Desde Fervenzas Literarias (foto: Concello de Cotobade):
“O pasado domingo inaugurouse, cun acto simbólico no lugar da Insuela, parroquia de Loureiro, concello de Cotobade, o Ano Antonio Fraguas, a quen a Real Academia Galega homenaxeará este 2019 co Día das Letras Galegas. En palabras de Víctor F. Freixanes, presidente da Academia, “será un ano de celebración arredor da figura de don Antonio e, ao mesmo tempo, de reivindicación da lingua e da cultura popular, expresión da lealdade histórica do pobo galego a prol da súa identidade. Antonio Fraguas dedicou a súa vida a estudar as raíces que nos explican a todos nós”.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo de anfitrión e deu a palabra a todos os invitados, institucións que se suman á celebración do Día das Letras Galegas: o Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas, representados polo seu presidente, o historiador Xusto Beramendi; a Deputacion de Pontevedra, representada polo deputado de cultura, Xosé Leal; o goberno do país, representada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a familia de Antonio Fraguas, en representación da cal falou o seu sobriño Xosé Martínez.
Logo das intervencións descubriuse na fachada da casa natal unha placa conmemorativa, deseñada por un canteiro do lugar e, a continuación, interpretouse o Himno Galego. Diante dun numeroso grupo de asistentes, constituído por representantes de institucións políticas e culturais, así como por veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade, os presentes fixeron votos por unha celebración activa e participativa do Día das Letras Galegas, na liña de mobilización civil que nos últimos anos vén animando a onomástica do 17 de maio.
Proximamente, presentarase nos colexios de Cerdedo-Cotobade a iniciativa Primavera das Letras, dirixida a escolares de educación infantil e primaria, promovida tamén pola Real Academia Galega.”
Arquivos da etiqueta: Antonio Fraguas (Antón Fraguas)
O Día das Letras Galegas de 2019 estará dedicado a Antón Fraguas
Desde a Real Academia Galega (fotografía do autor, do Consello da Cultura Galega):
“Antón Fraguas protagonizará o Día das Letras Galegas de 2019. Así o acordou o sábado7 de xullo o Pleno da Real Academia Galega na sesión ordinaria celebrada na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria.
A biografía de Antón Fraguas é un percorrido por boa parte da historia galega do século XX. Entrou en contacto desde moi novo co galeguismo, cando estudou bacharelato en Pontevedra, unha etapa decisiva no rumbo que seguiría. Alí empezou a xermolar, como alumno no Instituto Xeneral e Técnico, o seu interese pola cultura galega da man de docentes como Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas. Foi, de feito, un dos fundadores, en 1923, da Sociedade de Lingua, nada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario. Xa na etapa universitaria en Santiago ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co SEG, do que logo sería membro numerario.
Nesta institución inaugurou en Galicia, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica, e abordou o Entroido e outros temas sobre a súa terra. Nestes tempos de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con máis de trescentos libros e artigos de revistas, ademais de incontables anacos de xornais, nos que Galicia era o seu motivo esencial.
Antón Fraguas escribiu sobre xeografía, cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que quizais máis destacou foi o do estudo da cultura campesiña, e en especial da súa parte espiritual. Festas, crenzas, romarías, cantigas, usos e costurmes, dicires etc. aparecen nos seus ensaios e conferencias que eran, en palabras do profesor Eiras Roel, non só amenos relatos, senón unha manifestación temperá e adiantada para Galicia do que hoxe se deu en chamar a historia das mentalidades.
Tras exercer como profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC, en 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil. Por este motivo tivo que dedicarse ao ensino privado, que exerceu nunha academia propia, a Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na rúa Algalia de Abaixo de Santiago. A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia na Facultade de Filosofía e Letras, que reclamara os seus servizos, ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Ensinou primeiro no Instituto Masculino de Lugo e en 1959 acadou o traslado ao daquela Instituto Feminino Rosalía de Castro de Santiago, onde compaxinou o ensino medio co universitario ata a súa xubilación forzosa en 1975.
Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956 co discurso Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente. Foi tamén, xa na Autonomía, coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega. Desde estas palestras organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía galega.
Recibiu, entre outras distincións, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.”
Compostela: Antonio Fraguas Fraguas. Vinte aniversario (1999-2019)
Catro candidatos e unha candidata para as Letras 2018
Desde Sermos Galiza:
“Cinco son as opcións que terán os académicos e académicas para elixir a quen homenaxearemos nas Letras 2018. E hai algunhas sorpresas que entran por primeira vez na listaxe de candidatables.
Os cinco aspirantes son: María Victoria Moreno, a candidata con máis posibilidades; o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero; o poeta Eusebio Lorenzo Baleirón; o historiador Antón Fraguas; e o xornalista, escritor e tradutor Plácido Castro.
Tal e como xa contamos a pasada semana, a aspirante con máis posibilidades é a escritora María Victoria Moreno (Cáceres,1941 – Pontevedra, 2005), que vén respaldada ademais por tres sinaturas clave do grupo que sostén a presidencia de Víctor Freixanes. Segundo fontes consultadas por Sermos, esta candidatura tería sido pactada entre a executiva saínte presidida por Alonso Montero, e a actual.
Mentres, Ricardo Carvalho Calero (Ferrol 1910 – Santiago 1990) segue a ser o eterno aspirante que nunca chegou a ser recoñecido. Aínda que o seu valor literario ten partidarios e detractores, a súa importancia intelectual fica fóra de dúbida. Nesta ocasión volve ser apoiado polo sector ‘ferrinista’.
Volve irromper na listaxe de elixibles Plácido Castro (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967), figura clave da cultura galega na diáspora, cuxa candidatura foi impulsada polo IGADI e pola propia fundación que leva o seu nome. Escritor, xornalista e tradutor, foi un persoeiro destacado do galeguismo de entreguerras e redactor da BBC onde levou adiante o ‘Galician Programme’ na nosa lingua.
Quen entra por vez primeira na listaxe é o escritor Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986), unha promesa da poesía galega que viviu demasiado pouco. Apoiado a nivel local polo seu Concello, na Academia tamén foi avalado pola ‘oposición’.
Outra presenza nova é a de Antón Fraguas (Cerdedo-Cotobade, 1903 – Santiago, 1999), un destacado historiador e antropólogo galeguista, militante das Irmandades, membro do Seminario de Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego.”
Dez entidades impulsan o Arquivo Histórico do Nacionalismo
Desde Sermos Galiza:
“Milleiros de documentos que compoñen os arquivos de doce entidades incorporaranse ao Arquivo Histórico do Nacionalismo que se converterá no maior repertorio documental da historia do nacionalismo galego. O portal disponibilizará os fondos para a investigación e consulta.
Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Bautista Álvarez, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación Losada Diéguez, Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras e Fundación Vicente Risco, xunto con Murguía. Revista Galega de Historia e o Museo do Pobo Galego son as dez entidades que se xuntan para construír o Arquivo do Nacionalismo Galego que reunirá os fondos documentais que custodian cada unha delas no que está chamado a ser un completo repertorio histórico do movemento nacionalista dos séculos XIX e XX.
A foto de familia da presentación da nova iniciativa reuniu esta cuarta feira, día 4 de febreiro, no Museo do Pobo Galego en Compostela representantes das dez entidades no que foi considerado un fito histórico na recuperación da memoria do nacionalismo galego. Milleiros de documentos constituirán, grazas á colaboración das dez Fundacións e entidades, o maior arquivo da historia do movemento nacionalista ao que irán sumando novas aportacións de colectivos e particulares.
As entidades que fan parte da nova iniciativa coinciden á hora de valorar a urxencia de sumar forzas de organizacións e particulares para saldar a eiva da historia documental do nacionalismo. Os arquivos de persoeiros como Manuel María, Alexandre Bóveda, Losada Diéguez, Castelao ou Vicente Risco xúntanse con outros que recolleron a historia documental de organizacións como a Fundación Galiza Sempre ou a Fundación Moncho Reboiras. Canda elas, o Museo do Pobo Galego incorpora ao catálogo legados de figuras como Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Manuel Beiras ou os arquivos de Unidade Galega ou o Club Nacionalista Alén Nós.
Para o coordinador do proxecto, Uxío Breogán Diéguez, “o consenso foi absoluto á hora de poñer a andar o proxecto e de valorar a necesidade de mancomunar a documentación. Que estas entidades se xuntaran para desenvolver por vez primeira un proxecto conxunto é un fito histórico”, valora o profesor e investigador. (…)”