Arquivos da etiqueta: Armando Requeixo
Faleceu Ramón Lugrís
Desde Criticalia, de Armando Requeixo, e artigo en Praza de Xulio Ríos:
“O mércores 2 de decembro fóisenos o intelectual Ramón Lugrís, que nacera no Ferrol en 1932. Tradutor na BBC en Londres e na ONU en Nova York, malia a súa diáspora estivo sempre atento á realidade sociocultural e literaria galegas e mantivo o contacto coas figuras principais do galeguismo do seu tempo.
Reproduzo aquí unha carta inédita que enviou a Ramón Piñeiro o 2 de outubro de 1961. Nela, á parte doutras cuestións relativas a envíos bibliográficos, escribiulle ao de Láncara para transmitirlle a súa moi positiva lectura do poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro, opinión que confirmou días despois ao comentar gabanciosamente o libro para o xornal La Noche (9-11-1961).
Piñeiro fíxolle chegar esta carta a Díaz Castro con outra que el mesmo lle escribiu (8-10-1961). Respondendo á mesma (10-10-1961), o de Guitiriz confesoulle ao de Láncara estar asombrado e moi agradecido “polos termos desmesuradamente eloxosos” que Lugrís dedicara a Nimbos, o mesmo que repetiu a Piñeiro noutra carta días máis tarde (24-10-1961), misivas todas estas que hoxe poden consultarse no Epistolario do guitiricense.
Sirvan estas liñas como recoñecemento ao estudoso de Risco, ao galeguista que axudou a pensar os rumbos do país no faladoiro do Derby compostelán, onde coñeceu a Otero Pedrayo, Del Riego, Piñeiro, García-Sabell, Cabanillas e tantos outros e onde logo foi irmán dos Franco Grande, Rodríguez Mourullo ou Cores Trasmonte, o mesmo que na BBC foi compañeiro de Pérez-Barreiro Nolla e Punset e en Nova York compartiu angueiras con Martínez López ou Guerra da Cal.” Sigue lendo
Ourense: presentación de Ostrácia, de Teresa Moure
Coa presenza de Teresa Moure e Armando Requeixo.
Xavier Queipo gaña o XXXIV Premio Blanco Amor de novela coa obra Os Kowa
Desde a
Deputación de Ourense:
“A XXXIV edición do premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor, que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa, de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luís González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas. (…)
Os Kowa é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado. (…)
Luís González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”. (…)
A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.
No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luís González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe “é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida”.”
Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios de comunicación, 27 e 28 de novembro
Compostela: presentación de Amores sen morte/Deathless Loves, de Claudio Rodríguez Fer
O
xoves 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Follas Novas de Santiago de Compostela (Rúa Montero Ríos, 37), preséntase a antoloxía bilingüe galego-inglesa Amores sen morte/Deathless Loves, de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Follas Novas Edicións. No acto, xunto ao autor, participan Armando Requeixo, Luís Alonso Girgado, Jorge Sacido e Laura Lojo.
Transición, de Pablo Fernández Barba, gaña o XVI Premio Risco de Creación Literaria
Desde
Tempo de Lecer:
“A obra Transición, de Pablo Fernández Barba, resultou gañadora do XVI Premio Risco de Creación Literaria, organizado polo Concello de Ourense desde a súa área de Cultura e a Fundación Vicente Risco en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco. O fallo produciuse o sábado 21 de novembro coa reunión do xurado no Liceo de Ourense.
A decisión recaeu sobre os seguintes membros do xurado: Rubén Eyré, gañador da pasada edición, Antón G. Blanco, profesor de lingua e literatura, María Garrido, profesora de lingua e literatura, Serafín Alonso Pintos, profesor de lingua e literatura, Armando Requeixo Cuba, escritor e crítico literario en representación da editorial Sotelo Blanco, e Luís Martínez-Risco, en representación da Fundación Vicente Risco, como secretario do certame. (…)
A obra gañadora é premiada con 6.000€ e a publicación de 150 exemplares do libro.”
Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios de comunicación, os 27 e 28 de novembro
Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez, por Armando Requeixo
Desde
Criticalia, de Armando Requeixo:
“O pasado venres 6 de novembro tiven o pracer de acompañar a Toño Núñez na presentación do seu poemario Poemas de Amor en Outono no Salón de Actos do Instituto Lucus Augusti. Na mesa estiveron tamén Xosé Otero Canto e mais Bruno Máez, un como moderador e recitador e o outro na apoiatura informático-cinematográfica. Amais, o grupo Batital amenizou a velada interpretando diversos temas, un deles musicación dunha composición do libro que se presentaba e que ilustrou Miguel Anxo Macía. As palabras que seguen foron as que dediquei a introducir o libro de versos do poeta de Navia.
A poesía é o gran milagre do mundo, deixou escrito Luís Pimentel, poeta maior desta urbs romana que nos acolle. E é verdade. Sen a palabra que aloumiña o Tempo, ¿quen podería aturar os días avarentos?, ¿como celebrar as xeiras solares? Somos raqueiros da verba. Tiramos dela as enerxías necesarias para fundar o futuro, para guiar o presente, para honrar o pasado. Por iso, que nos convoque hoxe aquí a celebración destes Poemas de Amor en Outono de Toño Núñez é a mellor confirmación, máis unha vez, de que somos por obra e arte da palabra, a casa do ser, o miliario áureo a partir do cal cobra sentido a medición do que imos sendo.
Coñezo poucas persoas que posúan, en tan alto grao, a fe poética que Toño atesoura. Vencedor de todos os anxos soturnos do desalento, este meu amigo naviego conxurouse consigo mesmo para facer realidade unha arela: a de ver publicado este volume –en realidade un libro cd– na compaña dos seus amigos; a saber: o pintor Miguel Anxo Macía, responsable das ilustracións que visten estas páxinas; o fotógrafo e director de cine Bruno Máez, responsable das imaxes e montaxe do dvd que acompaña o libro; e o músico Carlos Díaz, encargado de facer vibrar sonoramente a palabra aquecida do poeta. Neste concerto, servidor tivo a fortuna de axudar a colocar o ramo cunhas palabras limiares, que son apenas unha salutación e desexo de boa fada para que estes Poemas de Amor en Outono se fagan ver de lonxe polo Fachinelo no peito dos letraferidos. (…)”
Casas literarias: Manuel Leiras Pulpeiro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Esta que aquí vedes é a casa natal de Manuel Leiras Pulpeiro. Veu ao mundo nela o 25 de outubro de 1854. Entón, a vía na que se atopa coñecíase polo nome de Rúa da Ronda (pois por alí discorría, en tempos, a vella muralla medieval da cidade) e a vivenda levaba o número 18. Hoxe chámase Rúa de Febrero (en honor a José Febrero, o famoso xurisconsulto mindoniense do século XVIII) e foi renumerada.
Temos constancia da súa nacenza nesta rúa porque así o testemuña o libro de bautizados do Arquivo Diocesano de Mondoñedo, tal como documentou no seu día Andrés García Doural nun seu estudo sobre a familia Leiras.
O que logo foi o primeiro dos grandes poetas mindonienses contemporáneos residiu en diferentes vivendas da súa cidade natal, pois foi dunhas a outras primeiro con seus pais —cando era neno aínda— e logo por si mesmo debido a diferentes causas (poño por caso, o seu casamento con María de los Milagros Andía Villar).
Leiras Pulpeiro é un acabado exemplo de mindonicidade xenuína, pois contados foron os períodos que permaneceu lonxe da súa raiceira (apenas o tempo dos estudos superiores, pois, unha vez licenciado en Medicina, regresou decontado a exercer en Mondoñedo). (…)”



