte básico dos certames futuros, tanto para as convocatorias como para as publicacións e tamén o motor de colaboración entre diferentes colectivoa poéticos de base.
Este novo paso consolida o camiño comenzado o 23 de outubro de 2015 pola NPG, que en pouco máis de tres anos se ten convertido en referente da actividade poética chairega e mesmo alén da comarca polo dinamismo e orixinais propostas de participación aberta. Vilariñas, Poemas pendurados de farolas, publicacións dixitais, recitais, concertos, xornadas… teñen convertido á NPG nun dos grupos poéticos máis activos do país.
Ao éxito do facebook con máis de 3000 aderid@s, a Nova Poesía Guitirica suma agora plataforma web para sumar cualitativamente na difusión da poesía galega dun xeito directone en rede.

Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”

San Sadurniño: recital de poesía en feminino

O sábado 16 de setembro, ás 18:30 horas, no patio interior da Casa do Concello de San Sadurniño (Lugar do Casal nº 16), terá lugar un Recital de poesía en feminino. Ao acto asistirán Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, María Xosé Lamas, Xosé Abeledo, Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe, Silvia Pardo e Luz Campello, quen lerán textos poéticos. Tamén participan Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira, e a cantautora Sandra Tenreiro.

Mondoñedo é Poesía 2017

Mondoñedo é Poesía 2017 chega á súa cuarta edición convocando, como nas edicións anteriores, a máis de dúas ducias de homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas o día 1 de maio nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai xa 476 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS

TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
Horario de visitas: sábado, 29 de abril, e domingo, 30 de abril: de 17:30 a 21:30 horas. O luns, 1 de maio: de 17:30 ata 21:00 h.

OFRENDA-HOMENAXE A EDUARDO LENCE-SANTAR
Cemiterio Vello: Luns, 1 de maio, 17:00 h.
Loador: Armando Requeixo
Con motivo de cumprirse o 25 de abril o centenario do nomeamento de E. Lence-Santar como primeiro Cronista oficial de Mondoñedo.

MONDOÑEDO é POESÍA 2017
Luns, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
17:30 h.: Praza da Concello
Daniel Irimia Yáñez, Montse González Álvarez, Marina Oural Villapol, Carmen Pavón Souto e Silvia García. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:00 h.: Praza da Catedral
Antón de Guizán, África Sánchez, Eva García González, Chema Merino e Silvia García Fernández. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:30 h.: Praza Jaime Cabot (ao lado do Auditorio Pascual Veiga)
Carmen Rodríguez Lage, Antón Fortes Torres e Iria Rivas. Poema musicado: Paloma Suanzes.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga
De 19:00 a 20:30 h.-Recital poético-musical

Música: Paloma Suanzes.
Regueifas: Trioliro Regueifeiros (Luís “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas).
Poetas: Tamara Andrés Padín, Ana Vila Portomeñe, Xavier Rodríguez Baixeras, Eva Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás, Modesto Fraga, Marta Dacosta e Manuel Rivas.

Publicacións*
Papel de color. Publicación conmemorativa de MONDOÑEDO é POESÍA 2017 con deseño e ilustracións de Antón Caxoto e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
*Esta publicación entregarase gratuitamente aos asistentes ao final do recital poético-musical no Auditorio Municipal Pascual Veiga.

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo.