Arquivos da etiqueta: Antón Riveiro Coello
Booktrailer de Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello
Compostela: presentación de Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello
O mércores 11 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Xerardo AgraFoxo e Víctor F. Freixanes.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 25 e domingo 26
O domingo 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados nos dous últimos días desta edición:
Sábado 25
– 12:00 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada, publicado por Xerais, e Elos de cinza, de Xosé Manuel Lobato, publicado por Ézaro, coa participación de Manuel Bragado, Antón Riveiro Coello e Alejandro Miguéns. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 20:30 h. Presentación de A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, publicado por Galaxia, e de O solpor dos deuses, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños Editora. Coa participación de Manuel Cartea e Adolfo Muíños Sánchez.
Domingo 26
– 12:00 h. Presentación do libro infantil As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro, publicada por Galaxia e de Leandro e os números, de Rocío Pérez Castro. Participarán no acto Francisco Castro, Lidia Brea e Rita Bugallo. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos por Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
Antón Riveiro Coello: “Ler un libro na zona de sombra de Barraña”
Desde La Voz de Galicia:
“(…) Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras: «Ler un libro na zona de sombra de Barraña». Recoñece que el non é home de sol, polo que propón acudir a este areal a partir das seis da tarde, cando o gran astro xa non quenta con forza: «Eu son máis de sombra que de sol, por iso me gusta esa zona do litoral boirense, xa que conxuga as dúas opcións».
O autor non dubida á hora de propoñer incluso un libro para levar na bolsa da praia: «Recomendo o último que lin e que vai ser presentado en breve. Trátase da biografía de Faustino Rey Romero que elaborou o rianxeiro Ricardo Losada». Para aqueles que desexen entreterse estas vacacións mergullándose nunha das aventuras que asina este boirense de adopción, aí vai a suxestión: «Das miñas obras, recomendo Laura no deserto».
Antón Riveiro Coello fai estas propostas para gozar deste verán en Barbanza porque el é o que fará, dedicar as vacacións estivais a deixarse levar polo mundo das letras. No seu caso, ademais de ler, escribirá. Quere aproveitar as vindeiras semanas para pechar o seu novo libro. Trátase dunha obra titulada Os elefantes de Sokúrov que, se todo sae segundo o previsto, estará nas librarías o vindeiro outono. (…)”
Antón Riveiro Coello, “O autor de novelas longas que escribe postais pequenas”
Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Ingravidez” é o título da “micropostal” número 47 que o escritor Antón Riveiro Coello publica a través da rede social facebook. O escritor conta ter nas librarías de cara a fin de ano unha nova novela que terá por volta das 500 páxinas, na antítese destes textos de pequena dimensión que escribe sobre imaxes.
Autor de obras tan celebradas como As rulas de Bakunin, Laura no deserto ou Acordes náufragos, o escritor bota man destes textos de pequena dimensión publicados sobre unha imaxe á maneira de postal como “contrapeso” do intenso exercicio de elaboración dunha novela, en boa parte dos casos de amplas dimensións.
Agarda chegar en non moito tempo ás cento cincuenta e, para daquela, valora a posibilidade dmicropostale publicar con elas un libro que será singular na súa produción literaria. As súas creacións pasarán así da rede facebook ao papel. Como adianto, a revista Grial publica no seu novo número unha pequena colección co título, “Á sombra dos bonsais”. “Este formato obrígame a cinguirme a poucas frases e iso gústame. Procuro publicar dúas á semana e que o texto sexa pequeno porque, segundo aprecio, son as que máis se len”, explica o escritor que aproveita a publicación das micropostais para manter un contacto continuado e directo cos seus lectores e lectoras.
“Axudan a calibrar se estás atinado. Ao meu ver, acontece como coa poesía, teñen que ter o toque de iluminación, de chispa. Son un formato de relato breve que xa traballaron con bos resultados autores como Castelao e Dieste”, afirma Riveiro Coello, na antítese da novela que vén de rematar, un novo libro que sairá posibelmente de cara a fin de ano e ao que lle calcula por volta das 500 páxinas.”
Antón Riveiro Coello: “O home que escribe para cambiar o mundo”
Reportaxe en La Voz de Galicia sobre Antón Riveiro Coello:
“«Sigo a escribir na construción de castelos no aire para que outros os habiten». Con esta frase describe Antón Riveiro Coello a súa paixón. É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, aínda que o seu romance ca escrita comezou de forma tardía. Tivo que namorarse para descubrir o seu talento e daquela xa cumprira as vinte primaveras. Conta o escritor que sempre foi un neno creativo, pero o que lle interesaba era a música e, máis concretamente, o rock. Cando coñeceu a súa muller e comezou a escribirlle cartas de amor e mesturou nelas os máis fermosos versos. Animouse a presentar un relato a un certame e xa non houbo volta atrás. Dende entón vive para escribir, aínda que o compaxina co seu traballo como funcionario da Administración. «Vivir só da miña paixón é complicado. Gustaríame moito, pero creo que tería que prostituírme e escribir sobre temas máis comerciais que quizás non sexan os que máis me apetecen. Deste xeito non estou tan condicionado polo mercado». (…)
Asegura Riveiro Coello que o que busca é seducir ao lector, e actualmente traballa nunha novela extensa. Trata sobre as novas xeracións que se atopan cos problemas da crise e que tantas dificultades teñen para acceder ao mundo laboral. A protagonista, unha rapaza de trinta anos, ten que traballar no que pode para sobrevivir. O escritor afirma que aspira a cambiar o mundo con cada letra que escribe, ou polo menos a cambiar algo no lector. Na mesa do seu escritorio hai trinta ou corenta libros e un dous últimos que leu titúlase Instrucións para tomar café.
Non é precisamente na cafeína onde este prolífico creador atopa a inspiración: «Só necesito ter boa saúde e poucas preocupacións; se teño algún problema importante non podo concentrarme». A Antón Riveiro Coello preocúpalle, pero para ben, o proxecto Barbantia que intenta dinamizar culturalmente a comarca. O seu gran reto é escribir a mellor novela do mundo, porque só con esta meta pódense facer grandes obras,
Tamén é amante da música e, como el mesmo explica, «a carreira de artista de rock abortouse o día que a miña compañeira ficou durmida mentres lle tocaba una fermosa canción composta ex profeso para ela». A literatura pasou a estar nun primeiro plano para o autor e grazas a este gracioso episodio hoxe os lectores poden gozar con cada unha das súas obras.”